DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.891

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo da comisión paritaria do convenio colectivo de pompas fúnebres sobre a interpretación do artigo 5º do convenio colectivo.

Visto o acordo sobre a interpretación do artigo 5º do convenio colectivo para o sector de pompas fúnebres, que subscribiu a comisión paritaria do referido convenio o 26 de febreiro de 2003, e de conformidade

co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito acordo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitirlle o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2004.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Reunida, no día da data, a comisión paritaria do convenio colectivo de Pompas Fúnebres, integrada polas seguintes persoas:

-En representación da parte empresarial:

Carlos Monforte Pérez (Emorvisa).

Fernando Ruíz Posse (Pompas Fúnebres de La Coruña, S.A.).

José Luis Varela Tabarés (Pompas Fúnebres El Condado).

Emilio Francisco Martínez Pérez (Pompas Fúnebres del Miñor).

-En representación da parte social:

Xavier Carro Garrote (UGT-Galicia).

Pedro Pablo López Fernández (UGT-Galicia).

O motivo da xuntanza é a interpretación do artigo 5º do convenio colectivo galego para o sector de pompas fúnebres, en relación co modo de aplicación que aparece no anexo 1.

Acorda a seguinte interpretación:

Para o cálculo das retribucións brutas anuais que se teñen en conta para comparar coas táboas salariais de cada ano, incluiranse todos os conceptos fixos existentes antes da entrada en vigor do citado convenio (complemento voluntario, complemento convenio, antigüidade, etc.).

Exceptúanse expresamente incentivos, comisións, axudas de custo e quilometraxe, horas extras, festivos, domingos e horas nocturnas.

O criterio para delimitar estes conceptos será o seu carácter de fixo ou variable.

E para que conste e teña os efectos oportunos, os asistentes asinan esta acta, en Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2003.