DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 15 de abril de 2004 Páx. 5.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 5 de abril de 2004 pola que se regulan os concursos públicos culturais para a Galicia exterior no ano 2004.

A cultura galega é un elemento substancial da nosa identidade e está asentada desde hai xeracións non só na propia terra, senón tamén no conxunto das comunidades galegas que forman parte da Galicia universal. A presenza asociativa e solidaria dos galegos en moitos países do mundo esténdese, necesariamente, ao eido cultural e ás formas e expresións propias do noso pobo. As tradicións, os costumes e a creatividade galega, en todas as súas dimensións, perviven de xeito permanente nas comunidades galegas do exterior, constituíndo, ao mesmo tempo, un legado histórico para Galicia e riqueza viva para as súas xentes.

Os galegos da diáspora, malia a súa dispersión, son permanentes propagadores da cultura galega, que difunden con autenticidade; de aí que a promoción da actividade cultural na Galicia exterior contribúe á conservación, á expansión e ao engrandecemento da cultura galega nas súas múltiples manifestacións, evitando a disolución da nosa identidade na cultura das sociedades en que aqueles se integran.

Por isto, os programas culturais da Consellería de Emigración dan resposta ao interese crecente e xeneralizado que manifestan os galegos da diáspora pola identidade orixinaria do noso pobo, incentivan a súa creatividade artística e cultural e favorecen o contacto directo coa nosa cultura.

Para tal efecto, en execución do previsto na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 3, 7 e 32 do Estatuto de autonomía para Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os concursos públicos culturais para a Galicia exterior no ano 2004 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo a esta orde.

Disposición adicional

Única.-Os premios e gastos derivados da realización deste programa aboaranse con cargo á partida orzamentaria 17.01.213-A.226.07, actuacións derivadas da Lei de recoñecemento da galeguidade. O crédito inicialmente reservado na citada partida é de 32.000 euros, sen prexuízo das modificacións que legalmente poidan efectuarse ao longo do exercicio. Os premios quedarán sometidos á correspondente retención en concepto de IRPF de acordo co disposto na normativa vixente.

A realización de gastos correspondentes a esta convocatoria estará sempre condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente para o seu financiamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Emigración para dictar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2004.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

ANEXO

Bases que rexen os concursos públicos culturais para a Galicia exterior convocados pola Consellería de Emigración no ano 2004

1. Bases xerais da convocatoria.

1.1. Obxecto.

O obxecto da convocatoria dos concursos públicos culturais para a Galicia exterior no ano 2004 é promover o desenvolvemento das actividades culturais, de creación literaria e artística no seo das comunidades galegas no exterior, contribuíndo así á súa dinamización cultural e á súa integración na vida social, artística e cultural de Galicia. Así mesmo, estimularanse as propostas e ideas creativas que contribúan ao fortalecemento e á pervivencia da Galicia exterior a través de ensaios e traballos de investigación sobre a galeguidade.

1.2. Características.

A temática dos traballos terá que estar relacionada con Galicia ou coa emigración galega, agás cando as bases específicas para cada concurso admitan a temática libre, valorándose especialmente aqueles en que o seu contido ou argumento fagan referencia ao Ano Santo Xubilar de Compostela 2004.

1.3. Modalidades.

Esta convocatoria abrangue as seguintes modalidades:

1.3.1. Concurso de artigos xornalísticos. Premio Andoriña.

1.3.2. Concurso de narración breve. Premio Bolboreta.

1.3.3. Concurso de vídeos. Premio Xanela.

1.3.4. Concurso de pintura. Premio Camelia.

1.3.5. Concurso de debuxo. Premio Mimosa.

1.3.6. Concurso de fotografía. Premio Manuel Ferrol.

1.3.7. Concurso de creación e interpretación musical para gaiteiros solistas. Premio Gaiteiro de Soutelo.

1.3.8. Concurso de redacción e contos, premio Pomba e reportaxe fotográfica, premio Vagalume.

1.3.9. Concurso de ensaio e traballos de investigación. Premio Galeguidade.

1.4. Premios.

Os premios correspondentes a cada un dos concursos serán os seguintes:

1.4.1. Concurso de artigos xornalísticos, premio Andoriña:

a) Primeiro premio: 1.800 euros e diploma.

b) Segundo premio: 900 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 450 euros e diploma.

1.4.2. Concurso de narración breve, premio Bolboreta:

a) Primeiro premio: 1.200 euros e diploma.

b) Segundo premio: 600 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 300 euros e diploma.

1.4.3. Concurso de vídeos, premio Xanela:

a) Primeiro premio: 1.500 euros e diploma.

b) Segundo premio: 900 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.4. Concurso de pintura, premio Camelia:

a) Primeiro premio: 2.400 euros e diploma.

b) Segundo premio: 1.200 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.5. Concurso de debuxo, premio Mimosa:

a) Primeiro premio: 1.800 euros e diploma.

b) Segundo premio: 1.200 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 600 euros e diploma.

1.4.6. Concurso de fotografía, premio Manuel Ferrol:

a) Primeiro premio: 1.200 euros e diploma.

b) Segundo premio: 600 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 300 euros e diploma.

1.4.7. Concurso de creación e interpretación musical, para gaiteiros solistas, premio Gaiteiro de Soutelo:

En colaboración co Ateneo Ferrolán, convócanse catro premios para a Galicia exterior, que consistirán na entrega dun diploma e no financiamento da asistencia e participación no concurso Constantino

Bellón que convoca anualmente a citada entidade cultural. A distribución por áreas xeográficas será:

a) Un premio para España.

b) Un premio para Europa.

c) Dous premios para América.

Esta distribución poderá variarse se o número e a calidade dos traballos presentados así o aconsellasen.

1.4.8. Concurso de redacción e contos sobre as experiencias vividas en Galicia polos beneficiarios do programa desta consellería Actividades de campamento 2004, premio Pomba. En cada unha destas disciplinas convócanse os seguintes premios:

a) Primeiro premio: 450 euros e diploma.

b) Segundo premio: 300 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 150 euros e diploma.

1.4.9. Concurso de reportaxe fotográfica sobre as experiencias vividas en Galicia polos beneficiarios do programa desta consellería Actividades de campamento 2004, premio Vagalume:

a) Primeiro premio: 450 euros e diploma.

b) Segundo premio: 300 euros e diploma.

c) Terceiro premio: 150 euros e diploma.

1.4.10. Concurso de ensaio e traballos de investigación Galeguidade sobre A xuventude ante o futuro da Galicia exterior, achegando propostas e ideas creativas que axuden ao seu fortalecemento e pervivencia, premiado con 3.000 euros e diploma.

1.5. Participantes.

1.5.1. Poderán participar nestes concursos os galegos, descendentes de galegos e socios das entidades galegas que, sendo residentes na Galicia exterior, sexan autores de calquera traballo das modalidades enumeradas nesta base.

Excepcionalmente, no concurso de ensaio e traballos de investigación Galeguidade poderán participar sen distinción de lugar de residencia todos os autores, galegos ou descendentes de galegos, de traballos sobre a temática exposta no punto 1.4.10.

1.5.2. Na modalidade de redacción e contos e de reportaxe fotográfica, premios Pomba e Vagalume, soamente poderán participar os beneficiarios do programa Actividades de campamento 2004, que narren ou describan experiencias vividas no transcurso deste programa.

1.5.3. Non poderán participar nestes concursos aquelas persoas que obtivesen, na mesma modalidade, un primeiro premio ou dous ou máis premios distintos do primeiro, nos últimos catro anos.

1.6. Condicións para a presentación das obras e documentación que se vai achegar.

1.6.1. As obras xa premiadas en concursos dos propios centros galegos poderán ser presentadas a esta convocatoria de concursos públicos culturais

para a Galicia exterior 2004, agás cando as bases específicas o prohiban expresamente.

1.6.2. Non poderán participar nestes concursos os traballos finalizados con anterioridade ao 31 de outubro de 2003, data final de presentación dos concursos convocados o ano anterior.

1.6.3. Cada autor poderá presentar a concurso un só traballo por modalidade, agás cando as bases específicas determinen a posibilidade de presentación de maior número de obras.

1.6.4. As obras que se presenten a este concurso cultural enviaranse debidamente protexidas para o seu transporte, sendo responsable o concursante da súa posible deterioración con anterioridade á recepción do envío por parte da Administración.

As bases específicas de cada concurso establecerán os requisitos e as formas de presentación dos traballos, que teñan carácter específico para cada especialidade.

1.6.5. Con carácter xeral, cada traballo que se presente a concurso deberá ser remitido polo seu autor e sen que conste en ningún lugar visible a súa identidade. Constará soamente no envoltorio a modalidade do concurso, título da obra ou traballo e o pseudónimo baixo o que o presenta. Con cada traballo achegarase un sobre pechado cos seguintes datos:

a) Nome do traballo ou título da obra.

b) Nome e apelidos do autor, enderezo, código postal, país, teléfono de contacto ou correo electrónico.

c) Fotocopia do documento nacional de identidade.

1.7. Lugar e prazo de presentación.

Os autores residentes no exterior enviarán os seus traballos a través dunha sociedade galega do exterior, ou directamente á Consellería de Emigración (Os Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, dentro do prazo que remata o 31 de outubro de 2004, agás o premio Gaiteiro de Soutelo, que remata o 30 de xuño. Nos envíos deberá constar claramente a modalidade á que se presenta.

1.8. Resolución.

1.8.1. A Consellería de Emigración nomeará para o efecto un xurado integrado por especialistas nas materias obxecto dos concursos, quen elevará, na correspondente acta, unha proposta de concesión de premios para cada modalidade á consellería. Esta resolverá conceder os premios, non podendo un mesmo autor acadar máis dun premio por modalidade.

1.8.2. Calquera premio poderá declararse deserto atendendo ao conxunto da calidade dos traballos presentados.

1.8.3. A decisión do xurado é inapelable.

1.9. Difusión das obras premiadas.

1.9.1. A Consellería de Emigración reservará para si o dereito de reproducir as obras premiadas, que quedarán na súa propiedade, para utilizalas en actividades non-comerciais.

1.9.2. As obras presentadas e non premiadas poderán ser retiradas polos autores antes do día 31 de decembro do ano 2005.

1.9.3. O feito de participar nos concursos supón a aceptación das normas contidas nestas bases.

2. Bases específicas da convocatoria para as distintas modalidades de concurso público cultural.

2.1. Concurso de artigos xornalísticos: premio Andoriña.

2.1.1. Condicións para os traballos:

-Soamente poderán concursar artigos publicados en xornais e revistas a partir do día 31 de outubro de 2003.

-Estarán escritos en lingua galega ou castelá, indistintamente.

2.1.2. Presentación dos traballos:

-De cada traballo presentaranse 5 copias en papel tamaño A4, mecanografados a dobre espazo.

-No sobre pechado, onde consten os datos persoais do participante, incluirase obrigatoriamente un exemplar do medio en que se publicou o traballo.

2. 2. Concurso de narración breve: premio Bolboreta.

2.2.1. Condicións para os traballos:

-Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.

-Estarán escritos en lingua galega ou castelá, indistintamente.

-Terán unha extensión máxima de 15 folios escritos por unha soa cara.

2.2.2. Presentación dos traballos:

-De cada orixinal presentaranse 5 copias en papel tamaño A4, mecanografados a dobre espacio.

2.3. Concurso de vídeos: premio Xanela.

2.3.1. Condicións para os traballos:

-Serán vídeos orixinais e inéditos.

-Estarán gravados con posterioridade ao 31 de outubro de 2003, e narrados en lingua galega ou castelá.

-Terán unha duración máxima de 60 minutos.

2.3.2. Presentación dos traballos:

-Enviaranse por duplicado, dentro do estoxo correspondente e en formato VHS (sistema europeo).

-No vídeo non deberá figurar o nome do autor, senón o pseudónimo que o identifica.

2.4. Concurso de pintura: premio Camelia.

2.4.1. Tema: a temática será libre.

2.4.2. Condicións para os traballos:

-Serán obras únicas e orixinais, feitas en calquera das técnicas de uso normal en pintura e rematadas con posterioridade ao 31 de outubro de 2003.

-O tamaño das obras será libre, cun máximo correspondente ao formato 10 F (46x55 cm).

2.4.3. Condicións para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figurar o nome deste en ningunha parte da obra.

2.5. Concurso de debuxo: premio Mimosa.

2.5.1. Tema: a temática das obras será libre.

2.5.2. Condicións para os traballos:

-As obras serán únicas e orixinais, rematadas con posterioridade ao 31 de outubro de 2003, e non poderán estar feitas en acuarela, pastel ou noutra técnica non considerada como debuxo, e o tamaño máximo será o correspondente ao formato 10 F (46x55 cm).

2.5.3. Condicións para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figurar o nome deste en ningunha parte da obra.

2.6. Concurso de fotografía: premio Manuel Ferrol.

2.6.1. Número de traballos:

-Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías.

2.6.2. Condicións para os traballos:

-Que sexan fotografías orixinais e inéditas, realizadas con posterioridade ao 31 de outubro de 2003.

-Poden ser feitas en branco e negro ou en cor.

-O formato das fotografías será libre, cun tamaño mínimo de 30x40 cm e non excedendo de 40x50 cm.

2.6.3. Condición para o envío dos traballos:

-As obras remitiranse debidamente embaladas, cunha nota de identificación onde conste o pseudónimo, e non deberá figurar o nome deste en ningunha parte da obra.

2.7. Concurso de creación e interpretación musical para gaiteiros solitas: premio Gaiteiro de Soutelo.

2.7.1. Co gallo de promocionar a participación da Galicia exterior no concurso Constantino Bellón, que terá lugar na cidade de Ferrol o 31 de agosto de 2004, organizado polo Ateneo Ferrolán, a Consellería de Emigración convoca o Premio Gaiteiro de Soutelo.

2.7.2. Poderán participar todos os gaiteiros dos centros galegos ou institucións da Galicia exterior.

2.7.3. Os concursantes deberán enviar á Consellería de Emigración (Os Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), a seguinte documentación:

-Unha cinta de audio ou un CD gravado -só con gaita, sen acompañamento coa peza O xabarín perdido, composta por Xesús Vaamonde Manteiga, facendo constar nesta o pseudónimo adoptado.

-A partitura orixinal dunha peza de composición inédita, creada expresamente para este premio, así como copia doutra tradicional ou de autor.

2.7.4. Plicas.

Os concursantes enviarán a cinta de audio ou o CD gravado nun sobre pechado cun pseudónimo identificador. No interior deste sobre deberá figurar outro, pechado e escrito por fóra co mesmo pseudónimo, en que deberán constar os datos persoais do participante: nome e apelidos, enderezo, código postal, cidade e país de residencia, teléfono ou correo electrónico, unha fotocopia do seu documento nacional de identidade e o nome do centro ou institución galega polo cal se presenta. No mesmo sobre deberán incluír o orixinal da partitura inédita presentada ao Premio Gaiteiro de Soutelo, e tamén copia da partitura tradicional ou de autor.

2.7.5. Prazo.

O prazo de presentación remata o 30 de xuño de 2004.

2.7.6. Premios.

Os premios Gaiteiro de Soutelo consistirán na entrega dun diploma e na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagos, ao concurso Constantino Bellón.

2.7.7. A participación dos premiados no concurso Constantino Bellón consistirá:

-Interpretación da peza inédita, creada expresamente para o concurso Gaiteiro de Soutelo, e mais da peza tradicional ou de autor.

-A interpretación de ambas as dúas pezas, no seu conxunto, non poderá exceder a duración de 5 minutos.

Todos os finalistas do premio Constantino Bellón recibirán unha peza de cerámica deseñada por Sargadelos, baseada nun óleo de Luís Seoane, cedido expresamente pola súa viúva, Maruxa Seoane, para este concurso, e un diploma acreditativo da súa participación no concurso.

A dotación do premio Constantino Bellón será de 1.800 euros, con dous accésit de 600 euros.

2.7.8. Editará un cuadríptico o Ateneo Ferrolán que será enviado a todos os centros, no cal se citarán as anteditas cláusulas do Premio Gaiteiro de Soutelo así como as correspondentes ao concurso Constantino Bellón, no cal figurará a partitura da peza O xabarín perdido.

2.8. Concurso de redacción e contos: premio Pomba, e reportaxe fotográfica: premio Vagalume.

2.8.1. Tema:

-A temática da narración, contos e reportaxe fotográfica terá que estar relacionada coas experiencias vividas en Galicia polos mozos participantes no programa de Actividades de campamento Rutas coñece Galicia, realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

2.8.2. Número de traballos:

-Cada participante deberá presentar obrigatoriamente un traballo de narración breve ou un conto, e de xeito voluntario unha reportaxe fotográfica.

2.8.3. Condicións para os traballos:

-Os traballos de narración, que son obrigatorios, deberán ter entre un mínimo de 1 folio e un máximo de 5 folios, en tamaño A4, escritos por unha soa cara e en lingua galega ou castelá.

-A reportaxe fotográfica constará de entre 4 e 10 fotografías que se reenviarán en sobre pechado para entrega á Consellería de Emigración por parte dos directores de cada ruta campamento.

2.8.4. Condicións para os participantes:

-Ser beneficiarios do programa de Actividades de campamento para a Galicia exterior durante o ano 2004, nas distintas quendas en albergues xuvenís.

2.9. Modalidade de ensaio e traballos de investigación: premio Galeguidade.

2.9.1. Tema:

-Os traballos deberán ter por contido calquera dos posibles aspectos relativos ao tema A xuventude ante o futuro da Galicia exterior, achegando propostas, ideas ou obras creativas que axuden ao seu fortalecemento e pervivencia.

2.9.2. Condicións para os traballos:

-A extensión mínima será de 70 folios en tamaño A4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, en lingua galega ou castelá (sen incluír o material bibliográfico e documental).

2.9.3. Condicións para o envío dos traballos:

-Presentaranse baixo un pseudónimo e achegaranse cun sobre pechado que conterá os datos persoais do autor ou autores do traballo e unha fotocopia do seu documento nacional de identidade.

-No envoltorio de envío do traballo non aparecerá o nome do participante senón o pseudónimo, e farase constar: Para o Premio Galeguidade.

2.9.4. Premio:

-O traballo que obteña o Premio Galeguidade percibirá 3.000 euros e diploma acreditativo. O premio é único e indivisible, e poderán outorgarse, por proposta do xurado, un ou máis accésit honoríficos.