DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Xoves, 29 de abril de 2004 Páx. 6.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2004 pola que se convocan cursos en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural os cursos que figuran no anexo, que deberán desenvolverse segundo as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

As solicitudes de admisión para os cursos, segundo o modelo oficial que figura ao final da convocatoria, dirixiranse ao Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, rúa Fontiñas, 31, 15703 Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou en calquera das súas delegacións provinciais sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 66 51, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles a partir do día seguinte da publicación desta resolución no DOG.

Terceira.-Selección.

Os criterios de selección serán os que figuran no anexo, segundo as características de cada curso, e respectarán en todo caso os criterios selectivos sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 11 de febreiro de 2004 (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

Cuarta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles o correspondente certificado de asistencia ós alumnos que, sendo persoal da Comunidade Autónoma, participen con regularidade no curso.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

ANEXO I

* Curso: viticultura e enoloxía.

1. Obxectivos:

Impartir unha formación básica para coñecer os criterios mínimos que permitan unha viticultura e enoloxía de calidade.

2. Destinatarios:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, técnicos en viticultura e enoloxía.

3. Criterios de selección:

Persoal da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural relacionado no seu traballo coa viticultura e a enoloxía. Técnicos do sector.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 25 horas.

4.2. Lugar de realización: Estación de viticultura e enoloxía de Galicia (Leiro-Ourense).

4.3. Datas: do 14 ao 18 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 9.00 a 14.00 horas.

4.5. Prazas: 25.

5. Contido:

Módulo de viticultura: as principais castes galegas. Deseño de plantación de viñedo. Sistema de produción e poda.

Módulo de enoloxía: elaboración de viños brancos e tintos.

Módulo de enoloxía: enfermidades e defectos dos viños.

Módulo de cata: iniciación á cata de viños brancos e tintos.

Módulo de cata: coñecemento da elaboración de bagazo de Galicia e cata del.

* Curso: fiscalidade e seguridade social agraria.

1. Obxectivos:

Que os técnicos adquiran ou amplíen coñecementos que lles permitan asesorar correctamente os agricultores sobre o contorno legal que rodee as actividades económicas que se desenvolven nas explotacións familiares agrarias, especialmente en termos de fiscalidade agraria, seguridade social e normativa de interese agrario.

2. Destinatarios:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como técnicos de entidades asociativas agrarias.

3. Criterios de selección:

Persoal con responsabilidades en programas vinculados a estas actividades.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 28 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos (Lugo).

4.3. Datas: do 7 ao 11 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 9.30 a 13.30 e de 15.30 a 17.30 horas.

4.5. Prazas: 30.

5. Contido:

Normas legais e tributarias de interese agrario. Seguridade Social Agraria. Sistemas de fiscalidade agraria. Réximes fiscais para os diferentes sistemas produtivos. Transmisión dun terzo dos elementos da explotación segundo a Lei 19/1995 de modernización de explotacións agrarias.

* Xornada: a reforma da política agraria común.

1. Obxectivos:

Coñecer a normativa que define a reforma intermedia da PAC e a súa repercusión no sector agrario galego.

2. Destinatarios:

Persoal da Administración, técnicos das cooperativas e outro persoal técnico relacionado con dita materia.

3. Criterios de selección:

Funcionarios que desenvolvan os seus cometidos nos centros de formación e experimentación agraria, nas oficinas agrarias comarcais e que estean relacionados coa aplicación da política agraria común.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 12 horas.

4.2. Lugar de realización: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública.

4.3. Datas: 3 e 4 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 19.30 horas.

4.5. Prazas: 30.

5. Contido:

Antecedentes da Reforma Intermedia da PAC na Axenda 2000. Contidos do regulamento horizontal (CE) 1787/2003. Contidos dos regulamentos de desenvolvemento rural, OCM do leite e da taxa láctea. Repercusións para o sector agrario galego.

* Curso: formación de formadores de aplicadores-manipuladores.

1. Obxectivos:

Adquirir coñecementos teóricos e prácticos sobre: a interrelación existente entre a técnica de distribución e a eficacia dos tratamentos fitosanitarios en cultivos extensivos, arboricultura, viticultura e horticultura, boas prácticas fitosanitarias. Tratamentos químicos, sustentabilidade do medio e seguridade persoal e alimentaria. Normas técnicas e lexislación relativa á maquinaria de tratamentos fitosanitarios.

2. Destinatarios:

Profesorado dos cursos de aplicadores/manipuladores de produtos fitosanitarios que desenvolvan a súa actividade na Administración.

3. Criterios de selección:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, dos grupos A e B, que estean relacionados co tema. Outros técnicos da Administración.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 25 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón).

4.3. Datas: do 21 ao 25 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 9.00 a 14.00 horas.

4.5. Prazas: 30.

5. Contido:

Eficiencia das aplicacións e control de pragas, enfermidades e vexetación adventicia. Dosificación de produtos fitosanitarios. Equipos de tratamentos fitosanitarios: estudio de compoñentes. Pulverización. Boquillas. Selección e regulación de equipos para tratamentos fitosanitarios. Norma sobre seguridade nos pulverizadores agrícolas. Normas sobre pulverizadores agrícolas e protección ambiental. Inspección en pulverizadores agrícolas. Tratamentos fitosanitarios na Producción Integrada. Prevención da contaminación (deriva). Regulación en campo de máquinas de tratamentos.

* Curso: AutoCAD.

1. Obxectivos:

Dar unha información axeitada aos xestores que interveñen no proceso de concentración parcelaria para que poidan aproveitar todas as utilidades da aplicación informática do AutoCAD.

2. Destinatarios:

Persoal da Xunta de Galicia que interveña directamente no proceso de concentración parcelaria.

3. Criterios de selección:

Persoal da Xunta de Galicia que interveña directamente no proceso de concentración parcelaria.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 40 horas.

4.2. Lugar de realización: Aula de informática do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (Ronda da Muralla, 70).

4.3. Datas: do 24 de maio ao 18 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 8.00 a 10.00 horas.

4.5. Prazas: 20.

5. Contido:

Introducción ao AutoCAD. Referencia a obxectos. Sistemas de coordenadas. Comandos de debuxo. Comando de modificación. Comandos de edición. Comandos de visualización. Propiedades dos obxectos. Sombreado. Debuxo no espacio modelo e no espacio papel. Textos. Escalas. Xestión de capas, cores e tipos de liña. Bloques e atributos. Acotación. Comandos de consulta. Trazados de debuxos. Exercicios prácticos.

* Xornada: Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1. Obxectivos:

Dar a coñecer as normas de ordenación urbanística e protección do medio rural, segundo a Lei 9/2002 e o anteproxecto de Lei de medidas de mobilidade das terras obxecto de concentración parcelaria. Coñecer sobre as normas de aplicación de ordenamento urbanístico no medio rural de Galicia, así como todo o relacionado coa acreditación e recoñecemento administrativo da situación urbanística

da explotación agropecuaria que se ten que realizar antes do 30 de abril de 2004.

2. Destinatarios:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. Criterios de selección:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, dos grupos A e B, que estean relacionados co tema.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 8 horas.

4.2. Lugar de realización: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública.

4.3. Datas: 1 de xuño de 2004.

4.4. Horario: de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

4.5. Prazas: 25.

5. Contido:

A Lei 9/2002, no medio rural. O solo rústico de protección agropecuaria na Lei 9/2002. As vivendas vinculadas ás explotacións agropecuarias. Réxime legal das explotacións agrícolas e gandeiras existentes en solo de núcleo rural e solo rústico á entrada en vigor da Lei 9/2002. Ampliacións e reformas. O recoñecemento das explotacións e das vivendas vinculadas a elas. Réxime legal aplicable ás novas explotacións desde a entrada en vigor da Lei 9/2002. Condicións e procedemento de autorización. Réxime de parcelacións e segregacións en solo rústico. Avaliación do anteproxecto de Lei de medidas de mobilidade das terras obxecto de concentración parcelaria.

* Curso: produción integrada e agricultura ecolóxica nas explotacións agrarias do litoral cantábrico.

1. Obxectivos:

Coñecer novas técnicas de produción integrada e ecolóxica así como a normativa que as afecta.

2. Destinatarios:

Técnicos da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. Criterios de selección:

Persoal con responsabilidades en programas vinculados a estas actividades.

4. Desenvolvemento:

4.1. Duración: 28 horas.

4.2. Lugar de realización: Centro de Formación e Experimentación Agraria de Pedro Murias-Ribadeo (Lugo).

4.3. Datas: do 25 ao 28 de maio de 2004.

4.4. Horario: de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

4.5. Prazas: 30.

5. Contido:

Principios da produción integrada e da agricultura ecolóxica. As microrrizas e o seu uso. Residuos das explotacións e os seus tratamentos. Compostaxe. Os nitratos e o seu uso: residuos. Melloras de manexo. Normativa actual.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA