DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 22 de abril de 2004 Páx. 5.677

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de abril de 2004 pola que se desenvolve o Decreto 410/2003, do 6 de novembro, sobre autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a nosa Comunidade

Autónoma e de acordo co Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, BOE do 23 de xaneiro de 1998, que aproba as directrices xerais para a obtención dos títulos de técnicos deportivos, así como as correspondentes ensinanzas mínimas, e co Decreto 410/2003, do 6 de novembro, que desenvolve o procedemento de autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Establecidos os aspectos básicos do procedemento de autorización de referencia, esta orde ten por finalidade o seu desenvolvemento de acordo coa facultade atribuída pola disposición derradeira primeira do Decreto 410/2003, do 6 de novembro.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e funcionamento dun centro privado ou público, que non sexa de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia, iniciarase por instancia de parte mediante solicitude dirixida ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a través da delegación provincial correspondente.

2. No caso de que o centro sexa promovido por unha federación deportiva española que cumpra os requisitos establecidos no artigo 34 da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, e de conformidade co establecido no artigo 35.3º do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, as solicitudes de autorización tramitaranse a través do Consello Superior de Deportes.

3. Se o centro é promovido por unha federación deportiva galega, a solicitude de autorización tramitarase a través da Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

4. As solicitudes a que se refiren os números anteriores axustaranse ao modelo establecido no anexo I desta orde, ás cales se xuntará a documentación correspondente.

Segundo.

1. Se as instalacións propostas teñen que construírse ou reformarse, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tendo en conta o proxecto presentado, remitiralle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa no prazo máximo de dous meses o informe pormenorizado das instalacións con que contará o centro e sobre o cumprimento das condicións hixié

nicas, acústicas, de habitabilidade e de seguridade, así como sobre as condicións que posibiliten a utilización das instalacións por persoas con minusvalideces, de acordo coa lexislación vixente.

A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa ditará resolución sobre a adecuación do proxecto aos regulamentarios requisitos mínimos, logo de solicitar, se o considera oportuno, outros informes.

2. A resolución da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa de aprobación ou denegación do proxecto deberase producir no prazo máximo de tres meses desde a presentación deste, logo da audiencia ao interesado, cando proceda. Esta resolución, que non porá fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez realizadas as obras de acordo co proxecto previamente aprobado, o titular interesado comunicaralle a súa finalización á delegación provincial quen, no prazo dun mes, remitiralle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa o seu informe, en que fará constar expresamente se as ditas obras se realizaron segundo o proxecto aprobado.

Terceiro.-No suposto de que o centro vaia utilizar inmobles xa existentes en que non sexan precisas obras de acondicionamento, a delegación provincial, á vista dos planos presentados e a correspondente comprobación no propio centro, emitirá o informe en que se recollan os aspectos mecionados no número 1 do punto segundo, nun prazo máximo de 2 meses desde a recepción da solicitude.

Cuarto.

1. A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, recibido o expediente a que se refiren os puntos segundo.3 e terceiro, logo de solicitar, se o considera oportuno, outros informes, elevará a súa proposta, no prazo máximo de dous meses, ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

2. A resolución da autorización seralle notificada ao interesado. No caso de ser estimada, publicarase mediante orde no Diario Oficial de Galicia, e na cal constarán os seguintes datos:

-Provincia, concello, localidade e enderezo.

-Denominación xenérica e específica.

-Código do centro.

-Titular.

-Ensinanzas que se autorizan.

3. A modificación de calquera dos datos citados no número anterior requirirá a correspondente auto

rización administrativa, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra a resolución de autorización, que porá fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Quinto.-Considéranse circunstancias que dan lugar á modificación da autorización, que se tramitará segundo establece o artigo 16 do citado Decreto 410/2003, as seguintes:

1. O cambio de denominación específica do centro.

2. A modificación das instalacións que supoña alteración das dimensións dos espazos ou cambio de uso.

3. A ampliación ou redución do número de unidades.

4. A modificación das modalidades de ensino ou do grao para que foi autorizado o centro.

5. A ampliación, redución ou substitución de modalidades ou especialidades para que foi autorizado o centro.

6. O cambio de titularidade do centro.

Sexto.-Considérase circunstancia que exixe a tramitación dun novo expediente de autorización administrativa de apertura e funcionamento o cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións.

Sétimo.-O procedemento de extinción da autorización poderá iniciarse de oficio ou por solicitude do titular interesado, nas condicións e procedementos establecidos nos artigos 17 e 18 do mencionado Decreto 410/2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria