DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Venres, 16 de abril de 2004 Páx. 5.371

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 76/2004, do 25 de marzo, polo que se aproba o cambio de denominación e os estatutos do Colexio Territorial de Administradores de Predios de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

O artigo 13.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, dictada en virtude da devandita competencia, establece que a aprobación do cambio de denominación dun colexio profesional se realizará por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia. Este cambio prodúcese como consecuencia da necesaria adaptación da denominación do colexio profesional ao ámbito territorial vixente, que é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na disposición transitoria da devandita lei disponse que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia acordou na asemblea xeral extraordinaria celebrada o 23 de maio de 2003 a aprobación dos estatutos.

Posteriormente foron comunicados a esta consellería para aos efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade. Ao mesmo tempo solicítase o cambio de denominación do colexio.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Cambio de denominación.

Aprobar o cambio de denominación, o Colexio Oficial de Administradores de Predios da Coruña pasa a denominarse Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia.

Artigo 2º.-Estatutos.

Aprobar, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de

Administradores de Predios de Galicia

Capítulo I

O Colexio, fins e funcións

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia, é unha corporación de dereito público, amparado pola lei e recoñecida polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Ten personalidade xurídica propia e absoluta capacidade para o cumprimento dos seus fins e no exercicio das súas funcións, podendo adquirir a título oneroso ou gratuíto, allear, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas, e en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recurso en todas as ordes xurisdiccionais así como administrativas.

A súa estructura interna e funcionamento serán democráticos.

Artigo 2º.-Ambito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do colexio comprende as catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

A sede social radica na Coruña, no domicilio da rúa Juan Flórez, número 49, 2º dereita, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para cambiala, logo de aceptación da asemblea xeral.

Artigo 3º.-Representación legal.

A representación legal deste colexio, tanto no xuízo como fóra del recaerá no seu presidente, o cal se encontra lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores ou letrados ou calquera clase de mandatarios, logo do acordo da Xunta de Goberno.

Artigo 4º.-Regulación.

Este colexio réxese, no desenvolvemento do disposto no artigo 36 da Constitución española, polas normas básicas da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos estatutos do presente colexio e os xerais da profesión así como polos regulamentos de réxime interior e acordos dos seus órganos de goberno na súa respectiva competencia.

Artigo 5º.-Fins esenciais.

Son fins esenciais do colexio, a ordenación do exercicio da profesión de administradores de predios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas directrices do Consello Xeral e segundo o previsto nas leis, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, a exixencia do cumprimento das normas xurídicas e deontolóxicas no exercicio da profesión coa actuación disciplinaria a que dera lugar e, en xeral, á promoción da máis axeitada prestación da actividade profesional, coordinando os intereses do colexio e dos seus afiliados co necesario servizo á sociedade.

Artigo 6º.-Funcións do colexio.

Para o cumprimento dos seus fins, corresponden ao colexio, dentro do seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúe a lexislación vixente de colexios profesionais, e en particular, a título enunciativo e non limitativo, as seguintes:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, a actividade profesional dos colexiados, velando polo cumprimento das normas deontolóxicas, dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos dos particulares, exercendo a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

b) Representar e defender a profesión ante as administracións públicas, institucións, corporacións, tribunais, entidades e particulares, coa absoluta lexitimación para ser parte en cantos litixios e cuestións afecten os intereses profesionais e colexiais, e exercer o dereito de petición, de acordo coa lei.

c) Exercer as funcións que lle encomende a Administración, prestándolle colaboración mediante a realización de estudos, informes, estatísticas e

demais actividades relacionadas cos seus fins propios, que poden serlle solicitadas ou acorde por propia iniciativa.

d) Facilitar aos tribunais a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

e) Informar os proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais que agrupen, ou se refiran aos fins ou funcións a eles encomendados cando a Administración confira ao obrigado trámite de audiencia, para a defensa daqueles que puidesen resultar afectados.

f) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia cando ela o requira ou así o estableza a normativa vixente.

g) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos no que se argumenten cuestións que afecten materias da competencia profesional cando lle sexan solicitados pola Administración ou os tribunais ou cando algún dos litigantes desexe presentalos, nos termos establecidos nos artigos 340 e 341 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

h) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

i) Organizar actividades dirixidas á formación e perfeccionamento profesional dos colexiados.

j) Organizar e promover actividades de interese colexial e profesional na orde formativa, cultural, e asistencial a favor dos colexiados, establecendo para estes efectos a colaboración con outros colexios ou entidades.

k) Establecer os criterios de honorarios profesionais, que terán carácter meramente orientativo.

l) Fixar as cotas e contribucións económicas dos colexiados que sexan necesarias para o sustento económico do colexio e o desenvolvemento dos seus fins.

m) Recadar e administrar os seus fondos, elaborando o orzamento anual de ingresos e gastos, así como a súa liquidación e balance, someténdoos a coñecemento da asemblea xeral de colexiados para a súa sanción.

n) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as leis en canto afecten a profesión, os estatutos profesionais e, se é o caso, o regulamento de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

o) Adoptar as medidas conducentes a evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal, así como o exercicio irregular da profesión.

p) Exercitar a potestade disciplinaria sobre aos administradores de predios colexiados, impoñendo sancións e correccións disciplinarias cando dea lugar a iso, de acordo co rexime disciplinario e procedemento regulados nos estatutos e na lei.

q) Expedir o carné profesional dos colexiados.

r) Atender as reclamacións e queixas fundadas que formulen dos administrados contra a actuación profesional dos colexiados

s) Intervir, como mediador, nos conflitos profesionais que xurdan entre os colexiados, logo de solicitude dos interesados. Exercer funcións arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de arbitraxe, organizando, administrando, creando ou patrocinando asociacións de arbitraxe.

t) Todas as demais funcións que repercutan en beneficio dos intereses colexiais ou profesionais, así como as dispostas ou recoñecidas na lexislación vixente.

Artigo 7º.-Estatutos.

O colexio elaborará os seus propios estatutos, segundo acordo da xunta xeral de colexiados, someténdoos á aprobación da asemblea xeral, debendo ser elevados ao Consello Xeral para o seu coñecemento, sen prexuízo do réxime de aprobación que corresponda á Comunidade Autónoma de Galicia, debendo ser posteriormente publicados.

Para a modificación dos estatutos observaranse os mesmos requisitos que para a súa aprobación.

O colexio tamén poderá elaborar, segundo acordo da asemblea xeral de colexiados, o seu regulamento de réxime interior e outras normas que considere oportunas para a súa correcta interpretación, desenvolvemento e aplicación, debendo ser aprobadas pola asemblea xeral e sometidas ao coñecemento do Consello Xeral.

Artigo 8º.-Relacións orgánicas.

O colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos contemplados na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionarase coa Administración autonómica a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, e nas cuestións referentes ao contido de cada profesión a través da consellería ou consellerías competentes ao respecto.

Do mesmo xeito, o colexio territorial, por medio do seu Consello Xeral de colexios, relacionarase coa Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Fomento, ou o que, se é o caso, corresponda.

Capítulo II

Dos administradores de predios

Artigo 9º.-Definición.

É administrador de predios, para efectos dos presentes estatutos, a persoa física que reunindo os requisitos esixidos nas leis e nos presentes estatutos, se dedica ao exercicio profesional da actividade de administración de predios, xa sexan estes rústicos ou urbanos.

Para tal efecto, entenderase que exercen profesionalmente a mencionada actividade, as persoas físicas que, de forma habitual e constante, con des

pacho aberto ao público, destinen a totalidade ou parte do seu traballo á administración de predios rústicos ou urbanos, propiedade de terceiros, en beneficio destes, con suxeición ás leis e aos presentes estatutos, velando polo interese común e devengando aos correspondentes honorarios profesionais.

Artigo 10º.-Requisitos para o exercicio da profesión de administrador de predios.

1. É requisito indispensable para o exercicio da profesión de administrador de predios: incorporarse ao colexio de administradores de predios que territorialmente lle corresponda, que será aquel en que se estableza o domicilio profesional único ou principal do interesado, bastando con iso para o exercicio da profesión en todo o territorio español.

Os funcionarios e o persoal laboral das administracións públicas non necesitarán estar colexiados para o exercicio das súas funcións administrativas nin para a realización de actividades propias desta profesión, por conta daquelas, cando o destinatario inmediato e único de tales actividades sexa a Administración.

10.1.1. Para incorporarse ao colexio terán que cumprirse os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Estar en posesión da titulación exixida para o exercicio da profesión.

c) Carecer de antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da profesión.

d) Non atoparse inhabilitado ou suspendido, en virtude de sentencia firme, para o exercicio da profesión.

2. A incorporación aos colexios de administradores de predios poderá efectuarse polos seguintes procedementos:

a) Acreditando estar en posesión dun dos títulos seguintes: licenciado en dereito, en ciencias económicas ou ciencias empresariais, enxeñeiros agrónomos ou de montes, veterinario, técnico agrícola ou forestal e diplomados en ciencias empresariais de escolas universitarias de estudios empresariais ou calquera outro título semellante, debidamente homologado, procedente da Unión Europea, así como outro título universitario de estudios inmobiliarios e da construción que permita o acceso directo á profesión que sexa recoñecido polo Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios.

b) Para aqueles que sen ter a titulación descrita na alínea anterior, que estean en posesión do correspondente título de bacharelato, de técnico e técnico superior de formación profesional ou calquera outro que dea acceso a estudiar unha carreira universitaria, deberán superar os tres cursos selectivos de formación de carácter técnico e especializada, contidos no plan de estudios elaborado pola Escola Oficial de Administradores de Predios e impartidos por calquera das universidades que concertasen convenio co Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios.

3. En todo caso, a incorporación ao colexio territorial respectivo levará consigo a expedición do correspondente título oficial de administrador de predios, expedido polo Ministerio de Fomento por proposta do Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios.

4. O exercicio ocasional de profesionais doutros colexios no eido territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, por parte de profesionais adscritos a outros colexios exixirá a comunicación ao colexio de Galicia das actuacións que se realicen na súa demarcación, podendo o colexio exixir as contraprestacións económicas que habitualmente exixa aos seus colexiados pola prestación de servizo dos que sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

Artigo 11º.-Clases de administradores.

1. A incorporación do administrador de predios ao colexio poderá ser en calidade de exercente ou non exercente.

Son exercentes aqueles que se adican, mediante a percepción de honorarios, á administración de bens inmobles propiedade de terceiros, xa sexan estes rústicos ou urbanos, en réxime de explotación directas, arrendamento, propiedade de cooperativas e comunidades de propietarios para a construción de vivendas, urbanizacións cos seus servizos, instalacións e anexos comúns, e entidades colaboradoras da xestión de cantos cometidos garden relación coa administración de bens inmobles.

O colexiado non exercente, no caso de citar nos seus escritos o título de administrador de predios, deberá precisar a condición de non exercente.

2. A Xunta de Goberno, logo de aprobación pola asemblea xeral, poderá nomear administradores de predios de honor aos colexiados e outras persoas físicas que destacasen no exercicio profesional, a prestación de servizos moi distinguidos en beneficio da profesión ou do colexio, ou dedicasen singular esforzo e apoio á mellora, promoción e desenvolvemento ao sector da propiedade inmobiliaria e da súa lexislación reguladora.

A proposta para tal designación será realizada pola Xunta de Goberno, co voto favorable de dous terzos dos seus membros, mediante votación secreta, debendo acordar o nomeamento a Xunta Xeral por maioría simple.

Os administradores de honor terán dereito de asistencia, en lugar preferente, ás asembleas xerais, con voto e sen voto, agás que se tratase de colexiados.

Artigo 12º.-Altas.

1. Corresponde á Xunta de Goberno do colexio a decisión sobre as solicitudes de incorporación, que obrigatoriamente deberá adoptar no prazo de tres meses desde a recepción da documentación.

As resolucións da Xunta de Goberno que deneguen ou suspendan a incorporación ao colexio deberán estar fundamentadas nalgunha das causas ou incumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10.1º destes estatutos, debéndose notificar aos solicitan

tes, os cales poderán interpoñer recurso fronte a elas, no prazo de trinta días e ante a propia Xunta de Goberno, que o resolverá nos trinta días seguintes. Contra o acordo definitivo procederase recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Territoriais de Administradores de Predios, no prazo dun mes.

2. Non poderá denegarse a incorporación ao colexio a quen reúna os requisitos exixibles para iso nestes estatutos, nin tampouco poderá limitarse o número de colexiados.

3. Admitida a solicitude de incorporación ao colexio, farase entrega ao colexiado do correspondente título de administrador de predios e expediráselle a súa tarxeta de identidade correspondente autorizada polo presidente e secretario do colexio, logo do envío do número de censo nacional polo Consello Xeral, a correspondente tarxeta acreditará a condición de administrador de predios e colexiado do seu titular.

A identificación como administrador de predios colexiado farase constar en toda a correspondencia profesional, comunicacións e publicidade.

Artigo 13º.-Baixas.

1. A condición de colexiado perderase:

a) Por baixa voluntaria.

b) Por inhabilitación permanente para o exercicio da profesión en cumprimento dunha resolución disciplinaria firme en vía administrativa, imposta de conformidade co previsto nos presentes estatutos, ou mediante sentenza xudicial firme por conduta constitutiva de delito.

Por non pagamento das cotas colexiais correspondentes a unha anualidade, ordinarias ou extraordinarias, ou calquera outra carga económica establecida polo colexio.

2. A baixa polas causas establecidas nas alíneas b) e c) do punto anterior, será notificada por escrito ao interesado unha vez firme e definitiva a resolución, producindo efecto desde ese mesmo momento.

3. Cando a baixa fúndese na causa c) do punto primeiro, os afectados poderán reincorporarse ao colexio aboando o que deben e canto correspondese a unha nova incorporación.

Artigo 14º.-Dereitos.

Todos os colexiados terán os seguintes dereitos:

a) Participar de forma activa na vida corporativa, exercendo os dereitos de voto, petición e acceso a cargos directivos, de acordo coas normas establecidas nestes estatutos.

b) Presentar ao colexio cantas proposicións xulgue convenientes para a profesión ou ao colexio.

c) Formular queixas fundamentadas de actos ou feitos que poidan ir en prexuízo seu, do colexio ou da profesión.

d) Participar no uso e desfrute dos bens do colexio e dos servizos que este teña establecidos, sempre

que non prexudique aos dereitos dos demais colexiados.

e) Recibir información sobre a actividade corporativa e de interese profesional, por medio dos instrumentos informativos que se creen para o efecto.

f) A obter o carné profesional se son colexiados exercentes.

g) Exercer cantos dereitos se deriven destes estatutos e demais disposicións aplicables.

Artigo 15º.-Deberes.

Todos os membros do colexio, sexan ou non exercentes, terán aos seguintes deberes:

a) Todo colexiado, desde a súa incorporación ao colexio, deberá coñecer e acatar os estatutos, e demais normas colexiais.

b) Cumprir dilixentemente a normativa vixente, e cantas prescricións conteñen estes estatutos, así como os que se establezan nos regulamentos de réxime interior, e os acordos validamente adoptados polo respectivo colexio e o Consello Xeral.

c) Asistir ás xuntas das asembleas xerais e demais actos corporativos.

d) Aceptar o desempeño dos cometidos que lle foron encomendados polos órganos de goberno así como os cargos para os que foron elixidos.

e) Aboar puntualmente as cotas que se establezan, ordinarias ou extraordinarias e demais contribucións ou derramas para levantar as cargas colexiais, calquera que sexa a súa natureza, do modo que determine a asemblea xeral, por disposición estatutaria ou por calquera outra legalmente aplicable.

f) Denunciar ante o colexio calquera irregularidade no exercicio da profesión así como calquera acto de competencia desleal.

g) Cumprir o seu cometido profesional con dilixencia, axustando a súa actuación aos principios de confianza e boa fe cos seus clientes, respectando e acatando as demais normas deontolóxicas e aplicando a técnica profesional adecuada ao caso.

h) Respectar os dereitos profesionais ou corporativos doutros colexiados, empregando a maior corrección e lealdade nas súas relacións co colexio e cos outros colexiados.

i) Facer constar nos documentos relativos á actividade profesional e demais comunicacións, o seu nome, apelidos e número de colexiado.

j) Comunicar, dentro do prazo de trinta días, os cambios de residencia e domicilio profesional, así como o exercicio da actividade no eido territorial dun colexio distinto a aquel no que está colexiado.

k) Cando exerza en ámbito distinto ao do colexio de inscrición, deberá respectar as normas do colexio de acollida, quedando sometido á súa potestade sancionadora por todos aqueles actos e incumprimentos profesionais nos que puidese incorrer no seu ámbito ou circunscrición, e deberá aboar as contraprestacións económicas correspondentes que non sexan cubertas pola cota colexial ordinaria.

l) Calquera outro deber que se desprenda das prescricións legais ou estatutarias vixentes.

Artigo 16º.-Publicidade.

A publicidade do exercicio da profesión estará sometida ao cumprimento das normas legais sobre a materia.

Os administradores de predios estarán obrigados a informar ao colexio do nome comercial empregado no exercicio da súa actividade.

Artigo 17º.-Titularidade de despachos.

Só os administradores colexiados poderán ser titulares, propietarios ou copropietarios de negocios ou actividades dedicados á administración de predios legalmente establecidos.

A cesión, traspaso ou transmisión do dito negocio de administración de predios soamente poderá realizarse a favor doutro ou doutros administradores colexiados de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación sobre a materia.

Capítulo III

Dos órganos de goberno do colexio

Estructura e funcións

Artigo 18º.-Dos órganos de goberno.

1. O goberno do colexio establécese sobre a base dunha ampla autonomía.

2. O colexio de administradores de predios estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

a) A asemblea xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O presidente.

Sección primeira

Asemblea xeral

Artigo 19º.-A asemblea xeral.

A asemblea xeral, formada por todos os colexiados, é o órgano soberano da decisión do colexio.

Sección segunda

Xunta de Goberno

Artigo 20º.-A Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno é o órgano executivo e de representación do colexio.

O colexio de administradores rexerase por unha Xunta de Goberno que estará constituída polo presidente, tres vicepresidentes, un secretario, un tesoureiro, un contador-censor e un número de vogais non inferior a cinco nin superior a doce.

Artigo 21º.-Funcións da Xunta de Goberno.

Corresponde á Xunta de Goberno, en xeral, asumir, promover e realizar todas as funcións atribuídas ao colexio, agás as que son competencia da asemblea xeral, así como executar os acordos desta, e en particular:

a) Aprobar, denegar ou suspender a incorporación de novos colexiados e acordar as baixas nos casos que proceda.

b) Sancionar as actuacións irregulares dos colexiados polo incumprimento das súas obrigas profesionais, ben se deduzan destes estatutos ou de calquera outra norma exixible, exercendo as accións disciplinarias que correspondan.

c) Premiar e distinguir aos administradores que destaquen no exercicio da súa profesión e na prestación de servizos ao colexio.

d) Facilitar información aos colexiados sobre cuestións de interese profesional, corporativo ou colexial.

e) Velar porque no exercicio profesional se observen e respecten as normas e condicións axeitadas para non desacreditar o prestixio da profesión, provendo o exercicio de accións que fosen precisas para iso.

f) Perseguir o intrusismo, así como as persoas que colaboren ou faciliten o irregular exercicio da profesión.

g) Executar e facer cumprir os acordos adoptados pola asemblea xeral.

h) Elaborar e propoñer á aprobación da asemblea xeral os traballos para a determinación da contía dos honorarios profesionais, que terán carácter de orientativos.

i) Determinar o importe da cota de incorporación dos colexiados, as cotas ordinarias e as extraordinarias, así como as derramas que se consideren necesarias, e sometelo á aprobación da asemblea xeral de colexiados.

j) Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio.

k) Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

l) Nomear e cesar os empregados do colexio.

m) Convocar eleccións para a provisión e renovación de cargos da Xunta de Goberno.

n) Prover provisionalmente as vacantes que se produzan nos cargos da Xunta de Goberno, ata a definitiva elección.

o) Convocar asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias, incluíndo na orde do día as cuestións que estime oportunas.

p) Nomear as comisións que considere necesarias para responsabilizar os cometidos e traballos que estime axeitados, removendo os compoñentes electos se a súa función non é debidamente desempeñada, no suposto de neglixencia, grave incapacidade ou desidia no mencionado cometido poderá ser, tamén, obxecto doutro tipo de sanción.

q) Elaborar os regulamentos de réxime interior, normas disciplinarias, deontolóxicas ou calquera outra, así como as súas modificacións, todo isto sometido á aprobación da asemblea xeral para a súa vixencia.

r) Propoñer á Administración pública e demais autoridades suxestións e estudios que se consideren beneficiosos para o sector inmobiliario, colaborando con aquelas nas cuestións técnicas e nas demais relacionadas cos fins propios do colexio, en canto incidan en beneficio do ben común.

s) Levar a termo todas as demais funcións atribuídas ao colexio non citadas nas alíneas anteriores e que non estean expresamente reservadas á asemblea xeral, así se conteñan nestes estatutos ou en calquera disposición legalmente aplicable.

Artigo 22º.-Funcionamento da Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno reunirase cando a importancia dos asuntos así o requira, e como mínimo, unha vez ao trimestre, ou cando o acorde o presidente, ou o solicite unha cuarta parte dos seus membros, neste caso deberá celebrarse no prazo máximo de quince días.

2. A convocatoria será cursada polo secretario coa orde previa do presidente, cunha antelación como mínimo de cinco días, agás casos urxentes. Farase por escrito, contendo a orde do día, non podendo adoptar acordo sobre cuestións non incluídas nela, salvo as de carácter urxente, sobrevidas con posterioridade á convocatoria, cando estando presentes todos os membros do órgano colexiado sexa declarada a urxencia do asunto por voto favorable da maioría.

3. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes, correspondendo ao presidente o voto de calidade.

4. Das reunións levantarase acta, que será redactada no libro correspondente e asinada polo presidente e o secretario.

Artigo 23º.-O presidente.

O presidente do colexio represéntao en todas as súas relacións coa Administración, autoridades, corporacións, tribunais e particulares; correspóndelle á dirección do colexio, supervisando o bo funcionamento dos seus servizos; podendo tomar decisións que por necesidades de urxencia sexa preciso adoptar dentro do marco da súa competencia, dando conta posteriormente á Xunta de Goberno, e promoverá e coordinará as tarefas encamiñadas ao mellor cumprimento e obtención dos fins colexiais.

Ademais, terá as seguintes facultades:

a) Velar pola legalidade de todos os actos e acordos colexiais.

b) Convocar, presidir e dirixir as reunións da asemblea xeral, das xuntas de goberno e comisións do colexio, empregando o seu voto de calidade cando proceda.

c) Ordear os pagamentos que se realizarán con cargo aos fondos do colexio.

d) Realizar toda clase de operacións bancarias que sexan necesarias para o funcionamento do colexio, conxuntamente co secretario ou tesoureiro.

e) Asinar cantos documentos públicos ou privados conteñan a representación do colexio.

f) Representar ao colexio no xuízo e ante toda clase de tribunais, podendo outorgar poderes de representación, con todas as facultades, sen excepción, co acordo previo da Xunta de Goberno.

g) Promover a colaboración con outros colexios profesionais, universidades, entidades públicas e privadas, administracións públicas ou calquera outra sociedade aprobando e asinando convenios que resulten beneficiosos para a nosa institución colexial.

h) E, en xeral, exercer cantas facultades lle atribúan os presentes estatutos, non previstas nas alíneas anteriores.

Artigo 24º.-Os vicepresidentes.

Os vicepresidentes realizarán as funcións que lles sexan encomendadas polo presidente, e asumirán as deste no caso de ausencia, enfermidade, suspensión ou vacante, suplíndoo pola orde dos seus cargos; tamén serán membros do Consello Nacional, cando polo número de colexiados se teña dereito a outra ou outras vocalías diferentes á da presidencia, facendo quendas entre eles para eses cometidos para o caso de imposibilidade xustificada de asistencia.

Artigo 25º.-O secretario.

Corresponde ao secretario:

a) Redactar as actas das xuntas de goberno e das asembleas xerais.

b) Redactar e formar os escritos de citación para todos os actos do colexio, seguindo as instruccións do presidente.

c) Instrumentar a organización administrativa do colexio, comprobando o seu funcionamento de maneira permanente, con especial atención á posta ao día do rexistro e expedientes de colexiados, co seu historial, distincións e sancións disciplinarias.

d) Confeccionar o censo anual de colexiados.

e) Ostentar a xefatura do persoal do colexio, comprobando o cumprimento das tarefas que lle corresponden.

f) Recibir todas as comunicacións e correspondencia, dando conta a quen proceda, e asinar os escritos sen que a sinatura non corresponda ao presidente.

g) Intervir e asinar, conxuntamente co presidente e/ou tesoureiro, na realización de todas as operacións bancarias.

h) Autorizar coa súa sinatura, co visto bo do presidente, as certificacións e demais documentos colexiais.

i) Ter ao seu cargo o selo e documentación do colexio.

j) Informar a Xunta de Goberno de todas as cuestións de interese e propoñer cantas medidas estime adecuadas.

Artigo 26º.-O tesoureiro.

Terá as seguintes funcións:

a) Recadar e custodiar os fondos do colexio.

b) Atender as ordes de pagamento libradas polo presidente.

c) Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

d) Informar a Xunta de Goberno sobre a situación e cumprimento das previsións orzamentarias de ingresos e gastos.

e) Controlar trimestralmente o cobramento das cotas e derramas colexiais, propoñendo a adopción das medidas procedentes nos casos de mora ou falta de pagamento.

f) Redactar os orzamentos anuais e practicar a conta xeral que a Xunta de Goberno deba propoñer á asemblea xeral.

g) Intervir e asinar, conxuntamente co presidente e/ou secretario, na realización de todas as operacións bancarias.

Artigo 27º.-O contador-censor.

Correspóndelle:

a) Inspeccionar a contabilidade e a caixa do colexio.

b) Intervir os libramentos de pagamento do presidente, secretario ou tesoureiro e o movemento das contas bancarias e fondos do colexio.

c) Adoptar as medidas que estimen convenientes para a salvagarda dos recursos económicos do colexio, dando conta á Xunta de Goberno.

d) Confeccionar, conxuntamente co tesoureiro os orzamentos e contas que se vaian someter á aprobación da asemblea xeral.

e) Practicar o inventario dos bens do colexio, dos que será administrador.

f) Colaborar co tesoureiro no control dos fondos e recursos económicos do colexio.

Artigo 28º.-Os vogais.

Os vogais, cuxos cargos estarán numerados, desempeñarán os traballos que expresamente lles encomende a Xunta de Goberno, e colaborarán de modo permanente con ela.

Nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante do secretario, tesoureiro ou contador, substituirán a estes pola orde do seu número.

Artigo 29º.-Cesamentos.

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán no seu cargo por algunha das seguintes causas:

a) Renuncia do interesado.

b) Perda dos requisitos para desempeñar o cargo.

c) Fin do prazo para o que foron designados.

d) Falta inxustificada de asistencia ás reunións da xunta, en tres sesións consecutivas ou cinco alternas no transcurso dun ano.

e) Remoción, pola asemblea xeral, por proposta da Xunta de Goberno, mediante o voto favorable das tres cuartas partes dos membros da Xunta de Goberno, en votación secreta, persoal e indelegable.

f) Moción de censura.

2.1. O vinte e cinco por cento dos colexiados poderán presentar contra un, varios ou todos os membros da Xunta de Goberno, moción de censura, debendo ademais, presentar á asemblea xeral a nova composición proposta para a Xunta de Goberno.

2.2. O presidente deberá convocar, nun prazo máximo de quince días, asemblea xeral extraordinaria en que se debaterá a dita moción.

2.3. O debate iniciarase coa defensa da moción polo aspirante a presidente del colegio. Posteriormente Intervirá o presidente para defender a súa xestión para defender a súa xestión.

2.4. As quendas de réplica así como os tempos destinados a cada interveniente fixaranse no regulamento de réxime interno do colexio.

2.5. A moción entenderase aprobada co voto favorable da maioría (a metade máis un) dos colexiados presentes na asemblea xeral extraordinaria validamente constituída. Desestimada a moción, non poderán os mesmos avalistas promover unha nova moción de censura durante o resto da lexislación.

2.6. A duración do mandato da nova Xunta de Goberno será ata a convocatoria de novas eleccións.

Sección terceira

Persoal do colexio

Artigo 30º.-Dereitos e obrigas:

Os dereitos e obrigas do persoal do colexio serán os recoñecidos e declarados na lexislación laboral vixente.

Artigo 31º.-Nomeamento.

1. Os nomeamentos, separacións, cesamentos e destitucións do persoal do colexio faraos a Xunta de Goberno por proposta do secretario ou de calquera dos seus membros, dando coñecemento á asemblea xeral.

2. O procedemento de tales medidas, así como as sancións e correccións disciplinarias, será o consignado na normativa laboral de aplicación. Para a tramitación oficial respecto do persoal do colexio considerarase o presidente como xefe de empresa laboral e o secretario como xefe de persoal da dita empresa.

Artigo 32º.-Asesoría xurídica do colexio.

1. O colexio terá un servicio de asesoría xurídica.

2. A designación da persoa que ten o cargo de asesor xurídico do colexio corresponde á Xunta de Goberno.

3. O asesor xurídico informará, en dereito, de toda clase de expedientes e recursos e atenderá cantas consultas lle formulen os colexiados acerca da interpretación das disposicións oficiais, normas ditadas e proxectos en que se considere pertinente o seu

ditame e realizará cantos outros labores, acordes coa sua categoría profesional, lle sexan solicitadas pola Xunta de Goberno.

Sección cuarta

Eleccións

Artigo 33º

1. A elección de todos os cargos da Xunta de Goberno será efectuada por todos os colexiados a través de sufraxio universal, libre, directo e secredo e sen que se admita o voto delegado

2. O dereito de voto poderá exercerse por correo, de acordo co disposto nestes estatutos, e en calquera das formas establecidas na lexislación sobre réxime electoral xeral, sempre que garanta a autenticidade e o secredo do voto.

3. O voto dos colexiados exercentes terá dobre valor que o dos non exercentes.

4. O proceso electoral levarase a cabo con suxeición aos trámites establecidos nos artigos 38 e seguintes dos presentes estatutos.

Artigo 34º

1. Os cargos de presidente, vicepresidentes, secretario, tesoureiro e contador-censor proveranse entre colexiados exercentes que posúan a condición de elector. Os de vogais poderán ser provistos tanto entre colexiados exercentes como non exercentes, sen que estes últimos poidan exceder do cincuenta por cento.

2. Non poderán ser membros da Xunta de Goberno os colexiados que fosen condenados por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, nin quen sufra sancións disciplinarias do colexio que leven aparellada a inhabilitación permanente ou a suspensión temporal, agás que fosen rehabilitados.

Artigo 35º

O tempo de mandato de todos os cargos será de catro anos, podendo ser reelixidos por iguais períodos indefinidamente. Ao rematar o primeiro bienio, deberán renovarse ou ser reelixidos aos cargos de dous dos vicepresidentes, o secretario, o contador-censor e a metade dos vogais. Ao rematar o segundo bienio deberá renovarse ou ser reelixidos aos cargos do presidente, 3º dos vicepresidentes, o tesoureiro e a outra metade dos vogais.

Artigo 36º

Para os cargos de presidente, vicepresidentes, secretario, tesoureiro e contador-censor exixirase unha antigüidade no exercicio da profesión de tres anos, e para os vogais de dous anos, excepto os non exercentes, que deberán contar con máis de tres anos de incorporación ao colexio.

Artigo 37º

Cando quedase vacante a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Xeral Estatal convocará as eleccións, e se, unha vez celebradas quedasen vacantes a maioría dos cargos, o Consello

Xeral actuante os completaría nomeando os cargos por orde de antigüidade de incorporación ao colexio.

Cando quedaren vacantes máis da metade dos cargos, o presidente ou quen o substitúa, convocará eleccións para cubrir os cargos vacantes.

Artigo 38º.-Convocatoria de eleccións.

1. A Xunta de Goberno adoptará o acordo de convocatoria de eleccións, polo menos con dous meses de antelación á data que se determine para a súa celebración. Na mesma reunión serán elixidos os membros da mesa electoral.

2. Dentro do mesmo prazo, a secretaría publicará a convocatoria no taboleiro de anuncios do colexio e adoptará as determinacións necesarias para a súa comunicación aos colexiados mediante carta ou circular.

3. Na convocatoria electoral deberán constar os seguintes extremos:

a) Cargos que serán obxecto de elección e requisitos exixidos para ser candidato.

b) Día e sitio de celebración, e hora de apertura e peche das urnas.

c) O calendario electoral

d) Normas electorais contidas nos estatutos de colexio.

Artigo 39º.-Listas electorais.

As listas de colexiados con dereito a voto, quedarán expostas no taboleiro de anuncios do colexio no prazo de dous meses previsto no artigo anterior. As listas expresarán separadamente a relación de colexiados exercentes e non exercentes.

Os colexiados poderán formular reclamacións contra as listas electorais no prazo de cinco días desde a súa exposición. As reclamacións serán resoltas por acordo da Xunta de Goberno, dentro dos tres días seguintes á expiración do prazo para formulalas.

Artigo 40º.-Candidaturas.

Os candidatos deberán presentar as súas solicitudes con quince días de antelación, polo menos, á data de celebración de eleccións.

Cada candidatura será para un único cargo, por conseguinte, se un candidato ten algún cargo da Xunta de Goberno, deberá dimitir ou cesar previamente, pero desempeñando o cargo ata aos novos nomeamentos.

Artigo 41º.-Proclamación de candidatos.

Ao seguinte día de rematado o prazo para presentar candidaturas, a Xunta de Goberno en funcións proclamará candidatos a quen reúna os requisitos legais exixibles, considerando electos aos que non teñan opoñentes, publicándoo no taboleiro de anuncios, podendo tamén notificalo aos interesados.

Dentro do prazo de sete días desde a súa exposición, poderán presentarse reclamacións contra as listas de electores e candidatos que serán resoltas pola Xunta de Goberno en funcións dentro dos tres días seguintes, notificándose a súa resolución aos

interesados no prazo de dous días inmediatos posteriores.

Artigo 42º.-Elección.

A elección dos cargos da Xunta de Goberno poderá celebrarse durante a asemblea xeral de colexiados, convocada para tal efecto, aínda que a Xunta de Goberno poderá convocala como acto separado da dita asemblea, e o prazo para o seu desenvolvemento non poderá ser inferior a catro horas.

Artigo 43º.-Papeleiras de voto.

O colexio editará as papeletas de votación, distinguindo con cores distintas as de colexiados exercentes e non exercentes. Os candidatos poderán confeccionar papeletas iguais ás do colexio.

No local onde se celebre a elección deberá haber papeletas suficientes, e nas que non poderá figurar o nome de ningún candidato.

Artigo 44º.-Mesa electoral.

1. Para a celebración da elección constituirase unha mesa electoral, que estará integrada por un presidente, designado pola Xunta de Goberno dentro dos seus membros, que será quen presida e por dous membros máis da propia xunta, actuando o máis novo como secretario e o outro como vogal, sen que ningún deles sexa pola súa vez candidato.

2. Cada candidato poderá designar o número de interventores que desexe no proceso electoral, actuando un só deles.

3. Na mesa electoral haberá unha única urna para o depósito dos votos dos colexiados exercentes e non exercentes. A urna deberá estar pechada e selada coa rúbrica do secretario da mesa, deixando unicamente unha rañura para depositar os votos.

4. Constituída a mesa electoral, o presidente ordenará o comezo da votación e, á hora prevista para o seu remate, pecharanse as portas e só poderán votar os colexiados que xa estivesen na sala. A mesa votará en derradeiro lugar.

5. A elección terá para o seu desenvolvemento un tempo mínimo de catro horas, salvo que a xunta ao convocar a elección sinale un prazo maior.

Artigo 45º.-Votación.

Declarada comezada a votación, aos votantes deberán acreditar á mesa electoral a súa identidade, para o cal unicamente se admitirá a presentación do seu documento nacional de identidade, pasaporte ou o carné deste colexio, comprobándose así a súa inclusión nestas listas, pronunciándose en voz alta o seu nome e sinalando que vota, introducindo o presidente da mesa a papeleta, dobrada ou dentro dun sobre, na urna.

Artigo 46º.-Voto por correo.

Para exercer o voto por correo o colexio facilita a todos os colexiados uns impresos específicos para iso que lles serán enviados xunto coa convocatoria de eleccións, sen prexuízo de obtelos na secretaría da sede colexial.

Os impresos específicos para o exercicio do voto por correo constan da seguinte documentación:

a) Papeleta de votación, que deberá ser cuberta a máquina ou en letras maiúsculas.

b) Sobre de votación, en que deberá introducirse a papeleta de votación.

c) Sobre de retorno, en que debe introducirse o sobre de votación que contén a papeleta, ademais dunha fotocopia do DNI ou pasaporte.

Para que teña validez esta votación deberanse cumprir as instruccións do calendario electoral e que o sobre de retorno sexa enviado por correo certificado con xustificante de recepción, ou, se é o caso, mediante empresas de mensaxaría ou transporte de documentación, co tempo suficiente para asegurarse de que teña entrada na sede colexial antes das 20.00 horas do día anterior a aquel sinalado para a celebración das eleccións.

O envío farase ao colexio, facendo constar «Para a Mesa Electoral», e na secretaría de recepción rexistrarase o día e a hora de entrada destes envíos, que sen abrir o sobre de retorno se lle entregarán á mesa electoral o día da votación.

O voto por correo tamén poderá ser exercido en calquera outra maneira que estableza a lexislación electoral xeral cando así o autorice a Xunta de Goberno.

Artigo 47º.-Escrutinio.

1. Rematada a votación, o presidente introducirá na urna as papeletas recibidas por correo. A continuación procederase ao escrutinio.

2. Serán declarados nulos totalmente aos votos que conteñan riscaduras ou raspaduras, ou simples mencións alleas ao contido da votación. Cando para un mesmo cargo se puxer máis dun nome, declararase parcialmente nulo o voto en canto aos cargos onde concorra aquela circunstancia.

3. Aquelas papeletas que se encontren só parcialmente cubertas en canto ao número de candidatos, pero que reúnan os requisitos exixidos para a sua validez, serano para os cargos e persoas correctamente expresados.

4. Rematado o escrutinio da mesa, anunciarase o seu resultado, proclamando electos os candidatos que obtivesen maior número de votos para cada cargo. Os casos de empate, resolveranse en beneficio do colexiado que máis votos obtivese entre os exercentes; de persistir este, o de maior tempo de exercicio neste colexio, e se aínda se mantiver o empate, o de maior idade.

Artigo 48º.-Recursos.

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e posesión dos elixidos, menos cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada da mesa electoral.

Artigo 49º.-Toma de posesión.

Os candidatos proclamados electos tomarán posesión na primeira reunión da Xunta de Goberno que para tal efecto se celebre, no momento en que cesarán os substituídos.

Artigo 50º.-Cómputo de prazos.

Todos os prazos indicados nesta sección serán computados por días hábiles.

Sección quinta

Xunta honoraria

Artigo 51º

1. Os que desempeñasen cargos na Xunta de Goberno polo menos durante un período de catro anos, terán dereito a formar parte da xunta honoraria do colexio, que só terá funcións consultivas, non vinculantes, nas cuestións que lle propoña a Xunta de Goberno.

2. Será presidida polo membro que tivese o maior cargo xerárquico nos órganos colexiais e, no caso de igualdade, polo de maior antigüidade colexial.

Quen teña a presidencia, terá dereito a asistir ás reunións da Xunta de Goberno, con voz e sen voto.

3. O colexio e os seus órganos de goberno dispensarán os membros da xunta honoraria respecto e consideración, facéndolles partícipes en todos os actos sociais e solicitando o seu parecer naquelas cuestións que consideren apropiadas.

Sección sexta

Asembleas xerais ordinarias e extraordinarias

Artigo 52º

A asemblea xeral de colexiados é o órgano soberano do colexio e a quen corresponden todas as atribucións.

Todos os colexiados teñen dereito de asistencia con voz e voto, ás asembleas xerais ordinarias ou extraordinarias, tendo o voto dos exercentes dobre valor que o dos non exercentes.

Artigo 53º

As asembleas xerais deberán convocarse con quince días de antelación, agás nos casos de urxencia, en que poderá reducirse o prazo a xuízo do presidente.

A convocatoria, coa orde do día, expoñerase no taboleiro de anuncios e do mesmo xeito comunicarase aos colexiados mediante circular.

As asembleas xerais poden ser ordinarias ou extraordinarias.

Artigo 54º

1. A asemblea xeral ordinaria reunirase obrigatoriamente unha vez ao ano, dentro dos seus seis primeiros meses; igualmente intentarase que a súa sede garde a mesma dispersión territorial que teñan o maior núcleo de despachos dos colexiados ou, por provincias. Na orde do día poderá incluírse toda clase de asuntos que estimen axeitados a Xunta de

Goberno, e necesariamente os puntos relativos á aprobación de contas do exercicio anterior, os orzamentos do ano que corre e a xestión da Xunta de Goberno, así como un punto para rogos, preguntas e proposicións.

2. Ata cinco días antes da data da reunión, o presidente poderá adiccionar novas cuestións ás inicialmente contidas na convocatoria, comunicándollo aos colexiados. Do mesmo xeito, terá facultade para alterar a orde exposición dos puntos a tratar contidos na convocatoria.

3. Os colexiados poderán propoñer a inclusión doutras cuestións na orde do día, facendo a petición por escrito, que deberá presentarse no colexio con oito días de antelación á data de celebración da asemblea.

Artigo 55º

As asembleas xerais extraordinarias serán celebradas a petición do presidente, da Xunta de Goberno ou por solicitude do 10% dos colexiados exercentes, con indicación das cuestións que se van tratar.

A asemblea deberá celebrarse no prazo de trinta días desde que for solicitada, sen que nela poidan tratarse máis asuntos que os sinalados na convocatoria, que necesariamente deberá gardar relación cos fins directos do colexio.

Artigo 56º

1. As asembleas xerais extraordinarias serán competentes para propoñer a aprobación ou modificación dos estatutos e aprobar os regulamentos de réxime interior, normas sobre honorarios profesionais; adquisición, venda e gravame de bens inmobles; orzamentos e derramas extraordinarias; contía das finanzas colexiais; peticións aos poderes públicos e calquera outra cuestión que pola súa importancia e urxencia así o requira.

2. Cando os asuntos enunciados no número anterior coincidan ao tempo de celebrarse a asemblea xeral ordinaria, poderán incluírse na súa orde do día, agás a proposta de aprobación ou modificación de estatutos, que precisarán acordo na asemblea xeral extraordinaria convocada para este só efecto, e que precisará un quórum de asistencia do cincuenta por cento de colexiados exercentes que, se non se reunisen, fará necesaria unha segunda asemblea xeral, tamén extraordinaria, que poderá adoptar acordos por maioría simple de asistentes, sen quórum especial e que se celebrará, cando menos, no prazo dunha hora de diferenza.

Artigo 57º

1. As asembleas xerais deberán celebrarse no lugar, día e hora sinalados, calquera que sexa o número de asistentes, salvo que a natureza do asunto requira un quórum especial.

2. Todos os colexiados, exercentes ou non, poden ser representados na asemblea xeral por outro colexiado, mediante escrito que o acredite, que deberá remitirse á secretaría do colexio con antelación dun día polo menos á celebración da reunión.

3. Os seus acordos adoptaranse por maioría de votos e serán obrigatorios para todos os colexiados e inmediatamente executivos, agás que a asemblea razoadamente dispuxer outra cousa expresamente.

Artigo 58º

Levaranse obrigatoriamente dous libros de actas: un para as asembleas xerais e outro para a Xunta de Goberno.

As actas serán asinadas polo presidente e o secretario, ou por quen llos substituíse nas suas funcións.

Capítulo IV

Responabilidades e réxime disciplinario

Sección primeira

Principios xerais no exercicio da profesión

Artigo 59º.-Principios xerais.

a) As presentes normas encamíñanse a conformar a actitude dos administradores de predios, no desempeño da súa actividade como tal e constitúen o seu código moral profesional nas súas relacións cos seus clientes, compañeiros e colexio.

b) Con independencia da técnica profesional, o administrador de predios ten que exercer a súa actividade, de esencial carácter humanista, cunha conducta moral profesional intachable, suxeito aos imperativos da boa fe, a confianza, o respecto, e a responsabilidade, antepoñendo os lexítimos intereses que ten encomendados a calquera outro, conxugando, no exercicio profesional, a ciencia coa conciencia.

c) No desenvolvemento da súa actividade profesional, o administrador de predios vén obrigado a actuar aplicando a técnica profesional e relativa ao caso, para o que atenderá a súa permanente e adecuada formación, mediante o estudio e coñecemento das materias, doutrinas e experiencias imprescindibles para o correcto exercicio profesional.

d) Independientemente da actuación técnica, o administrador de predios acomodará a súa actividade profesional ás normas éticas e morais, e á realidade social; e, en calquera caso, terá presente a actuación en conciencia aplicando libre e razoadamente as solucións máis adecuadas á moral usual, e máis respectuosas para os intereses individuais e sociais, e calquera outro que tivese encomendados.

e) O administrador de predios debe respectar o principio da probidade profesional, e as súas actuacións estarán baseadas na rectitude, a integridade e a honestidade, conformando unha actitude e conducta ordenada e sen tacha que non mingüen o honor e dignidade profesional.

f) Na súa actuación, o administrador de predios, debe rexeitar calquera presión ou inxerencia alleas que poidan limitar a súa liberdade profesional e procurar beneficios inxustos a uns clientes, en prexuízo doutros.

g) O exercicio da profesión debe ser prestado persoalmente polo titular, sen prexuízo das colaboracións e axudas administrativas ou doutra clase precisas para o bo funcionamento do seu despacho. Nin

gún administrador de predios debe permitir que empreguen o seu nome ou servizos profesionais de calquera maneira que faga posible a práctica profesional a persoas que non estean legalmente autorizadas.

h) O administrador de predios vén obrigado a respectar escrupulosamente as normas colexiais, evitando calquera tipo de actuación desleal directa ou indirecta con outros colexiados.

Artigo 60º.-Relación cos clientes.

a) A relación dos administradores de predios cos seus clientes debe desenvolverse baixo aos principios básicos da confianza e a boa fe.

b) No desempeño do seu cometido profesional, o administrador de predios será dilixente, executando puntualmente os traballos axeitados en cada momento, da mellor maneira posible, segundo a natureza do caso e as instrucións que puidese ter recibido; debe gardar segredo das informacións que de calquera forma cheguen ao seu coñecemento con motivo do encargo profesional, aínda despois de rematado este; vén obrigado a dar conta das súas operacións nos bens que lle foron encomendados profesionalmente e a practicar as liquidacións e aboar os saldos puntualmente nos períodos convidos.

c) Na administración de comunidades, o administrador procurará manter a mellor relación e convivencia entre os propietarios, apurando para iso as xestións e solucións amigables, evitando en canto sexa posible a aplicación doutras medidas coactivas.

d) Cando o administrador de predios cese na prestación dos seus servizos profesionais, por revogación ou renuncia, deberá facer entrega inmediata ao cliente da documentación que teña no seu poder, practicar a liquidación e aboar os saldos que procedese, se é o caso.

Artigo 61º.-Relacións cos restantes administradores de predios.

a) As relacións de calquera clase entre os administradores de predios cos seus clientes debe desenvolverse con respecto e cortesía, prestándose as máximas facilidades para o cumprimento das súas obrigas profesionais.

b) Os administradores de predios están obrigados a facilitarse mutua información xeral, sempre que non afecte o segredo profesional e a prestar axuda e colaboración.

c) Nos casos de enfermidade, ou longa ausencia xustificada dun administrador de predios, os seus compañeiros deben prestar axuda ás necesidades profesionais do ausente, segundo as normas colexiais que se establezan para estes casos.

d) Os administradores de predios de recente incorporación poderán realizar prácticas nos despachos de compañeiros máis expertos, debendo estes comunicar ao colexio as necesidades que teñan sobre o particular. A pasantía ten como fundamento esencial prestar aos novos colexiados o maxisterio da profesión, especialmente no seu aspecto práctico, polo que non será obrigatoriamente retribuída.

Artigo 62º.-Relacións co colexio.

a) Os administradores de predios están obrigados a colaborar e prestar axuda ao seu colexio; a cumprir os acordos que dite en materia da súa competencia e a contribuír economicamente ao seu sostemento.

b) Debe constituír un honor aceptar os cargos para os que foi designado, realizar os cometidos que se lle encargasen e tomar parte activa na vida colexial, asistindo aos actos organizados e propoñendo as cuestións que estime axeitadas para o interese xeral.

c) Comunicar á Xunta de Goberno do colexio, os casos de intrusismo, competencia ilícita ou desleal de que teña novas. Dará cantos datos e información lle sexan solicitados, e en xeral, comunicará cantas incidencias ou anomalías poidan atopar ou ter noticia no exercicio da profesión.

Sección segunda

Réxime disciplinario

Disposicións xerais

Artigo 63º.-Responsabilidade disciplinaria.

Os administradores de predios están suxeitos a responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes profesionais ou deontolóxicos.

A responsabilidade disciplinaria dos administradores de predios e dos membros dos seus órganos de goberno declararase logo da información de expediente seguido polos trámites establecidos nos estatutos e demais normas de aplicación.

Artigo 64º.-Ambito de aplicación do procedemento disciplinario.

O procedemento disciplinario recollido nesta sección segunda do capítulo cuarto dos estatutos, adaptado á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, será aplicable nas actuacións do Colexio Territorial de Administradores de Predios de Galicia para a exixencia das responsabilidades disciplinarias nas que poidan incorrer os colexiados no caso de infracción dos seus deberes profesionais ou colexiais, sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal exixible a eles.

Artigo 65º.-Concorrencia de sancións.

1. Cando se estea tramitando un proceso penal polos mesmos feitos ou por outros nos que a separación dos sancionables, de acordo con estes estatutos, sexa racionalmente imposible, o procedemento será suspendido na súa tramitación. O reinicio do procedemento disciplinario quedará demorado ata que recaia pronunciamento firme da autoridade xudicial.

2. Unha vez iniciado o procedemento, en calquera momento del no que o instrutor aprecie que a presunta infracción poida ser constitutiva de delito ou falta penal, poñerano inmediatamente en coñecemento da Xunta de Goberno para que decida sobre a comunicación dos feitos á autoridade correspondente e resolva a suspensión do procedemento ata que recaia pronunciamento firme da autoridade xudicial.

3. Reiniciada a tramitación do expediente disciplinario en calquera dos supostos mencionados, a resolución que se dite deberá respectar a apreciación dos feitos que conteña o dito pronunciamento xudicial.

Artigo 66º.-Medidas cautelares.

1. Incoado procedemento disciplinario por órgano competente conforme o establecido no artigo 76, no mesmo órgano, e en resolución motivada e logo de audiencia do interesado, poderá acordar como medida cautelar a suspensión provisional do colexiado afectado no exercicio da súa profesión, sempre e cando os ditos colexiados fosen obxecto de inculpación nun proceso penal, e con independencia de que ademais se dispoña a suspensión do procedemento conforme se establece no artigo 65º.

2. A resolución que acorde a dita suspensión provisional deberá ser notificada ao colexiado afectado conforme o sinalado no artigo seguinte e será recorrible conforme o establecido nel.

Artigo 67º.-Procedemento, notificacións e prazos.

1. O procedemento disciplinario impulsarase de oficio en todos os seus trámites, que se axustarán ao establecido nos presentes estatutos e, no non previsto nestes, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cuxos principios contidos no seu título IX en todo caso serán de obrigado cumprimento.

2. A tramitación e as notificacións axustaranse ao establecido nestes estatutos e, no seu defecto, ao disposto no título V, capítulo 111 e no título VI, capítulo II, da mencionada Lei 30/1992, do 26 de novembro. A duración do procedemento non poderá ser superior a un ano, agás causa de suspensión legal.

3. As notificacións poderán ser feitas no domicilio profesional que o colexiado teña comunicado ao colexio con plena validez e sen prexuízo da responsabilidade que puidese derivar de non comunicarse regulamentariamente o seu eventual traslado. Se non puidese ser verificada a notificación nos termos previstos polos puntos 1, 2 e 3 do artigo 59 da citada Lei 30/1992, efectuarase a súa entrega por empregado do colexio con suxeición ao sinalado nos puntos 2 e 3 do expresado precepto; se, a pesar diso, non puidesen efectuarse a entrega no correspondente domicilio á ningunha persoa relacionada co inculpado por razón de parentesco ou permanencia nel, a notificación entenderase efectuada aos quince días do seu anuncio no taboleiro de anuncios do colexio.

4. Os prazos establecidos nesta sección serán prorrogables antes do seu vencemento por acordo adoptado de forma motivada pola comisión disciplinaria. Esta ampliación non poderá exceder da metade dos prazos establecidos. O acordo sobre a prórroga, que se notificará ao colexiado afectado ou recorrente, non será recorrible, sen prexuízo de que o que poida alegarse polos interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Artigo 68º.-Dereitos dos colexiados no procedemento disciplinario.

Os colexiados respecto de quen se sigan procedementos disciplinarios terán os seguintes dereitos:

a) Á presunción de inocencia.

b) A ser notificado dos feitos que se lle imputen, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lles puidesen impoñer, así como da identidade do instrutor, do órgano competente para impoñer a sanción e da norma que atribúa tal competencia.

c) A absterse de declarar no procedemento seguido na súa contra, formular alegacións e empregar os medios de defensa admitidos polo ordeamento xurídico que resulten procedentes.

d) Aos demais dereitos recoñecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 69º

A facultade disciplinaria en relación cos membros da Xunta de Goberno compete ao Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios de ámbito autónomico, ou se é o caso, estatal.

Das infraccións e sancións disciplinarias

Artigo 70º.-As infraccións.

As infraccións que poidan levar aparellada sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son faltas moi graves:

a) A condena por delito doloso, en calquera grao de participación, en materia profesional, que implique inhabilitación profesional.

b) O exercicio da profesión sen cumprir os requisitos establecidos nos presentes estatutos ou por perda deles por condena ou sanción disciplinaria firmes.

c) Incumprimento grave, por culpa ou neglixencia inescusables, do segredo profesional, con prexuízo a terceiro.

d) A omisión grave, por culpa ou neglixencia inescusables, da debida dilixencia no desenvolvemento das funcións profesionais.

e) Quebrantamento grave, por acción ou omisión, dos deberes de fidelidade e lealdade no exercicio da profesión.

f) A cesión de título para o exercicio da profesión sen a perceptiva colexiación.

g) A reincidencia de faltas graves. Para tal efecto entenderase por reincidencia a comisión de máis de dúas faltas graves no período dun ano.

2. Son faltas graves:

a) Os actos realizados no exercicio da profesión que constitúan competencia desleal declarada polos tribunais competentes.

b) Os insultos e inxurias verbais ou escritas de cara aos compañeiros tanto en relación coa actividade de carácter colexial como profesional ou aos membros dos órganos de goberno do colexio, así como formular imputacións inxustificadas sobre eles.

c) A infracción das normas profesionais e deontolóxicas da profesión, cando estas reunisen aos requisitos de certeza e publicidade.

d) O falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional e a ocultación ou simulación de datos que o colexio debe coñecer para exercitar as súas funcións de ordenación profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

e) A incomparecencia ante os órganos colexiais, cando fose requirido expresamente para iso.

f) O desempeño dos cargos colexiais e dos cometidos que lle fosen encomendados con grave neglixencia.

g) O incumprimento grave das obrigas derivadas do contido dos estatutos, regulamentos e demais disposicións profesionais; agás que expresamente tiver outra cualificación disciplinaria distinta.

h) O incumprimento dos deberes profesionais, especialmente cando se deriven prexuízos de calquera clase aos clientes, ou menoscaben o prestixio e dignidade profesionais.

i) A reiteración ou reincidencia na comisión de faltas leves, que ten lugar pola imposición de tres ou máis sancións por faltas leves no período dun ano.

3. Son faltas leves:

a) O atraso inxustificado no cumprimento dos seus deberes profesionais ou colexiais.

b) A desatención e desconsideración cos seus compañeiros ou compoñentes dos órganos de goberno do colexio.

c) Rexeitar os cometidos que lle encarguen os órganos de goberno.

d) O incumprimento reiterado das instrucións corporativas de carácter xeral sobre enquisas, estatísticas e informes ou calquera outra actitude demostrativa de persistente falta de colaboración colexial.

e) O incumprimento dos acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio ou polo consello xeral de colexios.

f) Non dar conta dos cambios que supoñan modificación de calquera dos datos persoais e profesionais que figuren no expediente ou de calquera outra circunstancia que poida ter lexítimo interese para o colexio.

g) En xeral, o incumprimento por descoido ou neglixencia escusable dos deberes que non teñan sinalada outra cualificación disciplinaria máis grave.

Artigo 71º

a) As sancións que se poden impoñer son:

1. Por faltas moi graves:

a) Suspensión provisional da profesión por un prazo superior a tres meses sen exceder de dous anos.

b) Inhabilitación permanente para o exercicio da profesión.

2. Por faltas graves:

a) Amoestación pública.

b) Multa de 300,01 A ata 1.800 A.

c) Suspensión provisional do exercicio profesional ata tres meses.

3. Por faltas leves:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por escrito.

c) Multa ata 300 A.

Artigo 72º

1. A Xunta de Goberno impoñerá discrecionalmente a sanción axeitada das sinaladas anteriormente para cada tipo de faltas. En ningún caso, se poderá impoñer unha sanción sen que se tramite o necesario expediente.

2. A imposición dalgunha das sancións sinaladas nos puntos 1 e 2 do artigo 71º a un colexiado que fose membro da Xunta de Goberno levará automáticamente imposto o cesamento nese cargo.

3. As sancións de inhabilitación permanente e de suspensión no exercicio profesional implican a accesoria de suspensión de dereitos electorais polo tempo da súa duración.

4. A contía das multas pecuniarias actualizarase cada ano de acordo co índice de prezos de consumo que publica o Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 73º.-Prescrición de infraccións.

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves ao ano e as leves aos tres meses.

2. O prazo de prescrición comezará a contarse desde que a infracción se cometese.

3. A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de incoación de información previa á apertura de expediente disciplinario, reiniciándose o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou este permanecese paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 74º.-Prescrición de sancións.

1. As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infraccións graves, ao ano, e as impostas por infraccións leves, aos tres meses.

2. O prazo de prescrición da sanción por falta de execución comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

Procedemento

Artigo 75º.-Iniciación.

1. O procedemento iniciarase por denuncia razoada por escrito ou de oficio polos órganos competentes do colexio.

2. No suposto de iniciarse por denuncia razoada, a comisión disciplinaria poderá acordar o seu arquivo directo sen ulterior recurso se ao seu xuízo non houber indicios racionais en canto á posible existencia de infracción disciplinaria. Noutro caso acordarase a apertura de dilixencias previas.

Artigo 76º.-Dilixencias previas.

1. O inicio do procedemento dará lugar á incoación de dilixencias previas, sen prexuízo do establecido no artigo anterior.

2. Serán competentes para ordenar a incoación das dilixencias previas o presidente da Xunta de Goberno do colexio, ou o presidente da comisión disciplinaria.

3. A apertura de dilixencias previas supoñerá a práctica de todas aquelas que a comisión disciplinaria considere como necesarias para a pescuda e comprobación dos feitos e persoas responsables, e non poderá ter unha duración superior a trinta días. En calquera momento da súa tramitación, e sempre antes do acordo da Xunta de Goberno respecto á apertura do expediente, poderá o presidente da comisión, cando considere que non existe responsabilidade disciplinaria, de forma motivada e dando conta posteriormente á xunta, ordenar o seu sobresemento e arquivo. Este acordo será notificado ás partes interesadas sen posibilidade de ulterior recurso.

Artigo 77º.-Apertura de expediente disciplinario.

1. No caso de que a comisión entendese que existe unha posible responsabilidade disciplinaria elevará as dilixencias á Xunta de Goberno do colexio co fin de que acorde o que proceda sobre a apertura de expediente e designación de instrutor e secretario, ou, se é o caso, para impoñer as sancións por falta leve de acordo co establecido no artigo 80º.

O acordo da xunta relativo á apertura de expediente e as anteriores designacións serán notificados ao interesado, así como ao instrutor e secretario.

2. Aceptado o cargo por instrutor e secretario só poderán ser substituídos pola Xunta de Goberno nos supostos de falecemento, enfermidade, renuncia e resolución favorable á abstención ou recusación, no que a competencia e exame corresponderá á Xunta de Goberno. Así e todo poderá continuar o procedemento exercendo ao mesmo tempo como instrutor e secretario quen destes non fose recusado e ata que se produza o novo nomeamento.

3. Desde o momento en que o interesado teña coñecemento da identidade de instrutor e secretario designados, e en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá exercitar o dereito de recusación.

4. Serán de aplicación en materia de abstención e recusación do instrutor e secretario do expediente as normas contidas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

5. O instrutor, baixo a fe do secretario, ordeará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e de cantas probas poidan conducir ao seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

Artigo 78º.-Prego de cargos.

1. No prazo dun mes desde a apertura do expediente sancionador e á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará e notificará o correspondente prego de cargos.

2. O prego de cargos deberá redactarse de maneira clara e precisa, comprenderá aos feitos imputados ao inculpado en parágrafos separados e numerados por cada un deles e expresará a infracción presuntamente cometida e as sancións que se lle puidesen impoñer, con cita concreta dos preceptos dos estatutos aplicables, incluindo igualmente a identidade do instrutor e do órgano competente para impoñer a sanción.

3. O prego de cargos notificarase ao inculpado, concedéndolle un prazo improrrogable de dez días para os efectos de que poida contestalo coas alegacións que considere pertinentes e presentando os documentos que considere de interese.

4. O inculpado poderá propoñer na súa contestación ao prego de cargos a práctica de calquera medio de proba admisible en dereito que crea necesario e presentar os documentos que considere axeitados.

Artigo 79º.-Proba.

1. O instrutor dispoñerá dun prazo dun mes para a práctica das probas que estime pertinentes por entender que son axeitadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades, podendo incluírse de oficio probas distintas das propostas. O mencionado prazo computarase desde que se conteste o prego de cargos ou transcorra o prazo establecido para iso sen facelo.

2. O instrutor, en resolución que será sempre motivada, poderá denegar a admisión e práctica das probas que considere improcedentes, porque pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable. Tal resolución será obxecto de recurso cando determine a imposibilidade de continuar o procedemento ou produza indefensión. Nos demais casos, poderá ser alegada a súa oposición polos interesados no recurso interposto contra a resolución final.

3. Para a práctica das probas que efectuaría o propio instrutor, notificarase ao inculpado o lugar, data e hora, a fin de que poida intervir.

Artigo 80º.-Procedemento simplificado.

1. No suposto de que o órgano competente para iniciar o procedemento considere que existen elementos de xuízo suficientes en canto a feitos e res-

ponsabilidades, e sempre e cando non se traten de faltas moi graves ou graves, procederase a tramitar o procedemento simplificado regulado neste artigo.

2. A iniciación producirase por acordo do órgano competente en que se especificará o carácter simplificado do procedemento e levará consigo o nomeamento do instrutor e, de maneira simultánea, a notificación aos interesados.

3. No prazo de dez días a partir da comunicación e notificación do acordo de iniciación, o órgano instrutor e os interesados efectuarán, respectivamente, as actuacións preliminares, a presentación de cantas alegacións, documentos e informacións estimen convenientes e, se é o caso, a proposición e práctica da proba.

4. Transcorrido o dito prazo, o órgano competente para a instrución formulará proposta de resolución de conformidade co disposto no artigo 81º ou, se aprecia que os feitos poidan ser constitutivos de falta grave ou moi grave, acordará que siga tramitándose o procedemento segundo o disposto nos artigos 78º e seguintes, notificándollo aos interesados para que, no prazo de dez días, propoñan probas se o estiman conveniente.

Artigo 81º.-Proposta de resolución.

1. Rematado o período probatorio, e dentro dos seguintes dez días, o instrutor formulará proposta de resolución na que fixará os feitos probados, efectuará a cualificación para efectos de determinar o tipo de infracción cometida e sinalará as posibles responsabilidades do inculpado ou inculpados, así como as sancións que correspondan.

2. A proposta de resolución será notificada ao inculpado quen no prazo improrrogable de dez días desde ela poderá alegar ante a comisión disciplinaria canto considere conveniente na súa defensa.

Artigo 82º.-Resolución do expediente.

1. O instrutor, oído o inculpado ou transcorrido o prazo sen ningunha alegación, remitirá, no prazo de quince días hábiles desde o seu remate, a proposta de resolución xunto co expediente completo á Xunta de Goberno para que dite a resolución definitiva.

2. A resolución que poña fin ao procedemento disciplinario será acordada no prazo máximo de trinta días desde a notificación da proposta do instrutor ao inculpado, terá que ser motivada, resolverá todas as cuestións suscitadas no expediente e non poderá aceptar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración xurídica. A resolución deberá adoptarse e notificarse no prazo de trinta días hábiles desde a recepción da proposta.

3. Na deliberación e aprobación do acordo non intervirán quen actuase na fase de instrución do procedemento como instrutor e secretario, sen que se computen para efectos de quorum ou maiorías.

Cando a proposta de resolución conteña sanción de suspensión por máis de seis meses ou expulsión do colexio, o acordo deberá ser tomado pola Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa con

formidade das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, cuxa asistencia é obrigatoria salvo causa xustificada.

4. A resolución que se dite deberá ser notificada ao inculpado, terá que respectar o establecido no artigo 89 da Lei 30/1992 e expresará os recursos que contra ela procedan, os órganos administrativos ou xudiciais ante os que se teñan que presentar e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 83º.-Recursos en materia disciplinaria.

1. As resolucións das xuntas de Goberno dos colexios polas que se suspendan provisionalmente no exercicio a colexiados sometidos a procesamento ou inculpación, se arquiven as actuacións iniciadas ou se impoñan sancións disciplinarias, así como calquera outra decisión dentro do procedemento que, aínda que teña o carácter de acto de trámite, determine a imposibilidade de continualo ou produza indefensión, poderán ser obxecto de recurso de alzada polos interesados dentro do prazo improrrogable dun mes desde a súa notificación, ante o Consello Xeral. A resolución que resolva o mencionado recurso pon fin á vía administrativa, sendo inmediatamente executiva e susceptible de recurso contencioso-administrativo.

2. Non serán recorribles os acordos de apertura do expediente disciplinario. Respecto dos actos de trámite non recorribles, a oposición a estes actos poderá en todo caso ser alegada polos interesados para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento e na eventual impugnación de tales actos no recurso que, no seu caso, se interpoña contra ela.

3. Exclusivamente para os efectos de interpoñer recurso contra calquera das resolucións mencionadas anteriormente que determinen ou impliquen o arquivo ou sobresemento das actuacións iniciadas ou a imposición de sancións, considerarase como interesado o denunciante dos feitos, quen terá dereito a que se lle notifiquen, na forma prevista nestes estatutos os mencionados actos, así como os de apertura do expediente disciplinario.

Artigo 84º.-Execución das sancións, publicidade e efectos.

1. A execución das sancións levarase a cabo segundo os termos da resolución que llas impoña.

2. As resolucións da Xunta de Goberno ditadas na materia disciplinaria non poderán executarse ata que sexan confirmadas polo Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios ao resolver o recurso correspondente ou ben ata que transcorrese o prazo establecido para a súa interposición sen efectuala. Non obstante, as medidas provisionais, se é o caso aprobadas, poderán ser executadas desde a súa adopción.

3. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal do colexiado. As sancións que impliquen suspensión no exercicio da profesión ou expulsión dun colexio

terán efectos no eido de todos os colexios territoriais de administradores de predios de España, a fin terán que ser comunicadas ao Consello Xeral de Colexios de Administradores de Predios para que este o traslade aos demais colexios.

4. A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando transcorran os seguintes prazos, sen que o colexiado incorrese en nova responsabilidade disciplinaria: 6 meses en caso de sancións de amoestación privada ou apercibimento escrito; 1 ano en caso de sanción de suspensión non superior a 3 meses; 3 anos en caso de sanción de suspensión superior a 3 meses; e 5 anos en caso de sanción de expulsión. O prazo de cancelación contarase a partir do día seguinte a aquel no que quedase cumprida a sanción.

5. A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os ditos prazos, farase de oficio.

6. A rehabilitación trala cancelación da anotación será solicitada á Xunta de Goberno que, logo de verificación do cumprimento das condicións exixidas para o ingreso, resolverá motivadamente, sendo impugnable o seu acordo mediante os recursos corporativos.

7. A Xunta de Goberno remitirá ao Consello Xeral de colexios de Administradores de Predios testemuño dos expedientes de rehabilitación de que coñeza.

Artigo 85º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

1. A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o falecemento do colexiado, a prescrición da infracción e a prescrición da sanción.

2. Se durante a tramitación do procedemento disciplinario se producise o falecemento do inculpado ditarase resolución declarando extinguida a responsabilidade e arquivando as actuacións.

3. A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, aínda que determina a imposibilidade de executar a sanción que se acorde. En tal caso, concluirase o procedemento disciplinario mediante a resolución que proceda e no caso de sanción a súa execución quedará en suspenso ata o momento en que o colexiado cause novamente alta no colexio.

Capítulo V

Réxime xurídico dos actos e a súa impugnación

Artigo 86º.-Acordos da Xunta de Goberno.

Contra os acordos da Xunta de Goberno poderá interpoñerse recurso de alzada ante o Consello Xeral, no prazo dun mes desde que se adoptase, se é o caso, notificado.

O recurso poderase presentar ante o órgano que ditou o acordo que se impuña ou ante o órgano competente para resolvelo.

Artigo 87º.-Acordos da asemblea xeral.

Os acordos da asemblea xeral de colexiados poderán ser recorridos pola Xunta de Goberno ou por calquera colexiado mediante recurso de alzada ante o Consello Xeral, no prazo dun mes desde que fose adoptado, ou, se é o caso, notificado.

A Xunta de Goberno poderá suspender inmediatamente a execución dos acordos recorridos cando entendese que son gravemente prexudiciais para o colexio ou contrarios ao ordenamento xurídico.

Artigo 88º.-Nulidade e anulabilidade.

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais en que se dean algúns dos seguintes supostos:

a) Os manifestamente contrarios á lei.

b) Os adoptados carecendo da competencia estatutariamente necesaria para ditalos;

c) Aqueles en que o contido sexa imposible ou constitutivo de delito;

d) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido para iso ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formulación da vontade dos órganos colexiados.

2. A Xunta de Goberno deberá suspender a execución dos actos nulos de pleno dereito e formular recurso contra eles.

3. Son anulables todos aqueles actos ou acordos dos órganos de goberno do colexio, que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico. O defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanzar o seu fin ou dea lugar á indefensión dos interesados.

4. A Xunta de Goberno, poderá validar os actos anulables, emendando aos vicios que teñan e, producirán efectos desde esa data, agás que se exprese a súa retroactividade e sexa admitida polos interesados.

Artigo 89º

Os actos emanados dos órganos de goberno do colexio en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente recorribles ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo VI

Réxime económico e financeiro

Artigo 90º.-Capacidade patrimonial.

1. O colexio posúe plena personalidade xurídica e capacidade patrimonial para o cumprimento dos seus fins, así como plena autonomía para a xestión e administración dos seus bens e recursos e recadación destes últimos.

2. Constitúe o patrimonio do colexio os bens, dereitos e obrigas do que sexa titular.

3. A recadación, xestión e administración dos recursos, así como a administración do patrimonio, corresponderá ás xuntas de goberno.

Artigo 91º.-Recursos económicos do colexio.

1. Os recursos ordinarios constituídos por:

a) As cotas de ingreso e de reincorporación ao colexio, cuxas contías serán fixadas pola asemblea xeral por proposta da Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os colexiados para o mantemento do colexio.

c) As derramas que acorde a asemblea xeral para o levantamento de cargas colexiais ou para calquera investimento extraordinaria.

d) Os ingresos que obtivesen por publicacións que realicen e por matrículas de cursos que poidan organizar e polos dereitos por prestación de servizos aos seus colexiados, expedición de certificacións, impresos e outros conceptos análogos.

e) Os froitos, rendas e xuros de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio.

2. Os recursos extraordinarios constituídos por:

a) Polas subvencións, donativos, herdanzas ou legados ou calquera outra axuda económica que lle concedan ao colexio as administracións públicas, corporacións ou entidades oficiais, empresas ou particulares.

b) Polos bens, mobles ou inmobles, que por herdanza, doazón ou calquera outro título, lucrativo ou oneroso, entren a formar parte do patrimonio do colexio.

c) Polas cantidades que por calquera outro concepto non especificado puidese percibir o colexio.

Artigo 92º.-Administración.

O patrimonio do colexio será administrado pola Xunta de Goberno.

Artigo 93º.-Orzamentos.

Os orzamentos xerais do colexio, de carácter anual, serán elaborados pola Xunta de Goberno, segundo criterios de eficacia e economía, incluirán a totalidade dos ingresos e gastos correspondentes ao exercicio económico e desagregaranse nos capítulos, artigos e partidas que se determinen nos seus estatutos particulares. Estes orzamentos, unha vez elaborados, someteranse á aprobación da asemblea xeral, dentro do primeiro semestre anual.

Da mesma maneira, dentro do mesmo prazo de cada ano, deberán presentar á asemblea xeral o balance e liquidación orzamentaria, pechados a 31 de decembro do ano anterior, para a súa aprobación ou rexeitamento.

Artigo 94º.-Auditoría.

A renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos executivos do colexio, determinará a necesidade de que se leve a cabo unha auditoría interna por parte dunha comisión que estará integrada por tres administradores colexiados, os cales serán elixidos por sorteo entre aqueles con máis de cinco anos de antigüidade.

Capítulo VII

Réxime de extinción e liquidación do colexio

Artigo 95º.-Extinción e liquidación do colexio.

A extinción do Colexio Oficial de Administradores de Predios de Galicia, requirirá acordo unánime dos seus membros adoptado en xunta xeral convocada para o efecto e ratificado pola disposición legal correspondente.

A asemblea xeral decidirá por maioría absoluta, por proposta da Xunta de Goberno, a fórmula de repartición do capital colexial existente unha vez cubertas as obrigas fiscais e laborais cos empregados do colexio.

O tesoureiro do colexio presentará un informe contable á Xunta de Goberno que preparará a proposta que se presentará á asemblea, tendo en conta para o repartición do capital existente, o número de colexiados e a diferenza entre exercente e non exercente, e os prazos en que se establecerán os pagamentos aos seus membros colexiados.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os dereitos adquiridos de acordo co rexime anteriormente en vigor serán respectados.

Segunda.-O mandato dos actuais membros da Xunta de Goberno continuará polo tempo que resta ata a súa renovación, segundo as normas que regularon a súa elección.

Terceira.-Os expedientes disciplinarios abertos antes da entrada en vigor deste estatutos e que se atopen en tramitación na dita data rexeranse ata a súa conclusión polas normas vixentes no momento da súa incoación.

Disposición derrogatoria

Única.-Á entrada en vigor destes estatutos, quedarán derrogados os estatutos aprobados pola asemblea xeral de colexiados na súa sesión do 11 de maio de 1996, así como as restantes disposicións ou acordos corporativos de igual ou menor rango que se opoñan a eles.