DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 14 de abril de 2004 Páx. 5.170

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 75/2004, do 2 de abril, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do Plan Galicia: primeira fase da autovía Sarria-A6 (Nadela). Clave LU/01/066.01.

Con data do 29 de marzo de 2004, o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o proxecto de trazado do Plan Galicia: 1ª fase da autovía Sarria-A6 (Nadela). Clave LU/01/066.01.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada a referida declaración pola súa incidencia na seguranza vial, unha vez que os usuarios poderán utilizar para os seus desprazamentos unha vía con parámetros e características que melloran as súas condiciones de circulación e, a un tempo, con tal actuación conséguese avanzar no cumprimento dos obxectivos do Plan de dinamización económica-Plan Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 23 de xaneiro de 2003.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de abril de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado do Plan Galicia: 1ª fase da autovía Sarria-A6 (Nadela). Clave LU/01/066.01.

Santiago de Compostela, dous de abril de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda