DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.890

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2004, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo ditado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, respecto da valoración do posto de traballo polivalente «A» picado central, pertencente ao departamento de electrólise, no convenio colectivo provincial da empresa Alcoa Aluminio Español, S.A. (Expediente 25/2000).

En relación co artigo 2 f) do R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo ditado no procedemento de mediación e arbitraxe AGA, no conflito xurdido entre a parte empresarial e social respecto da valoración do posto de traballo polivalente «A» picado central, pertencente ao departamento de electrólise no convenio colectivo provincial da empresa Alcoa Aluminio Español, S.A. (expediente 25/2000).

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar o depósito do citado laudo e a súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación, no folio 37 correspondente ao convenio colectivo da empresa Alcoa Aluminio Español, S.A. (expediente 25/2000).

Segundo.-Remitir o texto do citado laudo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 16 de febreiro de 2004.

Ana Chao Vázquez

Delegada provincial de Lugo

Laudo arbitral

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 27 de novembro de 2003, subscrita polas representacións da empresa Alcoa Aluminio Español, S.A. e por membros do comité de empresa con base no establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita o presente

Laudo

Obxecto da arbitraxe.

Desacordo na valoración do posto de traballo polivalente «A» picado central, pertencente ao departamento de electrólise e, consecuentemente, na aplicación do nivel retributivo correspondente a este posto de traballo.

Antecedentes.

En acta da comisión paritaria de valoración (CPV) de data 14-10-2002 reflítese o desacordo en canto á cualificación final asignada ao posto de traballo polivalente «A» picado central de electrólise nos seguintes termos:

«Tras as reunións mantidas o 12-9-2002 e o 9-10-2002 entre os RT e os RD en que como único punto, a petición dos RT, se analizou e debateu a valoración do PT polivalente picado central «A», conclúense os seguintes puntos:

A RD presentou valoración do PT polivalente picado central «A» elaborada polos técnicos de valoración na cal a puntuación resultante é de 103,5 puntos, que se corresponden cun nivel retributivo 27.

Os RT discutiron as diferenzas na valoración do PT, propoñendo estes a puntuación final resultante de 126 puntos, o que corresponde segundo baremo a un nivel 28.

En consecuencia existe desacordo en canto á cualificación final asignada ó PT».

Solicitada a mediación ao Consello Galego de Relacións Laborais e como consecuencia de acta de constitución da comisión de conciliación e mediación prevista no artigo 15 do AGA desenvólvese unha negociación chegándose a un acordo en data 22 de xaneiro de 2003, subscrito polas representacións de empresa e traballadores, os termos do cal son os seguintes:

1. Revisaranse conxuntamente, de maneira previa e no prazo dun mes as valoracións de ambas as partes referentes ao posto de traballo polivalente A de picado central.

2. En caso de non chegar a un acordo no nivel correspondente a este posto de traballo, someteranse as dúas partes a unha arbitraxe técnica e vinculante que efectuarán persoas designadas de común acordo.

Existindo desacordo na revisión efectuada polas partes, ínstase novamente a utilización do AGA, en cumprimento do punto 2 do acordo anterior, subscribíndose a acta de compromiso arbitral en data 27 de novembro de 2003 nos locais da empresa. Nesta mesma reunión, en que se acorda o nomeamento coma árbitro do que subscribe, desígnase o técnico Ramón García Mateo co fin de que emita o informe técnico necesario para a decisión arbitral.

Na data indicada son oídas as partes, efectúase unha visita ás instalacións onde prestan servizos os traballadores afectados e requírese por parte do técnico designado á empresa e representación dos traballadores, a documentación necesaria para a elaboración do informe, documentación que é remitida posteriormente.

En data 29 de decembro de 2003 o técnico emite informe que se incorpora como anexo a este laudo.

Consideracións e fundamentos xurídicos.

A controversia sometida a laudo arbitral limítase a determinar a puntuación que tecnicamente debe

de ser asignada ao posto de traballo polivalente «A» picado central do departamento de electrólise en virtude da valoración do PT, sobre a cal existe discrepancia entre as partes.

Consecuentemente, isto levará consigo a determinación do nivel retributivo correspondente expresando o chanzo, dentro das bases de partida da política salarial, en que queda integrado.

A valoración debe realizarse en virtude do establecido no artigo 9 do convenio colectivo de aplicación e, para isto, utilízase o manual de cualificación de postos de traballo do método Bedaux, téndose utilizado a guía baremo para executantes e xefes de equipo elaborada por Bedaux Española, S.A.

A asignación de nivel retributivo efectúase en virtude dos consignados nas bases de partida da política salarial fornecidas pola empresa e que, referíndose aos dous sobre os cales existe discrepancia para este posto de traballo, establece que, para o intervalo entre 95,5 e 111 puntos, corresponde o chanzo 27 e, entre 111,5 e 128 puntos, corresponde o 28.

Tendo en conta os parámetros e consideracións que prolixa e detalladamente recolle o informe técnico, chégase á conclusión de que a este posto de traballo deben de asignárselle 113 puntos, valoración que asume o árbitro e, por iso, a súa decisión está determinada por ela.

Por todas as consideracións apuntadas, dita a seguinte

RESOLUCIÓN

Ao posto de traballo polivalente «A» picado central correspóndelle unha valoración de 113 puntos, segundo o sistema Bedaux, e, por iso, debe ser de aplicación o nivel retributivo correspondente ao chanzo 28.

Este laudo poderá ser impugnado perante a xurisdición social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo.

A Coruña, 30 de decembro de 2003.

Carlos Domenech de Aspe

Árbitro