DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 10 de marzo de 2004 pola que se regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación

e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 226/2003, do 11 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar adiante o seu labor, regula o réxime de subvencións a estas para o ano 2004, e para tal efecto, na Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2004 con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.231A.480.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen na orde, reservándose para tal efecto un crédito de 590.215 euros.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais ás subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa a que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán para a concesión de axudas e subvencións por importe de 590.215 euros, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

2. Estas axudas, compatibles entre si, son de tres tipos:

a) De carácter xeral: para todas as agrupacións de voluntarios de protección civil, as que se destinarán ata un máximo dun 60% do importe total da subvención.

b) De carácter específico: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil que dispoñan de terminais remotos do Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia, a través da subscrición dun protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, ou estar en trámite de subscrición

na data de publicación desta orde, ás cales se destinará ata un máximo do 15% do importe total da subvención.

c) Relacionadas co Xacobeo: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil incluídas no Plan de atención ao peregrino 2004 (PAP 2004), ás cales se destinará ata un máximo do 25% do importe total da subvención.

3. O montante das axudas de carácter específico e relacionadas co Xacobeo que non se destine a elas acrecentará o montante das de carácter xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter xeral a que se refire o artigo 1.2º a) as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas ou teren solicitado a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

b) Teren dependencia co seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que, tendo recibido subvencións en anos anteriores, teñan xustificado o seu investimento e liquidación, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e artigo 15 e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de tal forma que a non xustificación de dito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter específico, a que se refire o artigo 1.2º b), as agrupacións de voluntarios de protección civil que, cumprindo os requisitos sinalados no número 1, teñan subscrito o referido protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil, para dispoñer dun terminal remoto, ou que están en trámite de subscrición na data de publicación desta orde.

3. Poderán ser beneficiarias das subvencións relacionadas co Xacobeo 2004, as que se refire o artigo 1.2º c), as agrupacións de voluntarios de protección civil que, cumprindo os requisitos sinalados no número 1, estean incluídas no PAP 2004.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

A. As axudas de carácter xeral poderán ser investidas en:

1. Material de intervención inmediata e outro que estea relacionado con protección civil (telecomunicación, mergullo, incendios, material de urxencias e de primeiros auxilios).

2. Equipamento e vestimenta persoal, así como en equipamentos de prevención e protección.

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base.

4. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

5. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

Estes gastos non se poderán acumular con outras subvencións ou axudas en que se solicite o mesmo.

Os gastos a xustificar nos números 3, 4, e 5 non poderán superar o 75% do total da subvención concedida.

B. As axudas de carácter específico poderán ser investidas en:

1. Gastos de conservación, reposición e mantemento dos equipamentos informáticos e de comunicación co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

2. Gastos de adquisición de accesorios e complementos informáticos.

3. Gastos de comunicación e telefonía derivados das tarefas de colaboración co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

4. Gastos ocasionados pola formación específica dos seus compoñentes para este tipo de tarefas.

C. As axudas relacionadas co Xacobeo 2004 poderán ser investidas en:

1. Gastos de desprazamento polas diferentes rutas de atención ao peregrino.

2. Gastos de manutención dos voluntarios ocasionados nas saídas a atender aos peregrinos.

3. Adquisición de material funxible de atención sanitaria.

4. Adquisición de equipamentos básicos de comunicación, iluminación, balizamento e sinalización.

5. Gastos de mantemento, conservación e combustible dos medios de transporte e vixilancia empregados.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2 que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no seu anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida ao delegado provincial, presentarase dentro do prazo de corenta días naturais, a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a cal se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

b) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2003, integradas no sistema de Protección Civil de Galicia, segundo o anexo II (en soporte papel e informático).

c) Previsión de gastos e dos medios que se van adquirir cos seus custos.

d) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF para as agrupacións de nova creación.

e) Xustificante orixinal da entidade bancaria co número de conta que teña aberta esa agrupación.

Artigo 5º.-Exame e análise da documentación.

Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, procederase ao seu exame e análise polos servizos de Protección Civil da provincia correspondente e, no caso de que non se axuste ao que se establece no artigo 4º desta orde, comunicaráselle ao peticionario para que no prazo de dez días, segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, repare os erros ou omisións. De non facelo así, terase por desistido da súa petición, o que se lle comunicará segundo se establece no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Informe técnico provincial das peticións recibidas.

Cumpridos os requisitos exixidos, e unha vez examinada e analizada a solicitude correspondente, os respectivos delegados provinciais farán un informe técnico dela, remitíndoo á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación e proposta de resolución.

1. A comisión de avaliación estará presidida polo director xeral de Interior e Protección Civil e formada polos catro delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actuando como secretario o xefe da Sección de Estudos e Apoio Técnico Xurídico da Subdirección Xeral de Protección Civil, que en ningún caso terá dereito a voto.

2. A comisión, en función do informe técnico referido no artigo anterior, fará unha proposta de reso

lución que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 8º.-Criterios de valoración para a elaboración do informe técnico provincial e proposta de resolución.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e para a elaboración do informe técnico e da proposta de resolución, así como a contía da axuda, teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

A. Para as axudas de carácter xeral:

a) Ser unha agrupación de voluntarios de protección civil de nova creación, ata un 10%.

b) Accións de colaboración e de información prestadas en emerxencias ou urxencias requiridas a través do Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia ou polos servizos provinciais de Protección Civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, ata un 30%.

c) Ter servizo de 24 horas, ata un 25%.

d) Participación e colaboración en plans de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, ata un 10%.

e) Accións formativas que ten previsto realizar durante o ano 2004 e as realizadas no ano anterior 2003, ata un 10%.

f) Número de voluntarios inscritos na sección de voluntariado de protección civil do rexistro de protección civil da Comunidade Autónoma, ata un 15%.

B. Para as axudas de carácter específico, ademais dos criterios do punto A (ata un 10%), teranse en conta:

a) Número de comunicacións e informacións ao Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia das intervencións e operativos que realicen, así como os demandados polo propio centro, ata un 30%.

b) Operatividade de funcionamento as 24 horas durante os 365 días do ano, en comunicación permanente co Centro de Xestión de Emerxencias 112 SOS-Galicia, ata un 20%.

c) Número de protocolos activados, así como as incidencias que sexan xestionadas a través do terminal remoto, ata un 40%.

C. Para as axudas relacionadas co Xacobeo 2004, ademais dos criterios do punto A (ata un 20%), teranse en conta:

a) Os quilómetros de percorrido do grupo de atención ao peregrino na/s ruta/s xacobea/s que teña/n asignada/s a AVPC no PAP 2004, ata un 30%.

b) Atención ao peregrino en grandes concentracións, ata un 10%.

c) Colaboracións específicas para realizar en Santiago de Compostela, ata un 15%.

d) Atención aos peregrinos en albergues, polideportivos e outros centros de acollida ata un 20%.

e) As actuacións levadas a cabo nos dous anos xacobeos inmediatamente anteriores ata un 5%.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, tendo en conta a proposta que faga a comisión de avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaránselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses contados desde a publicación desta orde, non se dictase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 10º.-Publicación.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das agrupacións de voluntarios de protección civil, a través das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, e ademais publicarase no Diario Oficial de Galicia un extracto das resolucións de concesión de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Recibida polos beneficiarios a concesión de axudas, deberán:

a) Comunicar por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días; de non facelo así, entenderase que renuncia á subvención.

b) Xustificar o emprego da subvención no prazo de 30 días desde a resolución de concesión mediante o envío das facturas (orixinal e copia compulsada) dos gastos relacionados no artigo 3, facturas que deben estar debidamente conformadas polo presidente da agrupación.

c) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, aprobadas ou concedidas pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

d) Facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. Toda a documentación que deba ser enviada remitirase inexorablemente no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, procedéndose, no caso contrario, ao arquivo das actuacións.

Artigo 12º.-Envío de xustificantes.

Unha vez percibido o importe da subvención pola devandita agrupación, esta deberá enviar ao Servizo de Protección Civil da provincia que corresponda, no prazo de trinta días, os xustificantes de pagamento das mencionadas casas subministradoras de acordo coas anteriores facturas, segundo o modelo do anexo III desta orde. Se os pagamentos non se aboan directamente, deberán enviar xustificantes da entidade financeira a través de que se fixo a correspondente transferencia bancaria.

O Servizo de Protección Civil da provincia correspondente, unha vez examinada e comprobada toda a documentación requirida e que cumpre co indicado nesta orde, emitirá un informe de conformidade da documentación que será remitido, xunto con toda a documentación, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, do destino da axuda a unha finalidade distinta da axuda para a que foi concedida, así como no suposto de que resultase que a agrupación no reúne os requisitos exixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, procederá ao reintegro a esta Comunidade Autónoma das axudas percibidas e dos xuros xerados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local