DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 5 de marzo de 2004 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ás modificacións puntuais números 1, 2, 3, 4 e 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello das Neves.

O Concello da Neves conta con Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 13-11-1999.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico das modificacións.

1. As modificacións contidas neste expediente teñen por obxecto as seguintes actuacións:

1.1. Ampliación de espazos destinados a solo dotacional.

1.2. Ordenación pormenorizada do contorno da casa da xuventude.

1.3. Ordenación pormenorizada da rúa da Esperanza no remate do solo urbano das Neves.

1.4. Polígono UE-4.

1.5. Ordenanza tipo: residencial intensidade media (plurifamiliar bloque lineal).

O obxecto da modificación dá cumprimento ao artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 6 de maio de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O pleno do concello o 14-7-2003 acordou a aprobación inicial, publicada na prensa e no DOG do 15-9-2003, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo pleno do concello o 8-11-2003.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servizo de Inspección Territorial de Pontevedra, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobar definitivamente as modificacións puntuais números 1, 2, 3, 4 e 5 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello das Neves.

En todo caso, na modificación núm. 1 deberá corrixirse o plano nº 2, o estado modificado, que reflectirá con claridade o límite actual do solo urbano e a ordenanza de aplicación na parcela de 5.560 m incluída neste tipo de solo. A outra parcela de 2.204 m que tamén se cualifica como de equipamento está incluída en solo rústico común e suxeita ó réxime e condicións de edificacións reguladas nos artigos 31 a 44 da Lei 9/2002 LOUG.

Artigo 2º.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o

concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda