DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.858

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 2004 pola que se convocan bolsas de colaboración nos departamentos das universidades do Sistema Universitario de Galicia, no curso académico 2004-2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, atribúelle a esta comunidade autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) de traspaso de funcións, medios e servizos na materia, pola que se lle transferiu á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG), creou as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o Sistema Universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento que precisen os estudantes universitarios.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, realiza desde hai algúns anos unha política de asistencia económica aos estudantes universitarios. Esta política de asistencia económica ampliouse con novas convocatorias como: as axudas para a mobilidade de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia que queiran realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade pública distinta á súa, entre aquelas adheridas ao Sistema de Intercambio en Centros Universitarios de España (SICUE), axudas destinadas á colectividade galega no exterior e bolsas de colaboración nos departamento das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Estas bolsas de colaboración, van destinadas aos alumnos do último curso de ensinanzas universitarias que acrediten bos expedientes académicos e desexen prestar a súa colaboración en departamentos universitarios, en réxime de compatibilidade cos seus estudos, iniciándose así en tarefas de investigación directamente vinculadas cos estudos que, estean a cursar, permitindo con isto o crecemento e a potenciación das tarefas investigadoras no Sistema Universitario de Galicia.

Esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse bolsas de colaboración para o curso académico 2004-2005, destinadas a alumnos do último

curso de ensinanzas universitarias, co obxectivo de realizar tarefas de investigación no Sistema Universitario de Galicia directamente vinculadas cos seus estudios.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, coa seguinte distribución:

Aplicación: 07.05.322C.480.2.

2004: 22.500 A.

2005: 45.000 A.

A contía para percibir por beneficiario será de 300 euros mensuais, para devengar por cada mes de prestación da colaboración.

Artigo 3º.-Período de aproveitamento.

A duración máxima destas bolsas será de nove meses comprendidos entre outubro de 2004 e xuño de 2005. As axudas concedidas poderanse gozar durante ese mesmo período, e por unha soa vez.

En ningún caso o aproveitamento de bolsa de colaboración terá efectos xurídicos-laborais entre o bolseiro, as universidades do SUG, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes.

1. Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas, os alumnos universitarios que reúnan os seguintes requisitos:

a) Non estar en posesión ou en disposición legal de obter o título académico de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto.

b) Matricularse no curso académico 2004-2005, en calquera das tres universidades que compoñen o SUG no último curso do 2º ciclo ou da totalidade das materias ou créditos que lle resten para rematar os seus estudos, excluíndo do devandito cómputo o proxecto fin de carreira, e ter superado no momento da formalización da matrícula do curso 2004-2005 o primeiro ciclo e o 45 por cento dos créditos que integran o segundo, con excepción dos alumnos de medicina que deberán ter superado o 60 por cento.

c) Ser admitido nun departamento onde prestar a colaboración.

2. Estas axudas son compatibles co gozo de calquera outro tipo de bolsas ou axudas, tanto de institucións públicas como privadas, agás con aquelas que teñan a mesma finalidade. Non poderán beneficiarse desta axuda aqueles que xa a gozasen disfrutado en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. A solicitude, no modelo ED 430 B que se publica como anexo a esta orde, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera medio dos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

A solicitude e documentación correspondente remitiranse á:

Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Edificio administrativo San Caetano s/n, 1º andar.

15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 430 B que figura no anexo I desta orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificación académica completa ou copia compulsada desta na que se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo co establecido no artigo 8 bases da convocatoria, número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou créditos nos que se atopa matriculado o alumno no curso académico 2003-2004. No caso de validación deberá presentar a certificación da institución de orixe.

No caso daqueles alumnos que accedan ao segundo ciclo desde unha titulación de primeiro ciclo, presentarán, ademais, a certificación académica deste.

Soamente se valorarán as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2003.

c) Carta de aceptación do titor, ou do director do departamento receptor da colaboración.

d) Declaración xurada do solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou privadas competentes coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido de previo ao derradeiro pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación, sinalando as causas de exclusión; poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Universidades. (www.edu.xunta.es). Tamén se exporán nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Orde

nación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudantes das tres universidades galegas.

As devanditas listas estarán expostas desde o 20 ao 30 de xuño do 2004 (ambos os dous incluídos). Os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentado, se é o caso, a documentación necesaria a través dos medios sinalados no artigo 5º desta convocatoria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 8º.-Selección.

1. A selección farase en función do expediente académico do solicitante, de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaínte: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudos que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudos organizados por materias:

Media = suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudos estruturados por créditos:

Media = (N1.P1 + N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1 = número de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia.

C1 = número de convocatorias empregadas en cada materia.

Para o cálculo da nota media, non se terán en conta as materias ou créditos que, segundo os plans de estudos, soamente poidan cualificarse como apto, nin o recoñecemento de créditos nos que non apareza unha cualificación. Así mesmo, soamente se valorarán as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2003.

2. As solicitudes presentadas serán clasificadas segundo titulacións ou bloques de titulacións semellantes pertencentes a un mesmo ámbito científico.

3. O número de bolsas para conceder, ata o límite orzamentario establecido, repartirase entre as solicitudes presentadas e clasificadas segundo o indicado no punto anterior.

4. A comisión avaliadora, á vista do número de solicitudes presentadas en cada ámbito científico, poderá adoptar as medidas necesarias para que non se produzan desaxustes no número de bolsas concedidas a cada ámbito.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerrector de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Para o gozo efectivo desta bolsa, o alumno beneficiario deberá ter superado antes do comezo do curso 2004-2005 o primeiro ciclo, e polo menos, o 45 por cento dos créditos que integran o segundo, con excepción dos alumnos de medicina que deberán ter superado o 60 por cento deles.

Artigo 12ª.-Obrigacións dos beneficiarios.

Os alumnos que resulten beneficiarios destas bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico 2004-2005, por ensinanza oficial, os estudos nos que se atopan matriculados.

b) Prestar a súa colaboración durante 3 horas diarias no departamento correspondente, desenvolvendo as actividades que se lle encomenden.

c) Someterse ás actuacións de comprobación precisas para verificar, se é o caso, o cumprimento e efectividade das condicións da concesión da axuda.

Artigo 13º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A axuda aboarase trimestralmente na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada, antes do día 10 de outubro de 2004, a seguinte documentación:

a) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou privadas com

petentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificación oficial da universidade na que se faga constar que ten superado o 1º ciclo e o 45 por cento dos creditos do 2º ciclo ( no caso de alumnos de medicina o 60 por cento). Así mesmo farase constar, na mesma certificación, as materias das que está matriculado no curso 2004-2005.

c) Certificado de incorporación ao departamento asinado polo director ou titor do mesmo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Diposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria