DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 14 de abril de 2004 Páx. 5.189

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2004 pola que se dispón a publicación do acordo do Consello Galego de Cooperativas sobre premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión plenaria do 29 de marzo de 2004, acordou aprobar as bases reguladoras dos premios á cooperación para o ano 2004.

En uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo referido.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2004.

María José Cimadevila Cea

Presidenta do Consello Galego de Cooperativas

Acordo do 29 de marzo de 2004 do Consello

Galego de Cooperativas polo que se convocan

os III premios á cooperación

A Constitución española, no seu artigo 129.2º, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia dictouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma, co encargo de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

Coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, o Consello Galego de Cooperativas considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

Polo que antecede, o Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do 29 de marzo de 2004, acordou:

Único.-Aprobar as bases polas que se regulan os premios á cooperación para o ano 2004, segundo o anexo que se xunta.

ANEXO

Bases polas que se rexerá a convocatoria

dos premios á cooperación 2004

Primeira.-Destinatarios.

Poderán optar a estes premios as cooperativas, as súas asociacións e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que realizaran un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Modalidades.

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

-Premio á excelencia cooperativa.

-Premio á innovación cooperativa.

-Premio á intercooperación cooperativa.

-Premio á promoción do cooperativismo.

-Premio á comunicación.

Terceira.-Premio á excelencia cooperativa.

1. Outorgarase á cooperativa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a traxectoria das candidatas, especialmente a aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Cuarta.-Premio á innovación cooperativa.

1. Outorgarase ao proxecto empresarial mais innovador ou ao mellor traballo de investigación sobre materias relacionadas co cooperativismo.

2. O xurado terá en conta a relevancia do proxecto ou traballo para o futuro do desenvolvemento do cooperativismo, así como o seu carácter innovador.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros. No caso de que o premio recaia nun traballo de investigación, o interesado poderá optar pola súa publicación polo Consello Galego de Cooperativas ou pola percepción da devandita contía.

Quinta.-Premio á intercooperación.

1. Outorgarase á mellor experiencia de intercooperación ou integración cooperativa na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a influencia da experiencia no seu ámbito territorial e funcional, o seu adecuado dimensionamento empresarial e a súa viabilidade e efectos nos eidos económico, social e laboral.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Sexta.-Premio á promoción do cooperativismo.

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo.

2. O xurado valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido. O xurado terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos/as candidatos/as e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Sétima.-Premio á comunicación.

1. Outorgarase ao mellor artigo, reportaxe ou calquera outro labor informativo sobre cooperativismo, difundido polos medios de comunicación xeneralistas de Galicia no ano 2004.

2. O xurado terá en conta o tratamento singularizado do cooperativismo e o grao de difusión acadado, valorando especialmente a súa contribución para achegar o coñecemento da fórmula empresarial cooperativa á sociedade galega.

3. O premio terá unha dotación económica de 5.000 euros.

Oitava.-Candidaturas, documentación e prazo.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo candidato ou persoa que o propoña, por calquera medio que acredite a súa constancia, perante o Consello Galego de Cooperativas acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de outubro de 2004.

Novena.-Xurado.

Para efectos de concesión dos premios, actuará como xurado a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e a súa decisión será inapelable.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos.

Décima.-Entrega dos premios.

A decisión do xurado darase a coñecer no transcurso dun acto público, no que se procederá á entrega dos premios.

Décimo primeira.-A participación nestes premios supón a aceptación incondicional das presentes bases.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA