DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 02 de abril de 2004 Páx. 4.662

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de marzo de 2004 pola que se regulan as probas extraordinarias establecidas polo Real decreto 409/2002, do 3 de maio, para a obtención do título das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos correspondentes aos plans de estudos anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

O Real decreto 173/1998, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establece que nos dous anos seguintes ás datas de extinción das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, se convocarán probas extraordinarias para a obtención do título de graduado en artes aplicadas, nas condicións que oportunamente se establezan, para aqueles alumnos afectados pola extinción dos plans de estudos anteriores á Lei orgánica 1/1990.

Atendendo ao calendario de implantación recollido no mencionado Real decreto 173/1998, este ano académico 2003/2004 extínguense as ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.

O Real decreto 409/2002, do 3 de maio, regula as probas extraordinarias para a obtención dos títulos en artes aplicadas e oficios artísticos correspondentes aos plans de estudos anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

A disposición derradeira segunda do mencionado Real decreto 409/2002 outorga ás comunidades autónomas competencias para ditar as instruccións que sexan necesarias para a aplicación do disposto neste real decreto.

A presente orde ten por finalidade regular na Comunidade Autónoma de Galicia as citadas probas extraordinarias das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é regular na Comunidade Autónoma de Galicia as probas extraordinarias establecidas polo Real decreto 409/2002, do 3 de maio, para a obtención dos títulos de graduado en artes aplicadas e oficios artísticos correspondentes aos plans de estudos anteriores á Lei orgánica 1/1990.

Artigo 2º.-Convocatorias.

As probas establecidas nesta orde realizaranse nos meses de xuño e setembro durante os anos académicos 2003/2004 e 2004/2005.

Artigo 3º.-Lugares e datas de realización das probas.

1. Estas probas extraordinarias realizaranse nas escolas de arte dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A determinación das datas de realización das probas corresponderá a cada un dos centros en que se realizarán, axustándose, en todo caso, ás convocatorias establecidas no artigo anterior. Esas datas deberanse comunicar aos centros adscritos para os efectos desta orde, cunha antelación mínima de dous meses. Igualmente e coa mesma antelación, as datas deberán comunicarse ás delegacións provinciais correspondentes.

En calquera caso, daráselle a máxima difusión posible á convocatoria, publicando a data, a hora e o lugar de celebración nos taboleiros dos centros e das delegacións provinciais.

Artigo 4º.-Requisitos dos participantes.

Poderán concorrer a estas probas extraordinarias os aspirantes que, tendo iniciados os estudos no plan que establece o Decreto 2127/1963, o Real decreto 799/1984, o Decreto 942/1986 ou o Decreto 179/1988, non os concluísen e non se incorporasen ao plan de estudos da nova ordenación do sistema educativo.

Artigo 5º.-Matrícula.

1. Os aspirantes deberán presentar a correspondente solicitude de matrícula, segundo o impreso recollido no anexo desta orde, en cada unha das convocatorias en que desexen participar e no centro onde se atope o seu expediente académico.

2. O prazo de matrícula en cada convocatoria, que se estenderá durante quince días naturais, pecharase un mes antes da realización das probas.

3. Os centros adscritos segundo o disposto polo artigo 3º desta orde remitirán as solicitudes, após a comprobación dos datos académicos de cada aspirante, á escola onde se realicen as probas, xunto cunha certificación académica en que constarán as materias de que o alumno solicita ser avaliado.

Cando un centro non teña aspirantes para a realización dunha proba extraordinaria, comunicará igualmente esta circunstancia.

Artigo 6º.-Tribunais.

Segundo o establecido no artigo 8 do Real decreto 409/2002:

1. Constituiranse tribunais para cada unha das especialidades obxecto das probas extraordinarias. Correspóndelles ás delegacións provinciais o nomeamento dos membros titulares e suplentes. A súa composición farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realicen as probas e nas delegacións provinciais correspondentes.

2. Cada tribunal estará composto por:

a) Un presidente, que pertencerá ao corpo de catedráticos ou de profesores de artes plásticas e deseño.

b) Catro vogais, que pertencerán aos corpos de catedráticos, de profesores ou de mestres de taller de artes plásticas e deseño, en especialidades relacionadas cos exercicios de que conste a proba.

3. Coa finalidade de contar coa información necesaria para proceder ao nomeamento dos compoñentes dos tribunais, unha vez rematado o proceso de matrícula establecido no artigo anterior, as escolas onde se realicen as probas remitirán á delegación provincial correspondente o número de aspirantes en cada materia.

Artigo 7º.-Contido das probas.

Os aspirantes que se presenten ás probas extraordinarias deberán superar o nivel esixido no programa oficial de cada materia no último curso de vixencia dos estudos. O exercicio práctico realizarase segundo o previsto na resolución da Dirección Xeral de Ensinanzas Medias do 15 de novembro de 1989 (DOG do 11 de decembro), pola que se establecen as normas a que se axustará o proxecto de fin de carreira nas escolas de artes aplicadas e oficios artísticos.

Artigo 8º.-Cualificación das probas.

1. Segundo o disposto no artigo 10 do Real decreto 409/2002, as probas correspondentes ás materias de ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos cualificaranse de 0 a 10 puntos, sendo preciso obter unha cualificación igual ou superior a 5 para a súa superación. Para poder concorrer ao exercicio práctico requirirase ter aprobadas todas as materias da especialidade correspondente. O exercicio práctico cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo preciso obter unha cualificación igual ou superior a 5 para a súa superación.

2. Cada tribunal fará constar os resultados obtidos polo alumnado mediante a formalización, no prazo

máximo de cinco días após a realización de cada proba, da acta correspondente, asinada por todos os seus membros e na cal se consignará a convocatoria a que se refire.

3. A escola en que se realice a proba extraordinaria expedirá, finalizada esta, unha certificación individualizada en que figurarán as materias e cualificacións obtidas polo alumno, que será remitida ao centro de orixe para que se xunte ao seu expediente académico. A citada certificación deberá conter cando menos, a seguinte información: data da convocatoria; título, e especialidade a que se presentou o alumno; e relación de materias e cualificacións obtidas en cada unha delas, así como a correspondente ao exercicio práctico.

4. As reclamacións das cualificacións obtidas axustaranse ao establecido no artigo 10 da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto). Para estes efectos a secretaría de cada escola de arte publicará as cualificacións no seu taboleiro de anuncios ao día seguinte da formalización da acta correspondente.

Disposición adicional

O alumnado que non obtivese o título de graduado en artes aplicadas e oficios artísticos e desexe incorporarse aos estudos regulados pola Lei orgánica 1/1990, deberá realizar a correspondente proba de acceso. Coa finalidade de facilitar o acceso, no mes de outubro, cada escola, de existiren prazas vacantes na correspondente especialidade, realizará unha convocatoria extraordinaria da proba de acceso, a que unicamente poderá concorrer o alumnado que se teña presentado á cuarta convocatoria e non a teña superado. O período para a inscrición e realización desta proba de acceso establecerase en correspondencia co remate das probas extraordinarias reguladas pola presente orde.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Centros e Ordenación Educativa e de Persoal para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións que sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL