DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 14 de abril de 2004 Páx. 5.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre novas técnicas de investigación policial.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre novas técnicas de investigación policial, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer as novas pautas e métodos de investigación baseados nas técnicas e innovacións que a actual tecnoloxía desenvolve na súa aplicación policial.

-Ver como se produciron determinados cambios operativos para adecuarse aos novos instrumentos e técnicas científicas de cara á investigación policial.

-Desenvolver casuísticas e problemáticas no correspondente punto da investigación, que resulten modelos explicativos para coñecer os avances técnicos experimentados.

Destinatarios.

Membros das forzas e corpos de seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 250.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 5 de maio, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

As xornadas desenvolveranse durante os días 11 e 12 de maio. O día 11 desenvolveranse en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h.) e tarde (16.00 a 19.00 h); e o día 12 só en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h).

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o 6 de maio a partir das 16.30 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

As xornadas desenvolveranse na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de asistencia.

Ao remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de marzo de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade