DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 12 de abril de 2004 Páx. 5.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 12 de marzo de 2004 pola que se convocan bolsas de colaboración para organización e descrición de arquivos de interese galego.

O Decreto 307/1989, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, atribúelle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a competencia de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, así como a responsabilidade de fomentar a adecuada formación do persoal técnico de arquivos. Coñecendo, por outra banda, as necesidades de organización e descrición de fondos documentais de moitos arquivos galegos pola importancia que teñen para garantir os dereitos e as obrigas dos cidadáns e as actividades da propia Administración, esta consellería convoca bolsas de formación e colaboración co fin de proceder á organización deses fondos documentais. Pero é preciso poñer un límite de desfrute destas bolsas, xa que se trata de bolsas de formación e colaboración que intentan dar a posibilidade de completar unha determinada formación académica ao maior número posible de persoas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse 27 bolsas de colaboración para a organización e descrición de fondos de arquivos de interese galego, con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.352B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso de cento trece mil trescentos noventa e oito euros con noventa e dous céntimos (113.398,92 A).

2. As bolsas irán destinadas a tarefas de organización e descrición de arquivos municipais de Galicia e outros arquivos de interese galego.

Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos municipios de Galicia ou outros centros a que sexan destinados, e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e por persoal técnico e facultativo debidamente cualificado designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 5 meses e medio a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de acordo co centro de destino.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de seis horas aos centros onde resulten destinados. O horario será o establecido polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo co centro de destino.

-Seguir as indicacións técnicas dos coordinadores.

-Entregar aos coordinadores mensualmente informe dos traballos realizados e ao finalizar a bolsa, informe técnico ou memoria correspondente á totalidade do traballo, así como copia dos instrumentos de descrición documental resultado deste.

Ao rematar a actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo os informes e a copia dos instrumentos de descrición documental realizados por cada bolseiro. O orixinal destes instrumentos descritivos quedará depositado no mesmo lugar en que se realice o traballo.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Ser licenciados con unha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.

-Non ter desfrutado con anterioridade de tres ou máis bolsas completas das convocadas por esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a organización e descrición de arquivos galegos.

2. Presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán, así mesmo, presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

3. Documentación necesaria:

Os solicitantes deberán xuntar a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración responsable de comprometerse a non desenvolver emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, que fosen incompatibles co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexos I e II debidamente cubertos e fotocopia dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos de que se presente proba documental.

Os solicitantes que xa presentasen méritos na convocatoria de bolsas do ano 2003, só deberán xuntar a documentación dos novos méritos que estimen oportunos.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar aos seleccionados a presentación dos orixinais ou fotocopia compulsada dos méritos alegados, que deberán presentarse nun prazo máximo de tres días, contados a partir do momento do seu requirimento público.

5. En caso de renunciar á bolsa, os interesados deberán comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no prazo de tres días desde a notificación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e nos das súas delegacións provinciais. De non presentarse a renuncia no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria.

Así mesmo, a renuncia durante o período de desfrute da bolsa inhabilitará o seu/súa adxudicatario/a para efectos de presentación na próxima convocatoria.

6. Serán tamén causas de exclusión a demostración de falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas para a organización de fondos dos arquivos de Galicia que se relacionan no anexo II.

Artigo 4º

O importe de cada bolsa non excederá da cantidade de catro mil cento noventa e nove euros con noventa e seis céntimos (4.199,96 A).

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderán reclamar, se fose necesario, aos solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, outorgándose un prazo de 10 días hábiles desde a notificación de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, farase segundo o seguinte baremo:

a) Licenciatura nunha universidade da Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto.

b) Experiencia de traballo:

-Traballo remunerado en organización e descrición de arquivos públicos municipais ou na elaboración do censo-guía. Por cada mes traballado: 0,75 puntos ata un máximo de 9 puntos.

-Traballo remunerado en organización e descrición noutro tipo de arquivos públicos. Por cada mes traballado: 0,50 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Traballo remunerado en organización e descrición de arquivos privados. Por cada mes traballado: 0,25 puntos até un máximo de 3 puntos.

-Traballo non remunerado en organización e descrición de arquivos públicos ou privados con dirección técnica certificada. Por cada mes traballado: 0,10 puntos até un máximo de 1,20 puntos.

c) Especialización:

-Especialidade universitaria en arquivística: 2 puntos.

-Master en arquivística: 2 puntos.

d) Cursos de arquivística, diplomática, paleografía e historia das institucións:

-Con acreditación expresa de 100 horas ou máis de duración: 0,70 puntos, até un máximo de 2,40 puntos.

-Con acreditación expresa de 60 horas ou máis de duración: 0,50 puntos, até un máximo de 2 puntos.

-Con acreditación expresa de 40 horas ou máis de duración: 0,30 puntos, até un máximo de 1,5 puntos.

-Con acreditación expresa entre 25 e 40 horas de duración : 0,20 puntos, até un máximo de 1 punto.

-Con acreditación expresa entre 10 e 25 horas: 0,10 puntos, até un máximo de 0,80 puntos.

e) Congresos, xornadas e seminarios:

-Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos até un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos, xornadas ou seminarios sobre arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,50 puntos até un máximo de 2 puntos.

-Presentación de relatorios en congresos, xornadas ou seminarios sobre arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 1 punto até un máximo de 3 puntos.

f) Publicacións relacionadas coa arquivística, paleografía, diplomática e historia das institucións, impresas antes do remate do prazo de presentación de solicitudes:

-Por cada libro: 1 punto até un máximo de 3 puntos.

-Por cada artigo en revista especializada: 0,25 puntos até un máximo de 2 puntos.

-Pola publicación efectiva de inventarios ou catálogos: 0,25 puntos até un máximo de 2 puntos.

Os cursos e congresos non específicos que se acrediten deberán acompañarse do seu correspondente programa.

O mesmo mérito só se valorará unha única vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

g) Cursos de galego:

-Iniciación: 0,5 puntos

-Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto

h) Cursos de informática:

-Informática en xeral: 0,10 puntos por curso até un máximo de 1 punto.

-Informática aplicada aos arquivos: 0,25 puntos por curso até un máximo de 1,50 puntos.

3. Os listados provisionais de bolseiros exporanse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais. O prazo de exposición será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, e durante os cales poderanse facer as alegacións pertinentes.

4. A resolución da convocatoria correspóndelle ao conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural. O acordo farase público, para efectos de notificación aos interesados, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, nun prazo que non excederá tres meses após remate do prazo de presentación de instancias.

Calquera notificación ou requirimento aos interesados farase a través dos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos das súas delegacións provinciais, dando así cumprimento ao disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

5. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data de notificación da mesma aos interesados ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data de notificación.

7. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 6º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento da dita bolsa.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e poderá mesmo anular os beneficios concedidos e solicitar a devolución das cantidades percibidas, se as houber, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa aos bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, expedirá, ao rematar os traballos e a petición dos interesados, logo do informe favorable dos coordinadores e entrega dos informes e inventarios realizados, certificación acreditativa da prestación dos servizos.

4. As bolsas non implicarán relación funcionarial nin laboral coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin compromiso que se estenda alén do seu ámbito de duración.

5- Os traballos resultantes serán propiedade da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A utilización deles deberá contar coa autorización expresa e previa da dita consellería e do centro onde se realizaron os traballos.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asinado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Patrimonio Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo