DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 24 de marzo de 2004 pola que se ditan normas para a cesión en propiedade de material auxiliar de excarceración para misións de protección civil, aos concellos e mancomunidades de concellos galegos.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (artigo 22.2º parágrafo c), a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actividade fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran

e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados aos concellos e mancomunidades de concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en excarceración.

De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regular o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material auxiliar de excarceración para misións de protección civil aos concellos e mancomunidades de concellos da Comunidade Autónoma galega.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, para colaborar cos concellos e mancomunidades de concellos na súa misión de protección á súa comunidade e para equipar cuns medios necesarios á protección civil, cederá en propiedade material auxiliar de excarceración, aos concellos ou mancomunidades de concellos galegos, que conten cun equipo de excarceración e teña Servicio Municipal de Protección Civil ou Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, debidamente inscrita no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia conforme o Decreto 56/2003, do 3 de marzo.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Para poder acceder aos beneficios outorgados mediante esta orde os concellos e mancomunidades de concellos galegos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter equipo de excarceración.

b) Dispor de medios de transporte axeitados para este tipo de material, así como recursos humanos que estean operativos as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo ao que se refire esta orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local destinará ata un límite de 60.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.623.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o 2004.

Artigo 4º.-Solicitude.

1. Os interesados en acollerse aos beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no

prazo de corenta días naturais contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1 Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2.2. Certificados expedidos polo secretario do concello ou da mancomunida de concellos:

a) Se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.

b) Dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos do ano 2004 destinados ás funcións de seguridade e/ou protección civil.

c) Relativo ao acordo adoptado polo órgano competente polo que:

* Se acorda solicitar a axuda, regulada nesta orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.

* Se faculta ao alcalde do concello ou presidente da mancomunidade para aceptar a cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asinar a correspondente acta, no caso de resolución favorable da consellería.

2.3. Memoria asinada polo alcalde ou polo presidente da mancomunidade na que se indiquen:

a) Equipo de excarceración do que se dispón actualmente, indicando o material auxiliar de dito equipo.

b) Medios de transporte e recursos humanos dos que se dispoña, necesarios para actuar en rescates con equipos de excarceración.

c) Cumprir os requisitos específicos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos puntos.

d) Se é o caso, estar en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, e estar elaborando o Plan de Emerxencias Municipal (Pemu) ou Plans de Actuación Municipal (PAM).

e) Material auxiliar de excarceración que se precisa (indicando se este é de reposición ou novo).

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o antedito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ao seu exame e análise polo Servizo de Protección Civil da provincia correspondente.

2. Os respectivos delegados provinciais emitirán un informe técnico en relación ás peticións recibidas, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe de sección de estudios e apoio técnico xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil que non terá dereito a voto.

4. A referida comisión fará a proposta de resolución, tendo en conta o informe técnico sinalado no punto 2 e elevarana posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como para a asignación de material, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que para cada caso se indica:

1. Riscos potenciais existentes no ámbito territorial do solicitante conforme ao establecido no Plan Territorial de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia (Platerga), ou se é o caso, no Plan de Emerxencia Municipal (Pemu), ata un 10%.

2. Índices de sinistralidade nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do solicitante, ata un 15%.

3. Accidentes ocorridos nos derradeiros anos nas vías de comunicación terrestre existentes no ámbito territorial do solicitante nos que foi preciso empregar medios de excarceración, ata un 15%.

4. Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil, ata un 10%.

5. Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu) e/ou Plans de Actuación Municipal (PAM), ata un 20%.

6. Cantidade destinada polo solicitante nos seus orzamentos anuais para actuacións obxecto desta orde, ata un 10%.

7. Número de colaboracións realizadas, en temas de accidentes en estradas, coa Xunta de Galicia, especialmente co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia, ata un 20%.

Artigo 7º.-Resolución, publicación e notificación.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo) e co disposto no artigo 11º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia supoñendo a cesión en propiedade do material de excarceración.

2. A notificación aos peticionarios será feita pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do prodecemento administrativo común.

No suposto de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Aceptación, xustificación e pagamento.

1. O alcalde do concello ou o presidente da mancomunidade ao que se lle concedese material, disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da comunicación individual da resolución favorable, para comunicar a aceptación.

2. Considérase como medio de xustificación, para facer efectiva a entrega do material correspondente, a certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que solicita a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto, segundo se recolle no artigo 15º.2 c) do Decreto 287/2000.

3. Transcorrido o prazo indicado no punto 1 deste artigo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a dita resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

Para a formalización da cesión, haberá que aterse ao disposto no artigo 96.bis 4 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio da Comunidade Autónoma, e realizarase mediante acta subscrita polo alcalde ou presidente da mancomunidade ou persoa en quen deleguen e polo secretario xeral da consellería ou funcionario en quen delegue na que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación polo cesionario.

Os gastos de seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos ou mancomunidade.

Artigo 10º.-Reversión dos bens na Comunidade Autónoma.

1. Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

2. A Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local