DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 05 de maio de 2004 Páx. 6.307

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 83/2004, do 23 de abril, polo que se resolve o expediente de deslindamento entre os termos municipais dos concellos de Coristanco e Carballo.

Tramitado o expediente de acordo co procedemento establecido na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo, regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais, o Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe o 3 de abril de 2000 no cal propón como liña a proposta polo Concello de Carballo, prestando desconformidade a este o Concello de Coristanco, dentro do prazo concedido aos concellos para presentaren alegacións.

Visto o disposto nos artigos 41.1º e 44.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, segundo os cales os conflitos que poidan suscitarse entre municipios en relación co deslindamento dos seus termos serán resoltos polo Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do Instituto Xeográfico Nacional, da Deputación Provincial, da Comisión Galega de Delimitación Territorial e logo do ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de abril de dous mil catro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Resolver a cuestión suscitada entre os concellos de Coristanco e Carballo, sobre o deslindamento dos seus termos municipais, no sentido de considerar válida e vixente a liña límite xurisdicional establecida de conformidade coa acta de deslindamento do 30 de agosto de 1928, tal e como se reflecte no Mapa Topográfico Nacional a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional que figura no anexo deste decreto.

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou calquera outro recurso que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local