DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 26 de abril de 2004 Páx. 5.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2004 pola que se convoca unha xornada sobre a necesidade de protección ante os malos tratos ás persoas maiores.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2004 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha xornada sobre a necesidade de protección ante os malos tratos ás persoas maiores, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A cuestión do maltrato ás persoas maiores estase analizando na actualidade dunha maneira moi fragmentada, pero hai que ter claro no contexto xeral no que se pode incardinar e os niveis sociolóxico e legal existentes. As situacións de maltrato teñen, en xeral, moita relación cos contextos familiares en que se realizan ou se estimulan, pero non é o único nivel en que estes se producen. O que maltrata faino moitas veces sen ter referente fixo, pero instintivamente estimulado pola fraxilidade do receptor do maltrato, constituíndo o grupo das persoas maiores

un dos colectivos máis susceptibles de ser víctimas destes.

Como o maltrato afecta tanto os danos físicos, psíquicos ou económicos, preténdese coas presentes xornadas presentar un abano de posibilidades onde os malos tratos se poden producir.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A protección lexislativa das persoas maiores.

-O maltrato ás persoas maiores: a tipificación do contrato de alimentos.

-A capacidade de obrar e o ámbito da saúde.

-A especial protección das persoas maiores como consumidores.

-As persoas maiores en situación de dependencia.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol (praza Camilo José Cela, s/n, da citada cidade), o día 5 de maio de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 4 de maio de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 4 de maio, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA