DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 21 de abril de 2004 Páx. 5.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 31 de marzo de 2004 pola que se convocan axudas para a modernización de buques pesqueiros para o exercicio do ano 2004.

A Orde do 14 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da frota e á modernización dos buques pesqueiros (DOG do 2-8-2000), modificada pola do 1 de xullo de 2002 (DOG do 5 de xullo) prevé, que as convocatorias anuais se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde.

Esta orde de convocatoria refírese exclusivamente á liña de axudas á modernización dos buques pesqueiros.

En atención a razóns de celeridade e operatividade, e tendo en conta ademais que a vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma prevé que o prazo de presentación de solicitudes de axudas non será inferior a corenta días naturais, establécese que a documentación da chamada na orde reguladora segunda fase ou de concesión das axudas, se presente toda xa coa solicitude nun único prazo de cincuenta días.

Polas razóns expostas, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas para a modernización dos buques pesqueiros, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 14 de xullo de 2000 (DOG do 2 de agosto) coas súas modificacións introducidas pola Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG do 5 de xullo), o prazo de presentación de solicitudes e toda a documentación será o de cincuenta días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas concederanse con cargo á aplicación 12.03.721V.770.1 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004 e cun importe de 5.707.618 euros.

Disposición transitoria

Nesta convocatoria, e conxuntamente coa solicitude e a documentación prevista no artigo 12.2º da orde reguladora, achegarase tamén a prevista para a modernización no artigo 15.2º desta, e presentarase toda no prazo de cincuenta días hábiles indicado no artigo 1º desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos