DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 05 de maio de 2004 Páx. 6.308

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 84/2004, do 23 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos a Balixe da parroquia de Perdecanai.

O Concello de Barro, en sesión que tivo lugar o día dezaoito de setembro de dous mil tres, aprobou

o proxecto de accesos a Balixe da parroquia de Perdecanai e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O Concello de Barro remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Con

sellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día seis de febreiro de dous mil catro.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día tres de decembro de dous mil tres.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe sobre o proxecto, no cal formula diversas consideracións que se deberán ter en conta, para o efecto de que a realización das obras teñan as mínimas afeccións ao medio natural. O dito informe tivo data de entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte e dous de marzo de dous mil catro.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a urxencia se basea nos numerosos accidentes que ocorren no entroncamento da estrada nacional 550 debido á súa extrema estreiteza, que incluso impide circular nun tramo a máis dun vehículo, véndose obrigados a se deteren en puntos perigosos da estrada, polo que se fai necesaria a actuación para mellorar a seguridade vial e facilitar uns accesos adecuados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de abril de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos a Balixe da parroquia de Perdecanai, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local