DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 05 de abril de 2004 Páx. 4.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas para a obtención e renovación do certificado CE de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación de cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas, exixe, como medida de seguridade preventiva, que as empresas que realicen tales transportes e as que efectúen operacións de carga ou descarga a eles vinculadas disporán dun ou varios conselleiros de seguridade, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE nº 251, do 20 de outubro), incorpora a citada directiva ao ordenamento xurídico interno, para o efecto de regular a obriga das empresas que transporten mercadorías perigosas ou realicen operacións de carga e descarga ligadas aos ditos transportes, a designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a eles, a cualificación profesional exixida e o procedemento que hai que seguir para avaliar a formación requirida.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE nº 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado Real decreto 1566/1999, sobre obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade no transporte de mercadorías perigosas, establece as distintas modalidades de certificado e o contido dos exames, así como o procedemento de renovación dos devanditos certificados, dispoñendo igualmente que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde se celebren, na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas para a obtención e renovación do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, de conformidade cosas bases que seguen, para os modos de transporte por estrada e ferrocarril para as especialidades seguintes:

-Clase 1 (Materias e obxectos explosivos).

-Clase 2 (Gases).

-Clase 7.

-Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas (ADR).

-Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

Bases:

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas para a obtención e renovación do certificado CE de formación para os conselleiros

de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, para os modos de transporte por estrada e ferrocarril correspondentes ás especialidades antes citadas.

Os exercicios de capacitación para a obtención e renovación do certificado CE de formación para conselleiros de seguridade versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo do citado Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro.

Segunda.-Obtención do certificado por primeira vez.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura e forma de cualificación serán as establecidas na devandita Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro, reguladora das probas citadas.

Os exames constarán de dúas probas. Unha de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con 2 puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar a proba.

Outra proba consistente na realización dun suposto referido ao modo do transporte e á especialidade correspondente, que versará sobre as tarefas e obrigas a realizar e/ou cumprir polo conselleiro. Os aspirantes disporán de 30 minutos para a realización desta proba, permitíndose a consulta de textos sempre que non figure neles a resolución de supostos. Esta segunda proba puntuarase ente 0 e 100 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba.

Terceira.-Renovación de certificados.

Poderán optar á renovación de certificados todos aqueles aspirantes que posúan o certificado con data de expedición anterior ao 1 de setembro de 2000. Poderán unicamente renovalo para aqueles modos e especialidades que consten nel.

O exame constará dunha proba de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con 2 puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar o exercicio.

Aqueles aspirantes que téndose presentado á renovación non superasen o exercicio, poderán presentarse a unha segunda proba que se celebrará no mes de decembro deste ano, en lugar e data que se publicará no DOG xunto co acordo definitivo de aprobados.

Para exercer este dereito os aspirantes deberán presentar no prazo de 15 días hábiles, contados desde a publicación no DOG da relación definitiva de aprobados, unha nova instancia conforme o modelo do anexo II desta resolución, xuntando o impreso de taxa autoliquidativa, que acredite ter aboadas unhas novas taxas.

Cuarta.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade cos modelos que se xuntan a esta orde, (anexo I para obtención do certificado por primeira vez, e anexo II para a renovación), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberán xuntarse a fotocopia do DNI e o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración. Cando se produzan as circunstancias regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, nun lugar distinto daquel no que o solicitante teña o seu domicilio habitual, tamén deberán xuntarse os documentos acreditativos das citadas circunstancias.

3. No caso de que se pretenda obter a renovación do certificado CE de conselleiro de seguridade, o aspirante deberá achegar, xunto co modelo de instancia que figura no anexo II, unha fotocopia do DNI, o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración e una fotocopia compulsada do certificado obtido no seu momento, podendo unicamente optar á renovación dos modos e clases que figuren nel.

4. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que corresponda.

Quinta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co anexo II da Lei 6/2003, do 9 de decembro (DOG nº 240, do 11 de decembro), e a Lei 8/2003, do 23 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame fíxanse na cantidade de dezanove euros con vintenove céntimos (19,29 A), por cada unha das clases mencionadas, que serán noventa e seis euros con corenta e cinco céntimos (96,45 A), no suposto de presentarse a todas as especialidades dun modo, e ingresaranse logo de cubrir os impresos de taxas (Consellería de: PTOPV, cód.: 06; delegación de: SSCC, cód.: 13, Servizo de: Transportes, cód.: 02; denominación: dereitos de exame probas transportista; clave: 31.01.06), que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servizos provinciais de transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá á súa revisión.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior, a relación provisional de admitidos e excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición da citada lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública da lista definitiva de admitidos e excluídos nos organismos a que fai referencia o punto 1º da base quinta.

5. Devolveranse os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución citada no punto anterior e o soliciten co modelo que figura nesta resolución como anexo III.

Sexta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente:

David González Coalla, Dirección Xeral de Transportes.

Presidente suplente:

Javier García de Bidegain, Dirección Xeral de Transportes.

Vogais:

Fidel González Deus, Dirección Xeral de Transportes.

Alberto Eiras Martínez, Dirección Xeral de Transportes.

Rodrigo López Asorey, Dirección Xeral de Transportes.

Vogais suplentes:

Carlos González Rodríguez, Dirección Xeral de Transportes.

Luisa García Vilela, Dirección Xeral de Transportes.

Manuel Grande Grande, Dirección Xeral de Transportes.

Secretario:

Jesús Magariños Negreira, Dirección Xeral de Transportes.

Secretaria suplente:

Pilar Méndez Vázquez, Dirección Xeral de Transportes.

2. Calendario, horario e lugar.

O calendario, horario e lugar dos exercicios publicarase xunto coa lista definitiva de admitidos e excluídos, estando prevista a súa celebración no último cuadrimestre do ano.

Sétima.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes presentarán ao tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo estar o domicilio que figure neste, incluído no ámbito territorial ao que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello no que deberá constar a data de alta no padrón municipal, debendo esta ter una anterioridade a 185 días naturais do último ano, contados desde o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas. Non obstante e sempre que se acredite, os aspirantes que aínda tendo o seu domicilio en lugar distinto menos de 185 días naturais do último ano e se viran na obriga, por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia, poderán presentarse ás probas.

3. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante, tanto o erro na súa consignación, como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio del.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2004.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Transportes