DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 07 de abril de 2004 Páx. 4.931

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de abril de 2004 pola que se regulan os procedementos de expedición, renovación, traslado e transmisión dos permisos de explotación para embarcacións.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura e competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado na materia de ordenación do sector pesqueiro en virtude do disposto nos artigos 27.15º e 28.5º do seu Estatuto de autonomía nos termos previstos no Real decreto 3318/1992, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado en materia de agricultura, gandería e pesca.

En exercicio de tales competencias o Parlamento galego aprobou a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, que establece que para pescar, mariscar ou colleitar algas é necesario contar co correspondente permiso de explotación, limitando a validez dos permisos das embarcacións a cinco anos prorrogables por períodos doutros cinco, ata un máximo de trinta. Conforme o citado texto legal regulamentariamente se determinarán as condicións para a obtención dos permisos.

En uso de tal habilitación o Decreto 425/1993, do 17 de decembro, refunde a normativa vixente sobre permisos de explotación establecendo o seu artigo 7 que para o exercicio da actividade extractiva, todas as embarcacións que operen en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia ou rexistradas nela, requiren permiso de explotación, e terán que respectar os tamaños, as artes autorizadas, a potencia dos motores, e as zonas e períodos de pesca segundo a lexislación estatal ou autonómica que lles sexa de aplicación.

A Orde do 8 de abril de 1994, en desenvolvemento do decreto anterior, regulou o procedemento de expedición e revalidación dos permisos de explotación, orde que foi modificada pola Orde do 31 de maio de 1995 nos aspectos procedementais.

Con posterioridade, a Orde do 9 de abril de 1997, de alternancia de artes para embarcacións que pesquen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia determinou o número máximo de artes por embarcación e creou o libro de rexistro de actividade pesqueira, co obxecto de facilitar a alternancia de artes por parte da flota de baixura, e o control da actividade pesqueira.

As sucesivas modificacións normativas que se foron producindo a nivel estatal, como foron a organización da flota por censos, a regulación específica

da actividade pesqueira de cada censo, así como o procedemento de incremento de potencia propulsora a buques menores de 12 m de eslora, fixeron que se fose atrasando ata o momento a necesaria revalidación dos permisos de explotación, e fan novamente precisa a revisión da orde reguladora de tales permisos a fin de adaptar e actualizar o seu contido aos cambios normativos producidos.

Co fin de acadar tal finalidade resulta necesario proceder a derrogar o capítulo I da Orde do 31 de maio de 1995, e fixar os criterios de outorgamento dos permisos de explotación de embarcacións en cada unha das súas distintas situacións, así como a súa renovación.

De acordo co anteriormente exposto, logo de consulta ao sector afectado, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para obter, renovar, trasladar e transmitir o permiso de explotación para embarcacións que faculta para exercer a actividade extractiva.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación ás embarcacións da lista 3ª do Rexistro de Matrícula de Buques inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a aquelas outras embarcacións que, non tendo porto base nesta comunidade, pretendan exercer a actividade extractiva dos recursos mariños en augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos para a obtención e validez do permiso de explotación para embarcación.

1. Conforme o Decreto 425/1993, do 17 de decembro, para acadar o permiso de explotación regulado nesta orde, as embarcacións deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumprir a normativa vixente en materia de seguridade.

c) Que a empresa que explote comercialmente a embarcación e o persoal enrolado nesta estean de alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

d) Que a empresa que explote comercialmente a embarcación non teña sanción firme en materia de protección de recursos en vía administrativa pendente de pagamento.

e) Que o armador da embarcación non sexa titular de autorizacións ou concesións administrativas para

a explotación dos recursos mariños das zonas marítimas e marítimo-terrestres.

f) Para a determinación das artes de pesca, a embarcación debe acreditar reunir as condicións establecidas no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, en materia de estruturas.

2. A perda dos requisitos sinalados para a obtención do permiso de explotación para embarcacións determinará a súa retirada mediante procedemento instruído para efecto e logo de audiencia do titular.

Sección segunda

Novos permisos de explotación

Artigo 4º.-Solicitude de permiso de explotación.

1. Deberán solicitar novo permiso de explotación, todas as embarcacións da lista terceira do Rexistro de Matrícula de Buques que carecendo del, teñan porto base nalgún porto da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes dun novo permiso de explotación para embarcacións formalizaranse de acordo co modelo que figura como anexo I desta orde e serán presentadas polos armadores/as ou os seus representantes, directamente ou ben a través das correspondentes confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros ou calquera outra entidade asociativa do sector debidamente constituída.

3. As citadas solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, así como nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Documentación.

1. A solicitude de permiso de explotación para embarcacións deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboado as taxas correspondentes.

b) Fotocopia compulsada do DNI ou CIF do armador/a solicitante. Cando se trate dunha persoa xurídica, o seu representante deberá acreditar a súa identidade e a representación coa que actúa.

c) Fotocopia compulsada do rol da embarcación coa dotación e despachos referido ós tres últimos anos de actividade, ou copia de despachos por tempo, reflectindo en cada páxina o folio e a matrícula do barco ao que corresponde.

d) Nos supostos de embarcacións que tendo porto base en Galicia non desenvolvan a súa actividade no caladoiro cantábrico noroeste deberán presentar a copia da licencia de pesca expedida pola autoridade estatal competente.

e) Fotocopia compulsada da certificación literal completa da folla de asento de inscrición marítima.

f) Declaración responsable de que o/a armador/a da embarcación non é titular dunha concesión ou autorización administrativa para a explotación de recursos mariños en zonas marítimas ou marítimo-terrestres.

g) Documento que acredite a alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar da empresa que explote comercialmente o buque e do persoal enrolado neste.

h) Solicitude de inscrición no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitude do libro de rexistro da actividade pesqueira conforme co anexo V desta orde, unicamente para embarcacións que pescan no caladoiro cantábrico noroeste.

j) Documento de inscrición do buque no Rexistro Mercantil actualizada ou certificación acreditativa desta inscrición.

2. Conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de que se trata non reúne os requisitos sinalados requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se lle terá por desistido da súa petición logo de resolución expresa.

Artigo 6º.-Resolución.

1. A resolución concedendo ou denegando o permiso de explotación para embarcacións será ditada polo titular da Dirección Xeral de Recursos Mariños ou da correspondente Delegación Territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos conforme o sinalado no artigo 6 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

2. O prazo máximo para notificar a resolución expresa é de dous meses contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente, transcorrido o cal, de non se ditar resolución expresa, se entenderá desestimatoria.

3. A resolución que se dite notificarase conforme o establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Ás embarcacións con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, que pescan no caladoiro cantábrico noroeste, xunto coa resolución outorgando o permiso de explotación entregaráselles o libro de rexistro de actividade pesqueira.

5. Os permisos de explotación para embarcacións axustaranse aos modelos recollidos nos anexos VI e VII desta orde.

Sección terceira

Renovación dos permisos de explotación

para embarcacións

Artigo 7º.-Requisitos para a renovación dos permisos de explotación para embarcacións.

1. Para a renovación dos permisos de explotación de embarcacións será necesario:

-Que o armador acredite ter realizado unha actividade extractiva suficiente. Para estes efectos, entenderase por actividade extractiva suficiente aquela que garanta vendas por un importe equivalente ao salario mínimo interprofesional a cada un dos tripulantes en cómputo global durante o tempo de vixencia do permiso.

-Ter remitidos os datos de extracción á unidade estatística correspondente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Ter realizada a correspondente declaración á facenda pública dos ingresos que deberán ser acordes co sinalado nos puntos anteriores.

2. A inactividade da embarcación ocasionada por forza maior debidamente xustificada non será causa que impida a renovación dos permisos de explotación de embarcacións.

Artigo 8º.-Solicitude de renovación dos permisos de explotación para embarcacións.

1. A solicitude de renovación dos permisos de explotación para embarcación deberá ser presentada polo armador con tres meses de antelación á data de vencemento da validez do permiso de explotación.

2. A solicitude correspondente formalizarase de acordo co modelo que figura no anexo II desta orde e poderá presentarse na forma prevista no artigo 4 desta orde.

Artigo 9º.-Documentación.

A solicitude de renovación do permiso deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) A recollida nas alíneas a), b), d), e), g) do artigo 5 desta orde.

b) Fotocopia do libro de rexistro da actividade pesqueira nos supostos de embarcacións do caladoiro cantábrico noroeste.

c) Xustificante das vendas en lonxa realizadas pola embarcación nos anos de vixencia do permiso. Cando a renovación sexa solicitada por armador/a titular de permiso de explotación por traslado ou transmisión, os xustificantes das vendas realizadas pola embarcación deberán ser presentados desde a data da concesión do permiso ao seu nome.

