DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 12 de abril de 2004 Páx. 5.055

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A. (mantemento do Hospital do Meixoeiro).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Eulen, S.A. (mantenemento do Hospital do Meixoeiro), con nº de código 3602191, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-3-2004, subscrito en representación da parte económica pola

representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, o día 23-2-2004, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de marzo de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo subscrito entre o persoal

do servizo de mantemento do Hospital do Meixoeiro

e a empresa Eulen, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio afectará por igual a todas as empresas que poidan resultar adxudicatarias do servizo de mantemento do Hospital do Meixoeiro e a todos os traballadores do dito servizo que neste momento figuran adscritos á empresa contratista Eulen, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio terá unha duración de catro anos, do 1 de xaneiro de 2003 ao 31 de decembro de 2006.

Entenderase prorrogado por anos naturais mentres non medie denuncia dalgunha das partes con tres meses de antelación.

Artigo 3º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será a mesma que realiza o persoal do Sergas, tanto en cómputo diúrno como nocturno.

As quendas de traballo repartiranse en xornadas de 7 horas de mañá, 7 polo serán e 10 de noite.

O traballador que realiza as funcións de limpeza nocturna da lavandería percibirá, como compensación da súa xornada, un complemento de posto de traballo do 15% do salario base mensual, correspondéndolle, ademais, os mesmos dereitos en canto a festivos e moscosos que ao resto dos traballadores.

Artigo 4º.-Descansos.

O persoal gozará de 30 minutos de descanso, computado como tempo efectivo de traballo, que será de 10.00 a 11.00 na quenda da mañá, de 18.00 a 19.00 na quenda do serán e de 2.00 a 3.00 na quenda da noite.

Artigo 5º.-Xornada nocturna.

Fíxase un complemento de nocturnidade en valor hora e tempo, idéntico ao establecido no cadro retributivo do Sergas.

Artigo 6º.-Xornada en domingos e festivos.

Os traballadores/as que realicen xornada laboral en domingo ou festivo cobrarán o mesmo que o persoal do Sergas e gozarán das mesmas vantaxes e festivos que por tal traballo ou concepto lles puidesen corresponder.

O día 24 e 31 de decembro terán os complementos de festivos simples e o 25 de decembro e o 1 de xaneiro como festivos dobres para efectos retributivos coma no Sergas.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servizo, consistentes no aboamento de trienios de idéntica contía á establecida nos cadros retributivos do Sergas para o dito concepto.

Artigo 8º.-Horas extra.

Con carácter xeral queda prohibida a realización de horas extra, admitíndose soamente en caso de emerxencia ou as de carácter estrutural. Nestes casos o valor da hora extraordinaria queda fixado en 12 euros para o 2004, 13 euros para o 2005 y 14 euros con efectos do 1-1-2006, podendo compensarse con descansos a razón dun día e medio de descanso por cada xornada de traballo realizada en horas extra.

Artigo 9º.-IT.

O persoal afectado por este convenio que se atope en situación de IT percibirá o 100% do salario en caso de enfermidade laboral ou común e no caso de accidente laboral ou común, desde o primeiro día da baixa.

No caso de baixa por IT referido aos casos anteriores, as pagas extraordinarias percibiranse completas.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal incluído no ámbito funcional deste convenio colectivo percibirá as pagas extraordinarias que, segundo o cadro retributivo do Sergas, lle correspondan en función da súa categoría laboral. As ditas pagas faranse efectivas antes do 20 de xullo e 20 de decembro.

Artigo 11º.-Pagamento das nóminas.

O pagamento farase efectivo o último día de cada mes, dando un prazo por motivos burocráticos ou de forza maior ata o día 2 do mes seguinte. As nóminas entregaranse como máximo o terceiro día de cada mes.

Artigo 12º.-Salarios.

Os traballadores comprendidos neste convenio percibirán as mesmas retribucións que poidan corresponderlle ao persoal propio do Sergas con idéntica categoría laboral, segundo os cadros retributivos do dito organismo.

Artigo 13º.-Subrogación do persoal.

Ao remate da concesión da contrata de mantemento, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, que se subrogará en todos os dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a todos os traballadores, calquera que sexa a situación en que se encontren e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles traballadores que fosen incorporados dentro dos catro últimos meses, se a dita incorporación non se debe a ampliación da contrata ou unha exixencia expresa do cliente.

Nun prazo de 3 días hábiles, a empresa saínte deberá facilitarlle á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos últimos catro meses.

-Relación de persoal en que se especifique nome, apelidos, enderezo, nº afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a liquidarlle ao entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza a súa subrogación por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes a que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servizo o suspenda por un período inferior a dous meses.

Ambas as partes, co fin de garantir a subrogación, acolleranse ao artigo 9, alínea f), do convenio colectivo provincial de siderometalurxia de Pontevedra.

Artigo 14º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o que non estea previsto neste convenio remítense as partes ao establecido no Estatuto dos

traballadores, ordenanza laboral siderometalúrxica, convenio provincial siderometalúrxico de Pontevedra e normativa propia do Sergas.

Artigo 15º.-Excedencias.

Os traballadores cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano terán dereito a que lles recoñezan a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un período non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercitado outra vez polo mesmo traballador cando teñan transcorrido catro anos desde o remate da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se é o caso, lle porá fin ao que viña gozando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Poderán, así mesmo, solicitar o seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo no primeiro ano, conservando nos sucesivos anos un dereito preferente ao reingreso nas vacantes que houber ou se orixinasen. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de dous meses.

No non disposto neste artigo, observarase o disposto na normativa citada no artigo de lexislación subsidiaria.

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

Todo o persoal afectado neste convenio terá dereito a efectuar unha revisión anual a cargo da empresa no primeiro semestre de cada ano.

Os recoñecementos médicos serán de carácter voluntario e consistirán en:

-Audiometría.

-Control de vista.

-Análise de sangue.

-Análise de urina.

-Espirometría.

-Exploración clínica.

-Específicos: recoñecemento para a prevención de lesións musco-esqueléticas.

-Vacina hepatite B.

Por este motivo aboaránselle a todo o persoal da empresa que estea fóra de servizo catro horas extra coa correspondente xustificación.

Os resultados do dito recoñecemento médico son confidenciais e seranlle entregados ao traballador/a nun sobre pechado.

En caso de que no dito recoñecemento se detectase algunha anomalía que tivese posibles consecuencias para o traballador/a seríalle notificado con urxencia ao interesado/a.

Artigo 17º.-Licenzas retribuídas.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, terá dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Dezaseis días naturais no caso de matrimonio do traballador.

b) Tres días laborables no caso de nacemento dun fillo.

c) Cinco días naturais no suposto de morte do cónxuxe, fillos, pais e pais políticos.

d) Tres días naturais no suposto de morte de irmáns, netos, avós, fillos políticos e irmáns políticos. Se o traballador necesitase facer un desprazamento fóra da provincia, concederánselle dous días naturais máis.

e) Tres días naturais no suposto de enfermidade grave de cónxuxe ou fillos e dous días naturais no suposto de enfermidade grave de pais, avós, irmáns, netos e pais políticos, circunstancia que deberá ser xustificada de maneira que faga fe.

As referencias que tanto na alínea c) coma na e) se fan ao cónxuxe, referiranse tamén ao compañeiro/a en situación estable, sempre que a acreditación da dita situación sexa anterior á solicitude de calquera licenza.

f) Un día natural no suposto de traslado de domicilio.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialistas da Seguridade Social, cando coincida o horario de consulta co traballo e prescriba a dita consulta o facultativo de medicina xeral, debendo presentar previamente o traballador na empresa o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos demais casos, ata o límite de 22 horas ao ano.

h) O tempo necesario para a realización de exames coa correspondente comunicación previa e posterior xustificación.

i) O tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

j) Todo traballador/a que por orden médica teña que facer calquera tipo de rehabilitación nun centro de saúde, disporá do tempo necesario, entendéndose que as sesións de rehabilitación serán sempre no mesmo horario.

k) Un día natural no caso de matrimonio de fillos e irmáns.

l) Un día natural polo falecemento dun parente de terceiro grao sempre que viva no domicilio do traballador (tío, tío político, avó político, etc.).

Artigo 18º.-Licenzas non retribuídas.

Os traballadores terán dereito a licenzas non retribuídas pero que deberán ser debidamente xustificadas nos casos seguintes:

a) Enfermidade grave de parentes.

b) Acompañar fillos menores de idade ao médico.

c) Ata sete días naturais por necesidades persoais xustificadas.

d) Os traballadores, que teñan unha antigüidade maior de cinco anos, poderán solicitar unha licenza sen salario por un período máximo de 11 meses (tempo sabático) cando o mesmo teña por obxecto a formación persoal ou o desenvolvemento profesional do traballador.

Artigo 19º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo ou enfermidade profesional, con reducción das súas facultades físicas e intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupar postos máis aptos, en relación ás súas condicións, que existan na empresa, sempre que teñan aptitude e idoneidade para o novo posto.

Artigo 20º.-Vacacións.

Os traballadores/as afectados polo presente convenio desfrutarán de trinta días de vacacións ininterrompidas entre os meses de xuño e setembro, ámbolos dous inclusive. O calendario de vacacións fixarase con dous meses de antelación ao comezo delas, para o seu coñecemento polos traballadores/as.

O persoal poderá percibir como anticipo, na nómina correspondente do mes anterior ás vacacións, ata o 50% do salario correspondente ao período de vacacións, debendo solicitalo por escrito con antelación suficiente.

Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de IT terá dereito a collelas, sempre que cause alta antes do remate do ano natural, ou sempre que a alta sexa no mes de decembro, o desfrute das vacacións poderá ser ata os primeiros 15 días do ano entrante.

O pagamento destas será o mesmo que o cadro retributivo do Sergas, incluíndo as melloras que puidesen ter.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará ao persoal, como mínimo anualmente, de dúas pezas de roupa de traballo (dúas camisas, dous pantalóns, dúas chaquetas e unha funda). Entregarase, así mesmo, un par de zapatos, e cada dous anos un par de botas de seguridade, cada catro anos un chaquetón de abrigo e, así mesmo,

a empresa dotará de roupa de auga o persoal que a necesite.

As prendas de traballo (camisas, pantalóns e chaquetas) terán unha composición adecuada ás tarefas que se realicen, como marca a Lei de prevención de riscos laborais.

A entrega de roupa e calzado efectuarase nos meses de abril e outubro do mesmo ano.

O traballador que realiza o seu labor con lentes graduados terá dereito a que se lle proporcionen outros, sempre que en razón do traballo as súas sufran algunha deterioración. No caso de conflito relativo a este dereito, convocarase unha comisión paritaria formada por dous representantes dos traballadores e dous representantes da empresa.

Artigo 22º.-Seguro colectivo.

A partir dos trinta días da sinatura deste convenio, a empresa contratará un seguro colectivo de accidentes, aboando o importe íntegro das primas, debendo cubrir a póliza a seguinte contía mínima de indemnizacións.

-Accidente laboral ou común co resultado de morte: 15.000 euros.

-Accidente laboral ou común co resultado de invalidez total, absoluta, grande invalidez o enfermidade profesional: 18.000 euros.

Unha copia da póliza fixarase no taboleiro de anuncios da empresa.

Artigo 23º.-Liquidación por cesamento.

A empresa concederalles aos traballadores que, tendo a idade que de seguido se indica, causen baixa na empresa por propia vontade:

-Aos 60 anos: 4 meses de vacacións.

-Aos 61 anos: 3 meses de vacacións.

-Aos 62 anos: 2 meses de vacacións.

-Aos 63 anos: 1 mes de vacacións.

Aos 64 anos e de conformidade no disposto no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e do R.D. 1194/1985, para tal efecto a empresa deberá contratar simultaneamente en lugar do xubilado outro traballador/a que sexa titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

No momento da sinatura deste convenio constituirase a súa comisión paritaria, que quedará composta por catro persoas de cada parte, tanto en representación da empresa como en representación dos traballadores.

As funcións desta comisión paritaria consistirán en vixiar e interpretar o cumprimento de cada un dos pactos que interveñen e constitúen a normativa do vixente pacto colectivo.

Os conflitos que puidesen xurdir, e non estando de acordo as partes para solucionar as discrepancias

existentes, poderán acudir aos organismos administrativos ou xudiciais correspondentes, así como ás disposicións contidas no AGA, para a solución extraxudicial de conflitos laborais.

Artigo 25º.-Acción sindical.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente, os traballadores/as desfrutarán das seguintes garantías sindicais:

-A empresa daralles conta das novas contratacións que haxa aos representantes dos traballadores/as.

-A empresa disporá dun taboleiro de anuncios en que poderá fixarse propaganda sindical, a cal deberá axustarse ao disposto no ET.

-Dentro das formalidades previstas no artigo 77 e seguintes do ET a empresa facilitará o exercicio e reunións informativas dentro da xornada laboral, empregando un máximo de dúas horas ao mes.

-Cada representante sindical disporá do crédito de horas sindicais fixadas no ET para o exercicio das súas funcións de representación. Neste crédito quedarán incluídas as horas destinadas a asistir as convocatorias sindicais que, en todo caso, deberán ser correctamente realizadas. Non se computarán dentro deste crédito horario as reunións motivadas pola negociación colectiva coa empresa.

-Ante a imposición de sanción a un traballador derivada de falta moi grave, esta será oída coa antelación suficiente, tanto por parte do delegado sindical que corresponda á afiliación do traballador como, así mesmo, do comité de empresa, como fai referencia o artigo 55.1º do ET e o artigo 10.3º.3 da LOLS.

Artigo 26º.-Estabilidade no emprego.

Todos os oficiais de mantemento que prestasen servizos para a empresa durante un período superior a un ano pasarán a ter contrato de persoal fixo de centro, sen que esta circunstancia afecte o persoal que estea realizando substitucións doutros traballadores con dereito a reserva do posto de traballo.

Artigo 27º.-Saúde laboral.

Observarase o disposto no recollido na Lei de prevención de riscos laborais e normativa de desenvolvemento.

Artigo 28º.-Non á discriminación.

Homes e mulleres gozarán de igualdade de oportunidades en canto ao emprego, formación, promoción e desenvolvemento no traballo, respectando, en calquera caso, o principio de a igual traballo, igual salario. Non se poden discriminar os traballadores/as por seren cargos sindicais, polo seu credo, político, relixión ou cor da pel.

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante a vixencia deste convenio pasarán a ter a categoría laboral de condutores de instalacións 3 profesionais de oficio do modo seguinte: 1 con efectos de xaneiro de 2004, 1 en xaneiro de 2005 e 1 en xaneiro de 2006.

Segunda.-En todos os conceptos e melloras non recollidos neste convenio colectivo, estarase equiparado co persoal do Sergas a partir do 1 de xaneiro de 2003.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA