DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Martes, 06 de abril de 2004 Páx. 4.851

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de marzo de 2004 pola que se convoca a XIII edición do Premio Manuel Colmeiro, orientado a distinguir estudos sobre a Administración pública de Galicia.

A Orde do 20 de marzo de 1992, pola que se creou o Premio Manuel Colmeiro (DOG núm. 64, do 2 abril), estableceu no seu artigo 2 o seu carácter anual, que acada no ano 2004 a súa décimo terceira edición. Esta convocatoria quere servir de lembranza e de testemuño de homenaxe á figura de Manuel Colmeiro.

En consecuencia, en uso das atribucións que teño conferidas e con fundamento na orde invocada,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócase o Premio Manuel Colmeiro, na súa décimo terceira edición, que se rexerá polas bases que se expresan a seguir:

Primeira.-O dito premio destínase a fomentar e distinguir estudos e traballos sobre a Administración pública de Galicia, desde unha perspectiva xurídica, económica, sociolóxica, etc.

Segunda.-Os estudos e traballos deberán ser inéditos.

Terceira.-Os traballos terán que entregarse en soporte informático feito en calquera dos sistemas usuais de tratamento de textos e tamén impreso en follas A4, a dobre espazo, e contar cunha extensión mínima de cen folios.

Nos traballos non figurará ningún dato persoal e deberá constar exclusivamente o seu título. Xunto co traballo presentarase un sobre pechado dentro do cal figurarán os datos persoais do autor e o título do traballo.

Cuarta.-Os traballos presentaranse na Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4º 15707 Santiago de Compostela), e terán de prazo ata o 15 de outubro deste ano.

Quinta.-O exame dos traballos presentados e, se é o caso, a adxudicación do premio corresponderalle a un xurado especial, que estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da Administración pública nomeadas polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública. A composición nominal do xurado farase pública no momento da resolución.

Sexta.-O premio será único e indivisible, e nesta edición estará dotado con 4.510 A.

Se o xurado o coida oportuno, poderá declarar o premio deserto.

Sétima.-A decisión do xurado, que será inapelable, terá lugar o 29 de outubro e notificaráselles a todos os participantes.

A entrega do premio terá lugar na data que se determinará oportunamente.

Oitava.-O importe deste premio e os gastos derivados aboaranse con cargo ás dotacións orzamentarias da EGAP para o ano 2004.

Novena.-A presentación a este premio implicará, no caso de ser galardoado, a cesión polo autor dos dereitos de explotación en favor da EGAP. A compensación económica polos dereitos de explotación que lle puidese corresponder ó autor considerarase incluída na dotación do premio.

Os traballos non premiados seranlles devoltos aos seus autores, logo da petición expresa deles, no prazo de tres meses seguintes ao da data en que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrución.

Décima.-A presentación do traballo para o premio implicará a aceptación polos seus autores destas bases.

As incidencias que se poidan presentar nos supostos non previstos nestas bases serán resoltas polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA