DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 04 de maio de 2004 Páx. 6.222

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 82/2004, do 23 de abril, de modificación do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos.

O Decreto 223/2003, do 11 de abril, establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, distribuíndo as competencias atribuídas á dita consellería entre os centros directivos dependentes dela.

Con posterioridade á promulgación do referido decreto, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 11/2004, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolven as competencias en materia de sociedade da información e do coñecemento que, no seu artigo 4, crea a Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e do Coñecemento, adscribíndoa á Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

En consecuencia, este decreto modifica a estrutura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio engadindo ás funcións da Subdirección Xeral de Tecnoloxía da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, en materia de sociedade da información e do coñecemento, a preparación dos asuntos que deban tratarse na referida comisión interdepartamental, así como a colaboración e asesoramento que a presidencia dela lle demande.

Por outra banda, este decreto contempla tamén a modificación do artigo 10.2º do Decreto 223/2003, do 11 de abril, atribuíndolle expresamente á Subdirección Xeral de Desenvolvemento Sectorial as competencias en materia de propiedade industrial, que non estaban especificamente asignadas a ningún órgano da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial e creando unha nova unidade administrativa para tal efecto.

Polo demais, resulta necesario modificar o ámbito competencial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e mailas atribucións da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas contemplando expresamente as materias de metroloxía e de metais preciosos, atribuídas á Subdirección Xeral de Administración Industrial nos artigos 12.1º b) e k) e 17.2º a) do Decreto 223/2003, do 11 de abril e creando o Servizo de Laboratorios Oficiais, que asumirá a dirección de todos os laboratorios dependentes deste centro directivo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, logo do informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de abril de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, queda modificado nos seguintes termos:

Un.-O primeiro parágrafo do artigo 1º queda redactado como segue:

«A Consellería de Innovación, Industria e Comercio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións nos ámbitos da investigación, desenvolvemento e innovación, industria, metroloxía, metais preciosos, enerxía, minería, artesanía, comercio interior e exterior, consumo, telecomunicacións e sociedade da información e do coñecemento, así como a planificación, en colaboración coa consellería competente en materia de política territorial, das infraestruturas dos servizos industriais do solo empresarial e residencial, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia».

Dous.-Engádeselle unha letra f) ao artigo 10º.1.C coa seguinte redacción:

«f) A preparación dos asuntos que deban ser tratados na Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, así como a colaboración e asesoramento que a presidencia desta lle demande».

Tres.-Engádese unha letra E) ao artigo 10º.2, que terá a seguinte redacción:

«E) En materia de propiedade industrial:

a) A elaboración, proposta, execución e control de programas de actuación en materia de vixilancia tecnolóxica e propiedade industrial e a xestión das funcións derivadas de acordos coa Oficina Española de Patentes e Marcas.

b) A proposta da normativa relativa á propiedade industrial.

c) A actuación como órgano de relación e participación con organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de patentes e marcas.

d) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudos e estatísticas e sensibilización en materia de propiedade industrial».

Catro.-O inciso final do artigo 10º.2 terá o seguinte teor literal:

«Contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Xestión e Cooperación Empresarial.

2.2. Servizo de Propiedade Industrial e Vixilancia Tecnolóxica».

Cinco.-O texto do artigo 11º substitúese polo seguinte:

«Á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas».

Seis.-Engádese un punto 1.3 ao final do artigo 12º.1 co contido seguinte:

«1.3. Servizo de Laboratorios Oficiais».

Sete.-Introdúcese unha letra d) no artigo 17º.2 co seguinte texto:

«d) A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, a través da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Fácultase o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para dictar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA