DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 20 de abril de 2004 Páx. 5.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 14 de abril de 2004 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e se convocan as axudas para o ano 2004.

A Orde do 27 de febreiro de 2003, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 48, con data do 10 de marzo, establecía as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e se convocaban as axudas para o ano 2003.

Posteriormente, pola orde desta consellería, do 29 de abril de 2003, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 91, con data do 13 de maio, ampliáronse as liñas de axuda para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, e convocáronse para o ano 2003.

A experiencia na xestión destas axudas e os resultados que se obtiveron durante o ano pasado, sobre todo o número de entidades asociativas beneficiarias, o volume de investimentos e gastos realizados, a dimensión dos proxectos amparados e os postos de traballo xerados, xustifican o interese e a continuidade destas liñas de axuda; aínda que, para mellorar a operatividade e os resultados que se obteñen, se considera necesario introducir determinadas modificacións das bases reguladoras, que redunden en beneficio das entidades asociativas de carácter agropecuario, dos agricultores e do complexo agropecuario galego en xeral.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30º.I 1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto modificar as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, que se establecen nas ordes do 27 de febreiro de 2003 (DOG nº 48, do 10 de marzo), e do 29 de abril de 2003 (DOG nº 91, do 13 de maio), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como convocar estas axudas para o exercicio orzamentario 2004.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras

Artigo 2º.-Modificación das bases reguladoras.

Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 27 de febreiro de 2003, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia:

a) O artigo 17º, relativo aos beneficiarios das axudas para informatización, queda redactado como segue:

Artigo 17º: «Poderanse acoller as cooperativas agrarias de carácter agropecuario, así como as SAT que transforman e comercializan as producións dos seus socios, sempre que teñan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) O punto 7 do artigo 25º, relativo dos condicionantes que deben cumprir as entidades asociativas solicitantes de axudas para a contratación de persoal, queda redactado como segue:

Artigo 25º.7: Serán subvencionables todas aquelas contratacións de persoal e prórrogas que se realicen ata o 1 de setembro do ano en curso, como data límite para a formalización do contrato de traballo.

c) As alíneas b e f do artigo 27º, relativo á documentación específica que deben presentar as entidades asociativas solicitantes de axudas para a contratación de persoal, quedan redactados como segue:

Artigo 27º.b: Orzamento anual das novas contratacións e prórrogas, calculado e detallado mes a mes, a partir da data en que se produce a contratación ou prórroga.

Artigo 27º.f: Copia compulsada dos TC1 e TC2 dos meses de abril e novembro do ano anterior, especificando o nome completo dos traballadores que se corresponden cos códigos do TC2, para efectos da súa identificación e control.

d) Engádese unha alínea h ao artigo 27º, coa seguinte redacción:

Artigo 27º.h: Relación completa dos empregados que ten no cadro a entidade asociativa, no momento de presentar a solicitude de axuda.

e) Modifícanse os anexos I, II e III, da Orde do 27 de febreiro de 2003, e redáctanse de novo na súa totalidade. Xúntanse como anexos I, II e III con esta orde, para a substitución dos anteriores e seren utilizados polas entidades asociativas como modelo para a presentación das solicitudes de axuda.

Sección segunda

Convocatoria das axudas para o ano 2004

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o ano 2004 as axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia, reguladas nas ordes da consellería, do 27 de febreiro de 2003 (DOG nº 48, do 10 de marzo), e do 29 de abril de 2003 (DOG nº 91, do 13 de maio), coas modificacións que se detallan no artigo 2º desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poderse acoller ás axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario, deberanse cumprir os requisitos establecidos nas ordes da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 27 de febreiro de 2003 e do 29 de abril de 2003, coas modificacións introducidas por esta orde.

2. As axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario teñen por finalidade incrementar a formación cooperativa dos agricultores e gandeiros socios, así como mellorar a xestión e os servizos prestados, mediante un maior coñecemento da súa realidade e posibilidades de futuro e a contratación do persoal necesario, xerando creación neta de emprego. Tamén se considera de interese a implantación de normas de calidade e a correcta xestión dos residuos das explotacións agropecuarias e a súa valorización e eliminación controlada.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e xestión das axudas.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o establecido no artigo 37º da Orde do 27 de febreiro de 2003, xunto coa documentación que se detalla

nos artigos 6º, 13º, 20º, 27º, 34º e 39º da devandita orde; e no artigo 5º da Orde do 29 de abril de 2003; así como de conformidade coa redacción dada por esta orde.

Para a presentación da solicitude de axuda deberase utilizar o modelo que se xunta con esta orde, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación presentada.

2. As entidades asociativas beneficiarias, os conceptos subvencionables e a contía económica, os criterios de valoración, o procedemento de xestión das axudas e o prazo e forma de xustificación delas, axustaranse ao establecido nesta orde e nas ordes do 27 de febreiro de 2003 e do 29 de abril de 2003, da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 6º.-Prazo de presentación.

Para o ano 2004, o prazo de presentación das solicitudes de axuda será de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.612-A.770.0, por un importe de 622.395,44 euros; 09.04.615-A.770.0, por un importe de 50.000 euros; e 09.04.712-B.770.0, por un importe de 100.000 euros; dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, así como con outros remanentes que puidesen existir nas mesmas aplicacións.

En todo caso, a concesión das axudas para mellorar a formación, xestión e consolidación do asociacionismo agrario en Galicia estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

Quedan exentas de presentar os xustificantes do cumprimento das obrigas coa seguridade social, facenda autonómica e axencia tributaria, as entidades asociativas beneficiarias de axudas que non superen os 1.500 euros, de acordo co establecido no artigo 42º da Lei 8/2003, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria, para que, no ámbito das súas competencias, dite as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural