DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 14 de abril de 2004 Páx. 5.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de abril de 2004 pola que se autoriza o aboamento de gastos complementarios con cargo ao programa de gratuidade de libros de texto para o curso escolar 2003-2004.

Por Orde do 6 de xuño de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 12 de xuño) convocouse o programa de gratuidade de libros de texto en centros sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos e establecéronse as súas normas de organización e funcionamento.

Mediante esta orde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asumiu o compromiso ante a sociedade de iniciar no ano 2003 un proceso que camiñe cara á gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio.

Tal e como establecía o artigo terceiro da citada orde, no curso 2003-2004 implantouse o programa de gratuidade de libros de texto no 6º curso de educación primaria, de xeito experimental.

Na orde de convocatoria establecíase un prazo para a presentación de xustificacións de gastos ata o 31 de outubro de 2003. Con posterioridade a esta data, e unha vez revisada a documentación presentada polos centros, observouse que por diversas circunstancias as xustificacións presentadas padecían certos defectos contables que levaron a que non figuraran correctamente xustificados os importes aboados con cargo ao citado programa, polo que, nalgúns casos, non foi posible efectuar os correspondentes pagamentos.

Considerando que estes atrancos son consecuencia da novidade da convocatoria e co fin de atinxir unha efectiva gratuidade de libros de texto no nivel educativo en que se implantou o programa neste curso escolar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar o aboamento de importes complementarios con cargo ao programa de gratuidade

de libros de texto para o curso escolar 2003/2004 por adquisicións realizadas conforme a Orde do 6 de xuño de 2003 (DOG do 12 de xuño), nos casos en que nas xustificacións se producisen erros, sempre que os gastos figuren correctamente xustificados polos centros afectados.

Segundo.-Os citados pagamentos realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.323A.480.0 dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2004, por importe de vinteún mil euros (21.000 A), podéndose ampliar, de ser o caso, con cargo a créditos da propia consellería, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan.

Terceiro.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as resolucións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL