DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 23 de marzo de 2004 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Betanzos (A Coruña) no ámbito da unidade de execución integral número 4 (O Rollo-Cal das Barras). (Expediente AC-03012).

O planeamento urbanístico vixente no concello de Betanzos (A Coruña) son as normas subsidiarias de Planeamento Municipal, aprobadas definitivamente polo Pleno da Corporación con data de 28 de novembro de 1996.

A ordenación da unidade de execución UEI 4 establecida polas ditas normas subsidiarias contén as seguintes prescricións: a) a súa finalidade é a obtención dunha praza pública no vértice das rúas García Naveira, Rosalía de Castro e do Rollo, e dar solucións ao desnivel entre elas; b) prevese unha área de movemento da edificación na beira sur da unidade de execución (un rectángulo duns 58x17 m); c) altura: baixo e catro plantas, con aproveitamento baixo cuberta; d) o resto dos parámetros edificatorios serán os do solo urbano residencial denso en edificación aberta (AD1).

A modificación proposta ten por obxectivo a reordenación do ámbito da citada unidade integral cos seguintes particulares: incorpora a solución proposta pola empresa promotora, redefinindo completamente a ordenación da área, salvando os volumes edificados e xa construídos; propón a ampliación do ámbito da unidade de execución, reclasificando terreos contiguos de solo urbanizable a urbano, co fin de que a edificabilidade total non supere os límites de sostibilidade da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (no solo urbano non consolidado en Betanzos, 0,85 m/m) e cumpra as reservas para espazos libres, equipamentos e aparcamentos dela. Así, de todo iso resulta que: a) se incrementa a superficie da unidade de 4.326 m a 6.171 m; b) mantense a superficie edificable total nos 5.246 m resultantes da ordenación das normas vixentes; c) prevese un espazo libre público de 1.040 m no extremo sudeste

da unidade (19,82 m por cada 100 m construíbles e superior ao existente); d) prevese unha parcela de equipamento de 525 m no extremo sudoeste da unidade (10,00 m por cada 100 m construíbles); e) prevense 27 prazas de aparcamento públicas e 87 privadas (2,15 prazas por cada 100 m construíbles); f) o resto dos terreos cualifícanse como áreas libres de uso privado.

O obxecto da modificación cumprimenta o disposto no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 28 de marzo de 2003, ao abeiro do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno da Corporación, en sesión do 9 de abril de 2003 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia do 16 e 24 de abril do mesmo ano, e nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 16 e 17 de abril e 17 e 18 de abril de igual ano, respectivamente, co resultado que consta no expediente.

No expediente constan os informes emitidos polo arquitecto técnico e pola secretaría municipal, en datas 19 e 26 de xuño de 2003, respectivamente, nos que se manifestan a conformidade da modificación coa lexislación vixente.

Logo de que o Pleno da Corporación, en sesión do 7 de xullo de 2003, acordara aprobar provisionalmente a modificación, a mesma foi remitida a esta consellería para informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (en adiante, CSUG) e para a súa aprobación definitiva. Así mesmo, posteriormente e co mesmo fin, foi remitida nova documentación presentada pola promotora ante o concello. Toda esa documentación foi informada pola CSUG en sesión do 12 de novembro de 2003.

Tras iso, e co fin de dar cumprimento ao dito informe da CSUG, o concello confeccionou un texto refundido daquela documentación remitida a esta consellería que foi aprobado provisionalmente, o 30 de decembro de 2003, polo Pleno da Corporación e remitido a este departamento para a súa aprobación definitiva. Dito documento refundido foi sometido á consideración da CSUG, por afectar a zonas verdes cualificadas no planeamento vixente, a que emitiu informe favorable no que atinxía a tales zonas, na súa sesión do 11 de febreiro do ano que corre, vindo así a ratificar o emitido o 12 de novembro de 2003.

En consonancia co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de acordo cos informes da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, do 11 de febreiro do ano que corre, da Asesoría Xurídica desta consellería e da Subdirección Xeral de Urbanismo, ambos do 23 de marzo deste ano, así como a proposta, desta mesma data, da Dirección Xeral de Urbanismo

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Betanzos (A Coruña) no ámbito da unidade de execución integral número 4 (O Rollo/Cal das Barras), que fose aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello de Betanzos o 30 de decembro de 2003.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda