DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 05 de abril de 2004 Páx. 4.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de marzo de 2004 pola que se regulan as subvencións ás entidades de iniciativa social para a adaptación á normativa de accesibilidade dos centros de prestación de servizos sociais ás persoas con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que en materia de servizos sociais lle corresponden á Xunta de Galicia, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías.

Un dos obxectivos fundamentais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais é afondar na aplicación práctica do principio de accesibilidade universal, co obxecto de construír unha sociedade libre de barreiras de calquera orde que inciden directa e negativamente na realización e desempeño da persoa con discapacidade como membro da sociedade, nas súas capacidades e nas súas estruturas ou funcións corporais.

Na consecución do devandito obxectivo, e de acordo coa facultade que a propia Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, de desenvolvemento, lle outorgan á Comunidade Autónoma para subvencionar a execución de actuacións nelas previstas, considérase instrumento adecuado o establecemento de subvencións destinadas a acomodar os centros de prestación de servizos a persoas con discapacidade ás condicións de accesibilidade prescritas na devandita normativa, en tanto medida que terá unha incidencia inmediata na mellora das condicións de vida das máis de 3.500 persoas con discapacidade que están a recibir unha atención especializada neles.

Así, esta orde regula a convocatoria de axudas e subvencións a entidades sen ánimo de lucro para investimento destinadas á mellora da accesibilidade e á eliminación de barreiras nos centros de atención a persoas con discapacidade pertencentes a entidades de iniciativa social.

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustaranse ó disposto no Decreto

lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, atendendo, en todo caso, aos principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas aos centros de servizos sociais de atención a persoas con discapacidade para adecuar as súas instalacións ás condicións de accesibilidade fixadas na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, de desenvolvemento, coa finalidade de incrementar a calidade dos servizos asistenciais que se están a prestar neles.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social das referidas no artigo 32.2º c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, que ostenten a titularidade dun ou máis centros de atención a persoas con discapacidade que dispoñan de prazas concertadas ou conveniadas coa Administración autonómica e que, ademais, estean inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

Artigo 3º.-Tipo de axudas.

Ao abeiro desta orde, poderanse solicitar axudas para obras de acondicionamento, adaptación, reforma ou mellora de edificios e instalacións destinadas á eliminación de barreiras arquitectónicas e á súa adaptación ás condicións de accesibilidade establecidas na lexislación sectorial de aplicación, tales como:

a) Obras de realización ou de mellora de ramplas e escaleiras co obxectivo de facelas adaptadas ou

practicables, empregando materiais e solucións construtivas acordes coa normativa vixente de accesibilidade, no relativo a alturas e longos excesivos ou insuficientes, respectivamente, colocación de pasamáns en ambos os dous lados e eliminación de boceis.

b) Obras de mellora en dormitorios, vestiarios, duchas, baños, aseos ou outros espazos co obxectivo de convertelos en adaptados.

c) Melloras nos accesos, eliminando desniveis existentes ou adoptando medidas construtivas que teñan a consideración de adaptadas ou practicables; eliminación de obstáculos arquitectónicos existentes nos diferentes itinerarios do inmoble.

d) Ampliación dos largos de corredores, ocos, baños, vestiarios, dormitorios, co obxecto de convertelos en adaptados.

e) Instalación de cabinas de ascensores adaptadas, ou substitución das preexistentes por outras que teñan adaptadas as súas dimensións e elementos de peche e funcionamento.

f) Melloras nas instalacións co obxecto de favorecer o seu uso autónomo e cómodo e eliminar riscos.

g) Outras obras que faciliten a eliminación de barreiras nos edificios e nas instalacións anexas (campos deportivos, xardíns, etc.).

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004, por un importe de 180.000 A, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, con cargo ás seguintes aplicacións:

-24.000 A, con cargo á 16.02.212A.780.2.

-156.000 A, con cargo á 16.02.212A.780.3.

Artigo 5º.-Normas xerais sobre as axudas.

1. A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 90% do total de orzamento presentado, en función das solicitudes e da dispoñibilidade de crédito, sen que en ningún caso poida implicar duplicidade, de xeito que a suma das axudas concedidas para a mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados non poderá superar o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. A achega da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais non será superior a 12.000 A para un mesmo centro.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes formalizaranse consonte o modelo que se xunta como anexo e presentaranse nos servizos centrais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do título acreditativo da facultade de representación do solicitante.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Memoria breve da entidade solicitante e do centro para o que se require a axuda.

d) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da axuda.

e) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Fotocopia compulsada do título de dominio da entidade solicitante sobre o centro, ou, se está alugado ou cedido, declaración de conformidade do propietario coa obra proposta.

g) Informe do concello correspondente no que se faga constar a conformidade da obra proxectada coas normas de planeamento e demais disposicións urbanísticas de aplicación.

h) Memoria valorada e orzamento das obras que sen van realizar e informe xustificativo do cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras, e no Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, de desenvolvemento.

i) Declaración responsable de dedicación da obra á prestación de servizos ás persoas con discapacidade por un período de, cando menos, vinte anos.

j) Plan de financiamento da obra con indicación das achegas doutros entes públicos e privados.

3. A entidade solicitante deberá achegar, ademais, a documentación ou información complementaria que sexa demandada polo órgano xestor.

Artigo 7º.-Prazo de presentación.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, os servizos centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos establecidos nesta orde e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixesen, se considerarán desistidos da súa petición e procederase ao arquivo do expediente, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á comisión de valoración, que terá a función de propoñer a aprobación ou denegación da axuda, segundo os criterios recollidos nesta orde.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: a directora xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

b) Vogais: o subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade; o xefe do Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade; o arquitecto do Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade.

c) Secretario: o vocal que para tal función designe a directora xeral.

Ás reunións da comisión convocarase un representante da Intervención Delegada, que actuará con voz, pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer o nomeamento, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servizo que o substituído.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Para a elaboración da proposta de adxudicación das axudas, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios:

a) Data dos convenios ou concertos de prazas, outorgándoselles preferencia a aqueles centros con concertos ou convenios anteriores á entrada en vigor do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro.

b) Maior porcentaxe de financiamento con outros fondos en relación co custo total da obra.

c) O déficit ou a insuficiencia de recursos na zona de influencia.

d) A relevancia cualitativa da actuación proposta na remoción de barreiras e na mellora das condicións de prestación dos servizos.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe da comisión de valoración, a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ditará a resolución que proceda.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, atendendo os criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselles aos interesados no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as ditou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdicional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, por existiren fondos provenientes de recursos de axudas inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados,

nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 13º.-Xustificación das axudas.

1. Sen prexuízo do referido no artigo 15 do referido Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto de axuda antes do 30 de novembro de 2004.

2. O aboamento das axudas producirase en pagamento único, logo da presentación das facturas correspondentes e os xustificantes requiridos, se é o caso, na resolución da concesión.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, o peticionario haberá de presentar a seguinte documentación:

a) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actuación, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

b) Certificados acreditativos de que a entidade beneficiaria se atopa ao día das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma. Consonte o disposto no artigo 42.1º f) da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, estas certificacións non serán exixibles cando a axuda concedida non supere os 1.500 A.

c) Licenza urbanística que ampare a execución do investimento subvencionado, no caso de que sexa precisa.

4. A falta de presentación da documentación sinalada no punto anterior entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia ao interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederase ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas aos beneficiarios con motivo da concesión da axuda.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo do investimento realizado polo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que teñan que reintegrar os beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 15º.-Control. Infraccións e sancións.

1. Os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Serán de aplicación aos beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2004.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais