DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 20 de abril de 2004 Páx. 5.555

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre discrepancias na composición e número de asesores da comisión deliberadora do convenio provincial para o comercio de alimentación de Pontevedra.

Visto o texto do laudo arbitral sobre discrepancias na composición e número de asesores da comisión deliberadora do convenio provincial para o comercio de alimentación de Pontevedra, de data 3-3-2004, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 12-3-2004. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA) e Real decreto 2412/1982,

do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 16 de marzo de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral:

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral de data 3 de marzo de 2004, en procedemento de solución de conflitos, con base no establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), no que son interesados, dunha banda César Graña Macenlle, en representación da Asociación de Supermercados y Autoservicios da provincia de Pontevedra, Carlos Andrade Lago, Raúl Vilariño Orge y José Manuel Francisco Mouriño, en representación da Asociación de Comercio de Mayoristas da provincia de Pontevedra; e pola outra Roberto Puga Hermida, en representación de UGT, Manoel Zabala Iglesias, en representación de CIG, Rosa Pérez Álvarez, en representación de CC.OO., y Luis A. Cardero Tabares, en representación de Fetico, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflito sobre diverxencias surdidas entre estas, pola falta de acordo na composición e

número de asesores da comisión deliberadora do convenio provincial para o comercio de alimentación de Pontevedra; visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión presentada por medio deste laudo con base nos seguintes antecedentes:

1. O árbitro proposto é o presidente da mesa de negociación do citado convenio. Nas catro reunións precedentes a que tivo lugar no día de hoxe, non se atopa acordo sobre o número de asesores das centrais sindicais representadas na comisión deliberadora do convenio, presentándose unha serie de diferenzas insalvables entre as dúas partes. No transcurso das intervencións no longo da sesión que tivo lugar da comisión o día de hoxe, e ante a blocaxe que de feito afectaba a comisión para o arranque da negociación, as dúas partes en litixio, propoñen unha solución arbitral con base no artigo 46 do denunciado convenio colectivo, que prevé os procedementos de solución de conflitos do AGA, solicitándose deste xeito a intervención do presiden

te-mediador, nomeándoo árbitro, para que dunha forma taxativa e urxente dirima o litixio presentado e se poida comezar a negociación colectiva, cumprindo así o papel social atribuído ás partes en negociación para o establecemento das condicións colectivas de traballo.

2. Dada a perentoriedade e necesidade das cuestións presentadas polas partes, asinado o correspondente compromiso arbitral, o árbitro, na mesma sesión da propia negociación, urxe ás partes a exposición das súas respectivas ofertas co fin de que se cumpran os principios de audiencia, contradición e igualdade.

3. Dada a participación do árbitro tanto na reunión que se celebra nesta data como a da anterior celebrada o día 25 de febreiro deste ano en curso, da comisión deliberadora na que de xeito amplísimo e contraditorio foron expostas as diversas posturas e reivindicacións da cuestión en litixio, o árbitro entende que dispón de suficientes elementos para resolver a cuestión, que non é xurídica, dado que non se discute a composición da propia comisión deliberadora que, en todo caso, se axusta aos termos legais previstos na Lei do Estatuto dos traballadores, senón que é cuestión que se deberá resolver en equidade, facendo da solución arbitral unha proposta equitativa e operativa, para que as partes desenvolvan o proceso negociador nunhas condicións positivas de garantía, igualdade negocial e ausencia de distorsións que poderían ser provocadas polas diferenzas entre as partes no número de asesores ou de asistentes ás reunións da comisión.

4. O árbitro entende así mesmo que neste laudo fixará o seu parecer, de xeito equilibrado e operativo, o número de asesores por cada sindicato; sen prexuízo disto tamén entende que o presidente dun convenio colectivo debe ter unha certa marxe de operatividade para que en cuestións concretas ou específicas, nas que a propia complexidade o demande, poida de xeito razoable, xustificado e proporcionado, alterar o número de asesores ou asistentes, que se incrementaría para tales cuestións puntuais, facendo, coa necesaria antelación, unha comunicación no seo da propia comisión deliberadora que garanta o principio de igualdade e publicidade, e fixando o número de asistentes ou asesores para a sesión correspondente.

Con base nos anteriores orzamentos, á vista da situación presentada, cumpridos os principios de garantía do procedemento, resolvo a cuestión presentada ditando o seguinte laudo conforme o artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo publicado no DOG do 4 de maio de 1995.

Unico: o número de asistentes ou asesores ás representacións sindicais que forman parte da comisión deliberadora do convenio colectivo provincial do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra será de xeito ordinario de dous asesores ou

asistentes por cada central sindical, podendo o presidente do convenio, para unha cuestión específica alterar o número incrementándoo, e comunicando para estes efectos tal aumento puntual ao resto de membros da comisión deliberadora coa necesaria antelación.

Este laudo poderá ser recurrido ante a xurisdición social nos termos establecidos no punto 4 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Dado en Vigo, 3 de marzo de 2004.

O árbitro

Rubricado

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA