DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 05 de abril de 2004 Páx. 4.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 71/2004, do 25 de marzo, polo que se establece o código numérico persoal dos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego.

A mellora na calidade dos servizos sanitarios e na eficiencia da utilización dos recursos, en condicións de equidade, esixe a incorporación de melloras na organización e xestión dos servizos sanitarios que utilicen as capacidades que na actualidade ofrecen as tecnoloxías da información.

A dispoñibilidade de información coherente e integrada do sistema sanitario público galego precisa da normalización e soporte dos procedementos de xestión e prestación de servizos sanitarios, así como dos seus principais axentes: os usuarios e os profesionais.

Os usuarios do sistema están identificados mediante o sistema de tarxeta sanitaria, que conta cun método de identificación personalizada dos cidadáns adscritos ou atendidos polo sistema sanitario público de Galicia, que permite unha mellor xestión dos recursos e da información clínica. No ámbito da planificación e a xestión das prestacións e servizos sanitarios, este instrumento facilita apoio técnico para a aplicación de medidas de mellora da calidade dos servizos sanitarios e de optimización do gasto sanitario, para asegurar unha maior eficiencia dos recursos. Neste sentido, a súa estrutura está dotada da flexibilidade suficiente como para se adaptar ao dinamismo organizativo e dos procesos de produción.

A identificación individualizada dos profesionais contribuirá á axilización dos procesos administrativos e favorecerá un contorno máis apropiado para a mellora dos servizos sanitarios.

Por isto, é preciso regular as medidas necesarias que fagan posible a identificación individualizada dos profesionais que interveñen nos procedementos normalizados de prestación e xestión dos servizos sanitarios mediante o establecemento do código numérico persoal.

De conformidade co anterior e en virtude do previsto no artigo 33 do Estatuto de autonomía, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co ditame do Consello Consultivo, número CCG 48/2004, do 16 de marzo, e logo da deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e cinco de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten como obxecto o establecemento do código numérico persoal e do sistema de acreditación electrónica dos profesionais que interveñen nos procedementos de prestación e xestión de servizos do sistema sanitario público galego.

Para estes efectos, enténdese por código numérico persoal o código numérico composto por 16 díxitos, único para cada profesional ao longo da súa relación co sistema sanitario público galego e non reasignable.

Artigo 2º.-Estrutura do sistema de acreditación electrónica.

O sistema de acreditación electrónica constará do código numérico persoal e dos datos complementarios necesarios para a identificación do profesional. Así mesmo, poderase incluír o número de colexiado daqueles profesionais que o posúan.

O código numérico persoal asignarao a Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde cun sistema centralizado que garanta a ausencia de duplicados.

Artigo 3º.-Utilización.

O código numérico persoal incorporarase e farase constar en todos os procesos informáticos e nos documentos físicos e electrónicos da Administración sanitaria galega en que sexa precisa a identificación dos profesionais.

Asociado ao sistema de acreditación electrónica, xerarase un certificado dixital que poderá ser utilizado como sinatura electrónica e chave de acceso seguro aos sistemas informáticos.

Artigo 4º.-Modificación dos documentos e procedementos de xestión actuais.

A Administración sanitaria galega procederá á incorporación do código numérico persoal nos procesos informáticos e nos documentos físicos e electrónicos do seu ámbito competencial en que sexa precisa a identificación dos profesionais.

Disposición transitoria

A Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde comezará a asignación do código numérico persoal previsto neste decreto no prazo máximo de tres meses desde a súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual e inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para ditar as disposicións precisas para a execución do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade