DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 2004 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de axudas para a mobilidade de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia adheridas ao programa de intercambio SICUE, no curso académico 2004-2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31º, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e

graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) de traspaso de funcións, medios e servizos na materia, pola que se lle transferiu á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG), creou as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de ordenación do Sistema Universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o Sistema Universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento que precisen os estudantes universitarios.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, realiza desde hai algúns anos, unha política de asistencia económica aos estudantes universitarios. Esta política de asistencia económica ampliouse con novas convocatorias, como as axudas para a mobilidade de estudantes das universidades do Sistema Universitario de Galicia que queiran realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade pública distinta á súa, entre aquelas adheridas ó Sistema de Intercambio en Centros Universitarios de España (SICUE).

Conscientes, de que hoxe en día, a mobilidade é un compoñente desexable na formación universitaria, un medio para mellorar a calidade do ensino, un elemento capaz de contribuír á integración e maior cohesión do sistema universitario español ao favorecer que o estudante experimente sistemas docentes distintos, así como os distintos aspectos sociais e culturais doutras autonomías e, co propósito de incentivar a mobilidade dos estudantes das universidades de: Santiago de Compostela, A Coruña, e Vigo, dos últimos cursos de ensino universitario que redunde nunha mellora da calidade do ensino, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas en réxime de concorrencia competitiva para a mobilidade de estudantes, destinadas aos alumnos pertencentes ó SUG dos últimos cursos do ensino universitario que queiran realizar unha parte dos seus estudos noutra universidade distinta da súa, entre aquelas adheridas ó SICUE, con garantías de recoñecemento académico e de apro

veitamento, así como de adecuación ao seu perfil curricular.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 de acordo coa seguinte distribución, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería

Aplicación: 07.05.322C.480.2.

2004: 21.096,18 A.

2005: 42.192,36 A.

A contía que vai percibir o beneficiario será de 390,67 euros mensuais.

Artigo 3º.-Período de aproveitamento.

A duración destas bolsas será de nove meses comprendidos entre outubro de 2004 ata xuño de 2005. As axudas concedidas poderanse desfrutar durante ese mesmo período, e por unha soa vez.

Artigo 4º.-Requisitos dos solicitantes e condicións das axudas.

1. Poderán solicitar estas axudas e, se é o caso, ser beneficiarios delas os alumnos universitarios que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuíren a nacionalidade dalgún dos estados membros da Unión Europea.

b) Matriculárense no curso académico 2004-2005, en calquera das tres universidades que compoñen o SUG: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

c) Teren superado, no momento de presentación da solicitude, na universidade de orixe un mínimo de 60 créditos en titulacións de 1º ciclo, e de 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo. Así mesmo, poderán participar os alumnos que realicen un proxecto fin de carreira.

d) Realizaren unha estancia nunha das universidades de fóra de Galicia, adheridas ao programa SICUE, cunha duración dun curso académico (nove meses).

2. As axudas previstas nesta norma serán incompatibles con calquera outra, pública ou privada, que teña a mesma finalidade. Non poderán beneficiarse desta axuda aqueles estudantes que xa a tivesen desfrutado en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

A solicitude, no modelo ED 438 A que se publica como anexo a esta orde, presentarase no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada

pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse á:

Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Servicio de Apoio e Orientación aos estudantes Universitarios, edificio administrativo San Caetano s/n, 1º andar. 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 438 A que figura no anexo I da presente orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificación académica completa na que se fará constar a nota media do expediente académico, calculada de acordo co establecido no art. 8º das bases da convocatoria, número de créditos superados segundo a valoración académica, ou copia compulsada dela, con especificación das convocatorias. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou créditos nos que se atopa matriculado o alumno no curso académico 2003-2004. No caso daqueles alumnos que accedan ao segundo ciclo desde unha titulación de primeiro ciclo, presentarán, ademais, a certificación académica deste.

Soamente se valorarán as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2003.

c) Declaración xurada do solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

d) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta cliente e os códigos que identifican ao banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria exporanse, as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación, sinalando as causas de exclusión; poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Universidades (www.edu.xunta.es). Tamén se exporán nos taboleiros de anuncios da Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e nos vicerrectorados de estudantes das tres universidades galegas.

As devanditas listas estarán expostas desde o día 20 ao 30 de xuño de 2004 (ambos os dous incluídos). Os interesados, durante ese mesmo prazo, poderán formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria a través dos medios sinalados no artigo 5º desta convocatoria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 8º.-Selección.

1. A selección farase en función do expediente académico, de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudos que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudos organizados por materias:

Media = suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudos estruturados por créditos:

Media = (N1.P1 + N2.P2+...) / (C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1 = número de créditos de cada materia.

P1 = puntuación de cada materia.

C1 = número de convocatorias empregadas en cada materia.

As materias ou créditos nas que figuren como apto non se terán en conta a ningún efecto. Así mesmo, para o cálculo da nota media teranse en conta as cualificacións obtidas ata a convocatoria de setembro de 2003.

2. As solicitudes presentadas serán clasificadas segundo titulacións ou por bloques de titulacións semellantes pertencentes a un mesmo ámbito científico.

3. O número de bolsas que se van conceder, ata o límite orzamentario establecido, repartirase entre as solicitudes presentadas e clasificadas segundo o indicado no punto anterior.

4. A comisión avaliadora, á vista do número de solicitudes presentadas en cada ámbito científico, poderá adoptar as medidas necesarias para que non

se produzan desaxustes no número de bolsas concedidas a cada ámbito.

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerrector de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 11ª.-Aceptación da bolsa e pagamento.

A axuda aboarase trimestralmente na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada, antes do 10 de octubro de 2004, a seguinte documentación:

a) Copia do xustificante de matrícula correspondente ao curso académico 2004-2005.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

c) Certificado da universidade de destino en que faga constar que está incorporado ao programa SICUE.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dictar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria