DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 21 de abril de 2004 Páx. 5.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de marzo de 2004 pola que se lle autoriza a ampliación de tres unidades de educación infantil ao centro privado María Auxiliadora de Ourense.

Examinado o expediente presentado polo centro privado María Auxiliadora de Ourense, no que solicita a ampliación de tres unidades de educación infantil.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Ourense, quen o remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación; o Real decreto 1537/2003, do 5 de decembro (BOE do 10 de decembro), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas escolares de réxime xeral; o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Considerando que o devandito centro privado ten autorización definitiva para impartir educación infantil esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Autorizarlle a ampliación de tres unidades de educación infantil ao centro privado María Auxiliadora de Ourense, segundo os datos que se relacionan no anexo desta orde, facendo constar que, para a súa posta en funcionamento, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia nas unidades que se amplían.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: Ourense.

Concello: Ourense.

Localidade: Ourense.

Enderezo: praza de Don Bosco, 1.

Denominación: Centro Privado María Auxiliadora.

Titular: Religiosos Salesianos.

Código do centro: 32008458.

Nivel: educación infantil.

Unidades de que constaba: 6.

Unidades novas autorizadas: 3.

Composición resultante:

a) Centro de educación infantil: 9 unidades.

b) Centro de educación primaria: 18 unidades.

c) Centro de educación secundaria:

12 unidades de educación secundaria obrigatoria.

6 unidades de bacharelato das modalidades de ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.