As embarcacións que pesquen fóra do caladoiro cantábrico noroeste poderán presentar no seu lugar certificación emitida pola asociación de armadores en que estean integrados, acreditativa das capturas obtidas nos anos de vixencia do permiso cuxa renovación se solicita.

d) Fotocopia compulsada do rol da embarcación ou copia dos despachos por tempo, coa dotación e despachos referidos aos anos de vixencia do permiso

que se vai renovar, reflectindo en cada páxina o folio e matrícula do barco a que corresponde.

e) Declaración responsable de que o/a armador/a da embarcación non é titular de concesión ou autorización administrativa para a explotación dos recursos mariños en zonas marítimas ou marítimo-terrestres, coa excepción dos supostos previstos na disposición transitoria segunda do Decreto 425/1993, do 17 de decembro.

f) Fotocopia compulsada dos resumos anuais da declaración do IVE dos anos de vixencia do permiso.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución concedendo ou denegando a renovación do permiso de explotación para embarcacións ditarase conforme o establecido no artigo 6 desta orde.

2. Resolta a solicitude de renovación do permiso de explotación, efectuaranse, se é o caso, as modificacións oportunas no libro de rexistro de actividade pesqueira.

Sección cuarta

Traslado do permiso de explotación

de embarcacións

Artigo 11º.-Traslado do permiso de explotación de embarcacións.

O permiso de explotación poderá ser trasladado a outra embarcación nos supostos de perda, despezamento ou substitución de nova embarcación, nos termos previsto no artigo 12 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro.

Artigo 12º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de traslado formalizaranse conforme o modelo que figura no anexo III desta orde e poderán presentarse na forma prevista no artigo 4.

2. As solicitudes de traslado do permiso de explotación de embarcacións deberán ir acompañadas da documentación recollida no artigo 5, a excepción do sinalado na alínea c).

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución concedendo ou denegando o traslado do permiso de explotación para embarcacións ditarase conforme o establecido no artigo 6 desta orde.

2. Unha vez concedido o traslado do permiso de explotación xunto coa resolución entregarase, se é o caso, o libro de rexistro de actividade pesqueira. Así mesmo, deberán devolverse os permisos de explotación e, se é o caso, os libros de rexistro da actividade pesqueira das embarcacións aportadas para a nova construcción.

Sección quinta

Da transmisión do permiso de explotación

Artigo 14º.-Solicitude.

1. A transmisión dun permiso de explotación de embarcacións dun armador a outro farase conxun

tamente coa transferencia da embarcación e logo da conformidade da Delegación Territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. A solicitude de transmisión deberá ser formalizada polo armador da embarcación conforme o modelo que figura como anexo IV desta orde, e deberá presentarse na forma prevista no artigo 4.

Artigo 15º.-Documentación.

1. A solicitude de transmisión dun permiso de explotación deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) A recollida nas alíneas a), d), e), f) do artigo 5.

b) Fotocopia compulsada dos DNI ou CIF das persoas físicas ou xurídicas que pretendan transmitir o permiso, así como da que pretenda adquirilo.

c) Fotocopia compulsada dos despachos por tempo ou rol da embarcación, coa dotación e despachos realizados desde a expedición do permiso de explotación ou, se é o caso, desde a última renovación, ata a data da presentación da solicitude.

d) Para as embarcacións que desenvolvan a súa actividade no caladoiro cantábrico noroeste, fotocopia compulsada do libro de rexistro da actividade pesqueira, en que se reflictan os dous últimos anos de actividade da embarcación.

e) Naqueles casos en que, como consecuencia da transmisión, o novo titular da embarcación solicite cambiar de porto base, deberá presentar a documentación que para eses supostos determine a orde pola que se regulen os cambios de base de buques pesqueiros.

Artigo 16º.-Tramitación e resolución.

1. Presentada a solicitude de transmisión dun permiso de explotación de embarcacións e á vista da documentación presentada, ditarase resolución sobre a conformidade da delegación territorial coa transmisión solicitada. Na resolución faranse constar as artes así como as zonas onde poderá pescar a embarcación, en función do estado dos recursos.

2. No prazo máximo de tres meses desde a notificación da conformidade por parte da delegación territorial, o novo armador deberá acreditar a efectividade da transmisión de titularidade na explotación da embarcación, coa folla de asento de inscrición marítima onde se reflicta o cambio de armador. Así mesmo, presentará o documento que acredite a alta no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, da empresa que explote comercialmente o buque e do persoal enrolado neste.

3. Transcorrido o prazo de tres meses sen acreditar este extremo, quedará sen efecto a conformidade outorgada.

4. Unha vez acreditada a transmisión da embarcación a delegación territorial ditará no prazo de dous meses desde a acreditación, resolución auto

rizando a transmisión do permiso de explotación na forma prevista no artigo 6 desta orde.

5. Unha vez resolta a solicitude de transmisión do permiso, o novo armador presentará o libro de rexistro de actividade pesqueira para a súa modificación.

Sección sexta

Procedemento para a expedicion de permisos

a embarcacións con base en portos

doutras comunidades autónomas

Artigo 17º.-Dos permisos a embarcacións con base en portos doutras comunidades autónomas.

1. Deberán solicitar permiso de explotación os armadores de embarcacións pesqueiras con porto base noutras comunidades autónomas que pretendan pescar en augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para que se poda outorgar o permiso os armadores deberán acreditar documentalmente os seguintes requisitos:

a) Que a embarcación está en situación de alta no censo da flota pesqueira operativa nacional.

b) Que as dimensións da embarcación se axustan aos límites estruturais establecidos para pescar en augas interiores.

c) Informe favorable da autoridade competente na materia, da comunidade autónoma onde teña o porto base a embarcación.

3. En función do estado dos recursos a Dirección Xeral de Recursos Mariños, competente nesta materia, resolverá conforme o previsto no artigo 6 desta orde, outorgando, de ser o caso, un permiso de duración inferior a cinco anos para as artes que nel se determinen.

4. Logo dos acordos entre os responsables designados por cada administración, poderán asinarse convenios de boa veciñanza entre comunidades limítrofes, en que se establecerán as condicións das autorizacións, que poderán ser distintas ás recollidas nesta orde.

Sección sétima

Determinación das artes, modalidades

e zonas de pesca

Artigo 18º.-Das artes e modalidades de pesca.

1. De conformidade co sinalado no artigo 10 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, no permiso de explotación, no traslado, na transmisión e na renovación, faranse constar as modalidades e as artes de pesca autorizadas, así como a zona de pesca, que virán limitadas en función do estado dos recursos.

2. Para a determinación das artes ou modalidades de pesca terase en conta a actividade realizada, segundo o reflectido no libro de rexistro de actividade pesqueira da embarcación, así como as vendas realizadas en lonxa.

3. A inclusión nos permisos de modalidades de extracción de recursos específicos, virá condicionada á previa inscrición da embarcación e, se é o caso, dos tripulantes habilitados, no plan de explotación específico regulamentariamente establecido.

4. Para as embarcacións que desenvolvan a súa actividade no caladoiro cantábrico noroeste no procedemento de renovación do permiso manteranse aquelas artes que fosen rexistradas no libro de rexistro por un período mínimo de tres meses nos dous últimos anos anteriores á data de finalización da súa vixencia.

Artigo 19º.-Das zonas de pesca.

1. As embarcacións que conten no permiso de explotación con artes das definidas nas seccións terceira e cuarta do capítulo X do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, soamente poderán exercer a actividade extractiva nunha das zonas sinaladas no anexo VIII desta orde.

2. Excepcionalmente, a través de plans de explotación, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos poderá autorizar para os recursos que se dispoñan, que determinadas embarcacións con permiso de explotación para unha das zonas definidas no anexo VIII desta orde poidan acceder a pescar noutras zonas.

3. Nas zonas suxeitas a plans de explotación para determinadas especies ou artes só poderán pescalas embarcacións autorizadas nos ditos plans.

Disposición adicional

As resolucións que poñan fin aos procedementos incoados ao abeiro do disposto nesta orde, notificarase de oficio ao Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa debida constancia, no prazo dun mes desde a data da resolución.

Disposicións transitorias

Primeira.-As embarcacións que soliciten por primeira vez a renovación do permiso de explotación, en canto non se efectúe unha valoración concreta das embarcacións que efectivamente pescan a cada arte, a incidencia que cada modalidade exerce sobre os diferentes recursos, así como o estado destes, non lles será de aplicación o disposto no artigo 10 da Orde do 9 de abril de 1997, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que pesquen na Comunidade Autónoma de Galicia, nin o disposto no artigo 18.4º desta orde, mantendo coa renovación do permiso todas as artes que teñen autorizadas na data de solicitude.

Segunda.-Aos armadores que soliciten por primeira vez a renovación do permiso de explotación, ao abeiro do disposto nesta orde, non lles serán de aplicación os requisitos establecidos no artigo 9 alínea c).

Deberán xustificar, sen embargo, un volume medio de vendas en cómputo anual igual ao salario mínimo interprofesional de cada tripulante nos dous últimos anos, ou copia da declaración á facenda pública por un volume de ingresos por vendas que poida equipararse. Exceptuarase, para as embarcacións que desenvolvan a súa actividade no caladoiro cantábrico noroeste, o tempo de parada por mor do accidente do buque Prestige.

Terceira.-Para a renovación dos permisos de explotación, que no momento da entrada en vigor desta orde teñan unha validez superior dos cinco anos desde a súa data de expedición, abrirase un prazo para a presentación polos interesados da solicitude de renovación.

A apertura do prazo de presentación terá lugar mediante resolución dos delegados territoriais que correspondan e publicarase mediante exposición pública da resolución no taboleiro de anuncios da confraría, así como nos das delegacións territoriais e comarcais da consellería.

Cuarta.-Para efectos de acreditar o requisito de estar inscrito no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia, e ata que se proceda á efectiva inscrición das embarcacións declaradas como irregulares, en fase actual de regularización conforme o disposto na Orde do 8 de maio de 2002 pola que se actualiza o Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen normas sobre a súa xestión e control, será suficiente que os buques estean inscritos no censo da frota pesqueira operativa conforme o previsto no capítulo XVII do Real decreto 798/1995, do 19 de maio.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o capítulo I da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira e os anexos I, II, III, IV da devandita orde, e o anexo I da Resolución do 2 de xuño de 1994, da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, pola que se fan públicos os modelos de permiso de explotación para exercer a actividade pesqueira e marisqueira (DOG do 28 de xuño de 1994).

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non previsto nesta orde aplicarase o establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO VI

Permiso de explotación para embarcación

Nº de permiso:

Validez desde:

-Datos do armador:

Nome e apelidos:

DNI/NIF:

-Datos do buque:

Nome:

Matrícula:

Folio:

-Características:

TRB:

Eslora total:

GT:

Potencia:

-Artes de pesca:

-Zonas de pesca:

-Nº de tripulantes (máximo permitido pola lexislación vixente):

Todas as artes e zonas de pesca axustaranse ao disposto na normativa vixente.

Este permiso outórgase por un período de cinco anos contados desde a data de validez.

O/A delegado/a territorial

Asociado á Confraría de:

Nº de expediente:

Porto base:

ANEXO VIII

Zona I. Vigo. Desde o paralelo que pasa pola desembocadura do río Miño ata o paralelo que pasa por Punta Soavela.

Zona II. Pontevedra. Desde o paralelo que pasa por Punta Soavela ata o paralelo que pasa por Punta Faxilda.

Zona III. Arousa. Desde o paralelo que pasa por Punta Faxilda ata o paralelo que pasa por Punta Sieira.

Zona IV. Muros. Desde o paralelo que pasa por Punta Sieira ata o paralelo que pasa por Punta Insua.

Zona V. Fisterra. Desde o paralelo que pasa por Punta Insua ata o paralelo que pasa por Cabo Touriñán.

Zona VI. Costa da Morte. Desde o paralelo que pasa por Cabo Touriñán ata o meridiano que pasa por Punta Langosteira.

Zona VII. A Coruña-Ferrol. Desde o meridiano que pasa por Punta Langosteira ata o meridiano que pasa por Cabo Prioriño.

Zona VIII. Cedeira. Desde o meridiano que pasa por Cabo Prioriño ata o meridiano que pasa por Cabo de Bares.

Zona IX. Mariña. Desde o meridiano que pasa por Cabo de Bares ata o río Eo.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA