DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 19 de abril de 2004 Páx. 5.495

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2004 pola que se convocan dous cursos básicos de auxiliares de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos básicos para auxiliares de policía local, segundo o previsto na disposición adicional II da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das

policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

* Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivos dotar os auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

* Destinatarios.

Os cursos van dirixidos a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolver funcións de auxiliar de policía local durante a temporada de verán, nos concellos de Galicia.

* Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 19 de maio de 2004 para efectuar a correspondente reserva de praza.

* Prazas.

Sen límite.

* Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que van ser contratadas como auxiliares de policía local; para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de maio de 2004.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

* Contido e duración.

Os cursos celebraranse en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e neles trataranse entre outras as seguintes materias:

-Intervención policial.

-Tráfico e seguridade vial.

-Policía administrativa.

-Intervención policial.

-Primeiros auxilios.

-Dereito penal.

-Dereito procesual-penal.

Os cursos terán unha duración de 5 días, cun total de 40 horas lectivas.

* Lugar.

Os cursos desenvolveranse na Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

* Datas.

Os cursos desenvolveranse nas seguintes datas:

1º curso: do 24 ao 28 de maio.

2º curso: do 31 de maio ao 4 de xuño.

O horario dos cursos será de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

* Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable superar a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuran no programa.

* Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de marzo de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA