DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 26 de abril de 2004 Páx. 5.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2004 pola que se convocan cinco xornadas prácticas na loita contra incendios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de cinco xornadas prácticas na loita contra incendios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Xornadas de actualización e reciclaxe na loita contra os incendios, para aqueles voluntarios que teñen certa experiencia neste punto, poñendo ao día os coñecementos e habilidades precisas para actuar de maneira correcta ante os eventos producidos polo lume.

Segunda.-Destinatarios.

Voluntarios de protección civil que teñan realizado o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel sobre loita contra incendios urbanos e forestais.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 20 para cada xornada.

2. Duración e datas: cada unha das xornadas terá unha duración dun día, en horario de 9.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas e desenvolveranse os días 31 de maio e 1, 2, 3 e 4 de xuño de 2004, respectivamente.

3. Lugar: as xornadas realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

4. Aqueles voluntarios seleccionados que teñan roupa axeitada para a realización das prácticas poderán vir provistos dela, de non ser así prestaráselle equipo para o efecto.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nunha destas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de maio de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación ao que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, nº fax: 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nelas trataranse os seguintes temas:

1. Equipos protección térmica.

2. Extinción incendios clase A-B.

3. Manexo de equipos ERA.

4. Rede contra incendios.

a) Conexión/desconexión; tendido/pregado.

b) Construción de liñas de extinción con mangueiras de diferentes tipos e diámetros, liñas de distribución, protección e ventilación. Montaxe de diferentes sistemas de xeración de escuma. Manexo de diferentes clases de espumóxeno asesorando das súas vantaxes e inconvenientes.

c) Prácticas estáticas con presión de auga, adestrando na composición de equipos de extinción.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización de cada unha das xornadas exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración desta. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ao remate da xornada entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a ela.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento da xornada para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de abril de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade