DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.879

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de marzo de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumíndose as funcións e os servizos transferidos mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

As directices de emprego da Unión Europea, e Plans Nacionais de Acción para o Emprego, recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información, a formación, a orientación profesional e a práctica laboral.

Con este obxectivo, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, vén articular programas experimentais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Na Orde TAS 2643/2003, do 18 de setembro, pola pola que se establecen as bases reguladoras para a posta en práctica de programas experimentais en materia de emprego, establécese na disposición adicional que «As comunidades autónomas que asumisen o traspaso da xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, o emprego e a formación, exercerán as funcións que esta orde atribúe a aquel, e que lles correspondan segundo o disposto nos reais decretos de traspaso...».

O Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias, entre outras, en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de aumentar as posibilidades de inserción laboral en Galicia, iníciase unha nova vía de colaboración, dirixida á inserción laboral de demandantes inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, marcando obxectivos cuantificados e responsabilizando deles a entidades sen fin de lucro mediante a concesión de subvencións dirixidas á posta en marcha de programas experimentais.

Por tanto, atendendo ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, o financiamento das axudas previstas nesta orde fara

se con cargo aos créditos das aplicacións 16.05.241A.482.0, 16.05.241A.460.0 e 16.05.241A.440.0, que figuran na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2004.

Dado que se lles deu audiencia aos axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, e solicitados os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e colectivos beneficiarios das accións.

1. As subvencións reguladas nesta orde terán por obxecto a posta en marcha de programas de emprego dirixidos á colocación no mercado de traballo das persoas desempregadas, mediante o ensaio de fórmulas experimentais de actuación e tratamento integrado da inserción laboral.

2. As accións ás que se refire esta orde irán orientadas, con carácter xeral, á mellora da ocupabilidade e integración dos desempregados sinalados como prioritarios na definición anual do Plan de Acción para o Emprego, entre os que se atopan discapacitados, inmigrantes, mulleres con problemas de integración laboral e traballadores desempregados en risco de exclusión social, así como os perceptores de subsidios e prestacións por desemprego e da Renda Activa de Inserción. Igualmente, consideraranse colectivos prioritarios os perceptores da Renda de Integración Social de Galicia, sempre que figuren inscritos como demandantes de emprego.

Sen prexuízo disto, poderanse sinalar, dentro dos colectivos mencionados, e para algúns dos programas, destinatarios específicos dentro dos prioritarios establecidos no Plan Nacional de Acción para o Emprego.

3. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Descrición e tipos de programas.

1. Considerarase programa experimental o que ten por obxecto o desenvolvemento de plan integrais de emprego que combinen accións de diversa natureza, tales como: información, orientación e asesoramento; formación; práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Nestes plans integrais estableceranse obxectivos cuantitativos previstos de inserción laboral dos desempregados participantes.

2. Programas experimentais para desempregados, preferentemente perceptores de subsidios e prestacións.

Con carácter xeral, alomenos o 40% dos beneficiarios das accións que configuren estes plans experimentais de emprego deberán ser perceptores de prestacións

ou subsidios por desemprego. Esta porcentaxe será menor se o número de beneficiarios de perceptores de prestacións ou subsidios inscritos como demandantes de emprego na localidade na que se vaia desenvolver o plan non acada a citada porcentaxe.

O obxectivo de inserción para este colectivos será de, alomenos o 35% dos demandantes de emprego atendidos durante o desenvolvemento do programa.

3. Programas experimentais para desempregados admitidos no Programa de Renda Activa de Inserción e para desempregados beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia.

Así mesmo, considérase programa experimental o que se desenvolva nos termos descritos no apartado 2.1, cando todos os participantes nel sexan desempregados previamente admitidos ao programa de Renda Activa de Inserción, e subscribirán o compromiso de actividade e/ou perceptores da Renda de Integración Social de Galicia.

Neste programa, os obxectivos de inserción laboral deben ser de alomenos, o 30% dos demandantes e emprego atendidos durante o seu desenvolvemento.

4. Con carácter xeral, considerarase que a inserción laboral conseguíuse cando, durante a vixencia do plan, o desempregado sexa contratado como traballador por conta allea por unha duración non inferior a 6 meses. Non obstante, na correspondente resolución de concesión poderase axeitar a definición desta inserción por conta allea, en función de circunstancias tales como a actividade profesional que desenvolverá o traballador insertado ou a súa pertenza a colectivos de desempregados con especiais dificultades de inserción.

Igualmente, considerarase que a inserción laboral conseguíuse cando, durante a vixencia do plan, e durante un período dun ano como mínimo, se acredite a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia, das persoas desempregadas participantes no dito plan.

O Servizo Público de Emprego seleccionará os demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación ao plan integral, conforme os criterios xerais do artigo 1º desta orde, podendo a entidade beneficiaria participar no proceso de selección nos termos que se acorden.

O prazo de execución dos plans experimentais será até o 31 de decembro de 2004.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

1. Para o desenvolvemento dos plans integrais de emprego previstos nesta norma, o financiamento total determinarase na correspondente resolución, en función do número de persoas por atender e os obxectivos previstos de inserción, sendo a cantidade máxima para percibir de 1.200 euros por persona atendida e 3.500 euros por persoa atendida e insertada no mercado de traballo. En ningún caso, tendo en conta ambos os parámetros, poderá percibirse unha cantidade superior a 2.100 euros de media por desempregado obxecto do plan.

En cada resolución de concesión establecerase unha redución no importe total da subvención se non se conseguen os obxectivos previstos. Esta redución calcularase en función dos demandantes de emprego insertados, tendo en conta, non obstante, os demandantes atendidos.

As cantidades, por persoa atendida ou insertada, determinaranse na correspondente resolución, en función das características dos desempregados para atender e inserir, e a súa dificultade para integrarse no mercado de traballo.

2. En ningún caso, o importe da subvención que se outorgue ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver pola entidade solicitante.

Artigo 4º.-Gastos imputables.

1. A subvención determinada na resolución de concesión destinarase a cubrir os gastos da entidade relativos a:

a) Os custos salarias e de seguridade social do persoal necesario para o apoio e /ou formación dos demandantes de emprego, incluíndo o persoal que presta servizos na entidade beneficiaria e aqueloutro que puidese contratarse para tal fin, até un límite de 30.000 euros anuais por traballador. No primeiro caso, imputaranse ao programa as partes proporcionais do tempo efectivamente adicado ao proxecto.

b) Gastos de axudas de custo e desprazamento do dito persoal, e dos demandantes que participen no plan.

c) Gastos derivados da contratación de medios externos dirixidos á formación dos desempregados participantes no plan, así como as pólizas de seguros para a formación técnica e prácticas ocupacionais deles, en caso necesario.

d) Gastos de amortización de materiais e equipos técnicos necesarios para impartir a formación, co límite do 10% do custo total do proxecto.

e) Gastos xerais, materiais e técnicos, co límite do 25% do custo total do proxecto. Estes gastos inclúen os seguintes:

1) Gastos de execución de material técnico (guías, documentación para o participante...) e de execución en material de oficina.

2) Gastos xerais necesarios para a execución das accións na parte correspondente á dita execución:

-Arrendamento (leasing excluído): edificios, mobiliario, enseres e equipos de arrendamento.

-Mantemento (se non está incluído no arrendamento).

-Subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no arrendamento).

-Comunicacións (teléfono, correos...).

-Limpeza.

-Seguridade e vixilancia.

-Seguros de renponsabilidade civil.

2. Todos os proxectos e produtos que se elaboren con cargo ás subvencións concedidas ao amparo desta orde deberán utilizar axeitadamente as identificacións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, e en todo caso, incluír en toda a documentación, o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo), e da Xunta de Galicia (Consellería de Auntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).

3. Os dereitos de explotación dos proxectos e produtos financiados con cargo a esta orde serán cedidos á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que será a garante da súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

Quedan excluídas da previsión establecida neste artigo as actuacións sometidas ao ámbito de aplicación do réxime xurídico das contratacións coas administracións públicas.

Artigo 5º.-Entidades beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde as entidades sen ánimo de lucro, as corporacións locais e outros entes públicos que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento aos desempregados en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Artigo 6º.-Requisitos da solicitude.

1. Todas as solicitudes presentanse segundo modelo oficial recollido no anexo I desta orde.

2. Para todos os proxectos regulados nesta norma, as solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, considerándose requisito imprescindible para a valoración da solicitude. A dita memoria fará referencia aos seguintes aspectos, na orde que se indica:

-Denominación do programa ou proxecto.

-Descrición del, incluíndo unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen, atendendo aos distintos tipos e programas onde se enmarcan as ditas accións.

-Data de inicio e fin de cada unha das accións propostas.

-Lugar onde se van a desenvolver as accións, especificando o enderezo completo.

-Colectivos aos que vai dirixido o proxecto.

-Número de participantes, que en calquera caso, non será inferior a 75.

-Valoración económica do coste total do proxecto, detallando os conceptos de gastos subvencionables e a estimación del por persoa atendida e insertada, conforme o previsto nesta orde, así como o cofinanciamento da entidade subvencionada.

-Actividades, sectores e ámbito territorial nos que se pretende actuar.

-Relación de medios materiais e recursos humanos dos que se dispón ou dos que se dotará o solicitante, na que se especifiquen as condicións daqueles, o seu historial formativo e laboral, e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

-Obxectivos de inserción laboral previstos, que deberán ser alomenos os indicados para cada programa nos artigos 2º.2 e 2º.3 desta orde.

b) Copia compulsada da escritura pública de constitución e dos estatutos, onde conste que a entidade solicitante dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas as administracións ou entidades públicas da presentación destos documentos. Para os efectos desta norma, enténdese por administración pública e entidades de dereito público, as Administracións e entidades ás que refire o artigo 2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

c) Orixinal ou copia compulsada da documentación acreditativa da capacidade do representante legal da entidade solicitante, para actuar en nome e representación dela.

d) Copia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

e) Documentación que acredite a experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego.

f) Datos bancarios onde se desexe percibir a subvención (anexo III).

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades (anexo IV).

3. De conformidade co establecido no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as entidades solicitantes poderán ser requiridas, se é o caso, polo órgano competente para a instrución, para que completen ou emenden os requisitos preceptivos sinalados nos apartados anteriores, no prazo de 10 días hábiles, a partir do seguinte á recepción da notificación correspondente.

4. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas

no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Criterios de valoración dos programas.

Nos plans integrais de emprego previstos nesta noma, valoraranse os seguintes aspectos:

1. As características dos colectivos desempregados por atender, tendo en conta as súas especiais dificultades, tales como excluídos sociais, inmigrantes, discapacitados, etc.

2. Os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo dos demandantes por atender.

3. O maior esforzo investidor da entidade solicitante no financiamento total do proxecto, non valorándose a estes efectos un cofinanciamento inferior ao 10% da totalidade da subvención.

4. A experiencia acreditada da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade dos demandantes de emprego en xeral, e particularmente respecto das ditas actuacións sobre colectivos de desempregados con especiais dificultades nos ditos procesos, tales como os excluídos sociais, inmigrantes ou discapacitados.

5. Carácter innovador do programa que se vai desenvolver.

6. Recursos humanos e materiais axeitados para a atención aos colectivos correspondentes.

Artigo 9º.-Procedemento e concesión de subvencións.

1. A tramitación e instrución dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Logo da fiscalización das propostas de resolución pola Intervención Delegada, e unha vez analizadas as solicitudes presentadas, o director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ditará resolución motivada, e seralle notificada aos interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. A resolución que finaliza os procedementos regulados nesta orde esgota a vía administrativa, polo que contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. A acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase achegando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal.

-Copia compulsada do contrato.

-Copia compulsada do TC1 e TC2 correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada das nóminas correspondentes aos meses imputados.

-Copia compulsada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Copia do documento autenticado (transferencia bancaria ou cheque nominativo), que xustifique o pagamento das nóminas do persoal.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de axudas de custo e desprazamentos, contratación de medios externos, gastos de amortización de materiais ou equipos e gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante as facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, tendo en conta que todas as facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ao período que abrangue a subvención.

Artigo 11º.-Forma de pagamento.

1. O aboamento da subvención realizarase do seguinte xeito:

Unha vez presentado, por parte da entidade subvencionada, certificado de inicio das accións (anexo V), copia compulsada do contrato ou contratos do persoal que realizará as accións, certificado de alta en Seguridade Social do dito persoal, copia compulsada dos DNI das persoas demandantes de emprego que van a participar nas accións, e un ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, cos NIF dos ditos demandantes de emprego, aboarase o 50

por 100 da subvención concedida. No caso de entidades locais, o anticipo para aboar terá como límite o 35% da subvención concedida.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 75% da subvención concedida.

3. En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades participantes nos programas experimentais deberán axustarse ao disposto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Requisitos para o aboamento.

1. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade, a realización das accións descritas.

2. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ao último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

Artigo 13º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ao de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade subvencionada presentará liquidación final dos gastos realizados, que conterá alomenos, os seguintes datos:

a) Relación dos demandantes de emprego atendidos e dos insertados. A dita relación remitirase nun ficheiro informático, en formato de folla de cálculo, en que figure o nome e apelidos de cada usuario así como o seu NIF.

b) Copia dos contratos de traballo dos usuarios insertados, ou alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, colexio profesional e mutualidade que corresponda.

c) Ficha de control de accións, asinada por cada un dos desempregados participantes no plan.

d) Certificación de gastos realizados (anexo VI), onde deberán constar os gastos de persoal e a relación de facturas, acompañada da documentación especificada no artigo 10º.1 desta orde.

2. Xunto coa xustificación sinalada no punto anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar ao Servizo Público de Emprego, unha memoria final de actividades, na que se faga constar unha descrición detallada da execución do programa, dos colectivos atendidos e a identificación das persoas atendidas e/ou insertadas no mercado de traballo.

3. O Servizo Público de Emprego verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica, de acordo cos termos establecidos na resolución de concesión. Se nesa verificación se com

probara que a porcentaxe de inserción laboral dos usuarios atendidos é menor do obxectivo previsto no programa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá a realizar o desconto correspondente, de tal xeito que as cantidades resultantes, segundo corresponda, ben deixarán de ser aboadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou ben serán reintegradas pola entidade beneficiaria, consonte o disposto no artigo 15º desta orde.

4. Unha vez presentada a documentación requirida para a xustificación final, e comprobadas as actuacións sinaladas no apartado anterior, a Dirección Xeral de Formación e Colocación procederá á liquidación final da subvención, sen prexuízo do establecido no artigo 15º.

5. Ás entidades que, transcorrido o prazo dun mes desde a finalización das accións, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles exixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 15º desta orde.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 14º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais poderá realizar as comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativas vixentes que resulten de aplicación.

Así mesmo, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas nesta orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

2. As entidades beneficiarias das axudas previstas nesta orde están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, o incumprimento dalgunha das obrigas sinaladas nesta orde, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar a realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade subvencionada das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos nesta orde ou na normativa que a desenvolva.

e) Obstaculización das actuacións de seguimento e control polas institucións facultadas para as mesmas, e incumprimento da obriga de información de datos.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade subvencionada das cantidades que excedan da contía para percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade subvencionada para a mesma finalidade, e en todo caso rexerá o diposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Transcorridos seis meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos, o Servizo Público de Emprego poderá comprobar, se non fora posto en coñecemento neses momentos pola entidade beneficiaria da subvención, se o nivel de inserción laboral se corresponde co acreditado na liquidación da subvención, exixindo, no caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida. O procedemento de reintegro axustarse ao previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. No caso de que as inserción certificadas pola entidade beneficiaria correspondan a traballadores insertados por conta propia, a comprobación sinalada no punto anterior levarase a cabo transcorrido un ano desde a finalización do prazo previsto para a execución dos proxectos.

Artigo 16º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Público de Emprego efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas nesta orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2004 nas seguintes aplicacións: 16.05.241A.482.0, cun importe de 10.000 euros, 16.05.241A.460.0, cun importe de 10.000 euros e 16.05.241A.440.0, cun importe de 10.000 euros.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos Orzamentos Xerais da da Comunidade Autónoma para o ano 2004.

As ditas consignacións estarán supeditadas ás modificacións orzamentarais que se poidan realizar como consecuencia de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Formación e Colocación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-En todo o non disposto nesta disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa a programas experimentais en materia de emprego.

Quinta.-A presentación da solicitude para concorrer ás subvecións previstas nesta orde suporá a aceptación expresa de todas as obrigas e condicións derivadas das bases recollidas no articulado da orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais