DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Xoves, 15 de abril de 2004 Páx. 5.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 5 de abril de 2004 pola que se convocan bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información turística durante o verán de 2004.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que, por parte das administracións públicas, se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así manter a demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo está a adoptar unha serie de iniciativas para acadar os fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorecer que os estudantes e diplomados de turismo ou técnicos de empresas e actividades turísticas, así como os técnicos superiores en información e comercialización turísticas accedan a prácticas nas oficinas de información de turismo dependentes desta consellería, para reforzar as tarefas de información aos visitantes. Con isto contribúese directamente tanto á formación dos técnicos como á mellora do servizo de atención ao turista, o que repercutirá de modo decisivo nunha maior satisfacción e incremento da demanda.

Por todo isto e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, esta consellería realiza unha convocatoria de bolsas para a realización de prácticas en oficinas de información turística de acordo coas seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse 19 bolsas para a realización durante o verán de prácticas de información turística, nas

oficinas que a continuación se relacionan e pola duración sinalada no cadro seguinte:

OficinaNº bolseirosMesesDías

Santiago de Compostela241 xullo-31 outubro

A Coruña231 xullo-30 setembro

Vigo231 xullo-30 setembro

Pontevedra231 xullo-30 setembro

Ourense231 xullo-30 setembro

Lugo231 xullo-30 setembro

Lugo-Oficina do Fielato121 xullo-31 agosto

Pedrafita do Cebreiro12,51 xullo-15 setembro

A Gudiña (Casa da Viúva)121 xullo-31 agosto

Tui (Área Panorámica)121 xullo-31 agosto

Vilagarcía de Arousa121 xullo-31 agosto

Ferrol121 xullo-31 agosto

Ribeira121 xullo-31 agosto

Segunda.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

1. Poden optar ás bolsas de prácticas nesas oficinas de información turística os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os estudantes e titulados da diplomatura de turismo e os técnicos de empresas e actividades turísticas, sempre que nacesen con posterioridade ao 31 de decembro de 1976 e non fosen adxudicatarios desta mesma bolsa en dúas ou máis edicións anteriores.

2. A condición de bolseiro/a en virtude desta orde non xerará ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual e tampouco dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

Terceira.-Crédito orzamentario e dotación das bolsas.

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de corenta e tres mil cinconta euros (43.050 A), que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.651A.480.0.

A dotación económica de cada bolsa será de oitocentos vinte euros (820 A) brutos mensuais. Cada bolsa comprenderá, ademais, un seguro individual de accidentes.

Cuarta.-Condicións xerais das bolsas.

1. O contido das tarefas que realizarán os bolseiros consiste en actividades relacionadas coa información a turistas e viaxeiros sobre aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servizos en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

2. Os beneficiarios comprométense á realización das devanditas tarefas con plena dispoñibilidade, calquera día da semana laboral ou festivo, de acordo coas indicacións e horario que lle sinalase o Servizo de Turismo da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, cun límite de 37 horas semanais.

Todos os beneficiarios serán convocados a unha reunión na Dirección Xeral de Turismo en Santiago de Compostela con anterioridade ao comezo das súas

prácticas e antes de que remate o período da bolsa realizarán un informe sobre o traballo desenvolvido, que lle entregarán ó xefe da oficina, que o remitirá coa súa conformidade ao Servizo Provincial de Turismo respectivo, que pola súa vez llo enviará cos comentarios que considere pertinentes ao Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes seranlle remitidas, conforme o modelo do anexo I, á Dirección Xeral de Turismo (Santiago de Compostela), en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada, por ambas as caras, do DNI.

b) Curriculum vitae e fotografía.

c) Os estudantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

d) Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

e) Certificacións ou fotocopias compulsadas dos diplomas de cursos e traballos realizados, así como da realización de prácticas en oficinas de turismo, axencias de viaxes, hoteis, cámpings, congresos, museos ou calquera outra actividade vinculada ao sector turístico.

f) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Os interesados non poderán presentar máis de dúas solicitudes.

Sexta.-Criterios de adxudicación.

1. Para a valoración das solicitudes que se presenten, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis aos diplomados en turismo e TEATS.

-0,5 puntos por curso de iniciación de galego e 1 polo de perfeccionamento ou título homologado

-1 punto por curso de idiomas superado (non se valorarán os inferiores a 70 horas).

-0,25 puntos por cada mes completo de prácticas desenvolvendo actividades de atención ao público relacionadas co turismo.

2. A comisión poderá realizarlles unha entrevista a todos os aspirantes a unha oficina que acrediten máis de 7 puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e terá unha duración máxima de 10 minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá aumentar a puntuación asignada nun máximo do 20%.

3. No caso de que unha vez adxudicadas as bolsas de estudos xurdisen renuncias, adxudicaráselle automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

Sétima.-Órganos competentes de xestión e resolución.

As solicitudes presentadas serán valoradas de acordo cos criterios mencionados no artigo anterior, por unha comisión integrada por tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo: a subdirectora de Ordenación do Turismo, que a presidirá, o xefe da Sección de Cooperación e Documentación e a xefa do Servizo de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, que actuará como secretaria.

No prazo máximo dun mes desde a finalización do período de presentación de instancias, exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo e das dependencias dos servizos provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a relación de solicitantes para cada unha das oficinas, coa puntuación acadada.

Á vista da proposta da comisión de valoración, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo resolverá a adxudicación das bolsas, de conformidade co establecido nesta orde. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Oitava.-Obrigas dos beneficiarios.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicaranlle por escrito á Dirección Xeral de Turismo a súa aceptación ou renuncia. No caso de aceptación xuntarase coa mesma certificación bancaria da conta onde desexa que se lle aboe o importe da bolsa.

Se transcorridos os sinalados cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención, declarándose concluso o procedemento.

Por outra parte, os beneficiarios terán que facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde (artigo 78.6º i) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia).

Novena.-Aboamento das axudas.

As axudas aboaranse con periodicidade mensual e na contía correspondente, unha vez recibido o

informe que debe emitir a persoa competente nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo sobre a asistencia regular e aproveitamento das prácticas polos adxudicatarios.

Décima.-Incidencias.

A directora xeral de Turismo resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta orde e a obtención

concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Turismo para ditar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo