DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Venres, 02 de abril de 2004 Páx. 4.659

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de marzo de 2004 pola que se ditan instrucións para a aplicación na educación secundaria para persoas adultas do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

O Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 24 de decembro), determina no punto 1º da súa disposición adicional primeira que o previsto nos artigos 28, 29 e 31.2º desa lei orgánica será de aplicación no curso académico 2003-2004.

Así mesmo, a orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ECD/1923/2003, do 8 de xullo, pola que se establecen os elementos básicos dos documentos de avaliación das ensinanzas escolares de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que cómpre para garantir a mobilidade do alumnado (BOE do 11 de xullo), determina na súa disposición derradeira terceira que no curso 2003-2004 será de aplicación todo o disposto nela que resulte necesario para o cumprimento do establecido nos artigos 13, 15, 18.2º e 18.3º do Real decreto 831/2003, do 27 de xuño, polo que se establece a ordenación xeral e as ensinanzas comúns da educación secundaria obrigatoria (BOE do 3 de xullo).

Establecidas estas normas básicas, procede ditar instrucións para adaptar, con carácter transitorio, o disposto na Orde do 26 de maio de 1997, sobre ensinanza básica para persoas adultas (DOG do 15 de xullo), e na Orde do 15 de abril de 1998, pola que se regulan os documentos básicos do proceso de avaliación do ensino básico para persoas adultas (DOG do 14 de maio), ao establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, así como na disposición derradeira terceira da Orde ECD/1923/2003.

En consecuencia co anteriormente exposto, e segundo o establecido no punto 4º da disposición adicional primeira e na disposición derradeira segunda do Real decreto 827/2003, na disposición

derradeira segunda do Real decreto 831/2003 e no punto segundo da disposición derradeira terceira da Orde ECD/1923/2003, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta orde será de aplicación en todos os centros públicos e privados de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas.

Artigo 2º.-Avaliación das aprendizaxes dos alumnos.

1. A avaliación das aprendizaxes dos alumnos na educación secundaria para persoas adultas será continua e diferenciada, segundo os diferentes ámbitos do currículo, e levarase a cabo tendo en conta os obxectivos específicos de cada ámbito, establecidos na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo).

Artigo 3º.-Actividades de avaliación final.

1. Ao final de cada un dos módulos de cada ámbito, o equipo avaliador decidirá sobre a titulación ou promoción de cada alumno ao módulo seguinte, tendo en conta a súa madureza académica e as súas posibilidades de recuperación e de progreso nos módulos posteriores, de ser o caso.

2. O alumnado que non superara a avaliación final dos módulos de cada ámbito cursados no primeiro cuadrimestre poderán realizar no mes de maio unha avaliación extraordinaria deses módulos. Igualmente, os alumnos que non superasen a avaliación final ordinaria dos módulos cursados no segundo cuadrimestre poderán realizar no mes de setembro, nas datas que cada ano se determine, unha proba extraordinaria. O equipo avaliador de cada grupo de alumnos decidirá, tras a realización destas probas extraordinarias, sobre a titulación ou promoción aos módulos seguintes daqueles alumnos que as realizaran.

Artigo 4º.-Promoción e titulación.

1. Cando tras a celebración das sesións finais de avaliación ordinaria e extraordinaria un alumno ou alumna non supere algún ámbito, deberá permanecer cursando o ámbito ou os ámbitos non superados ata a súa superación ou promoción.

2. O alumnado poderá estar cursando módulos diferentes dos distintos ámbitos. A promoción será por ámbitos de forma independente. Dentro de cada ámbito, o alumnado non poderá ser avaliado dun módulo sen ter superado previamente o precedente nin ter sido promovido a el.

3. Para obter o título de graduado en educación secundaria cumprirá ter superado o cuarto módulo de todos os ámbitos do nivel III da educación secundaria para persoas adultas.

4. Excepcionalmente, o equipo avaliador, tendo en conta a madureza académica do alumnado en relación cos obxectivos da etapa e as súas posibilidades de progreso, poderá propor para a obtención do título o alumno ou a alumna que, ao finalizar o cuarto módulo da cada ámbito, teña un ámbito non superado.

Artigo 5º.-Expresión dos resultados das avaliacións.

1. Os resultados das avaliacións das aprendizaxes irán acompañados dunha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de cero a dez, con aplicación das seguintes correspondencias:

Insuficiente: 0, 1, 2, 3 ou 4.

Suficiente: 5.

Ben: 6.

Notable: 7 ou 8.

Sobresaliente: 9 ou 10.

2. Nas actas de avaliación rexistraranse as cualificacións de xeito cuantitativo e nos demais documentos oficiais de avaliación rexistraranse as cualificacións expresadas tanto cualitativa como cuantitativamente.

Artigo 6º.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: actas de avaliación.

As actas de avaliación do alumnado e o resumo cuadrimestral, que se axustarán aos modelos que se recollen nos anexos I e II desta orde, cubriranse e asinaranse tanto na sesión de avaliación final ordinaria como na extraordinaria de cada ámbito. Na acta da avaliación extraordinaria incorporaranse tódalas cualificacións correspondentes á sesión de avaliación ordinaria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: expediente académico.

1. Mentres non se modifique o modelo de expediente académico, utilizarase o establecido no anexo da Orde do 15 de abril de 1998, coas adaptacións que se recollen a seguir.

2. As cualificacións outorgadas ao alumno ou á alumna que realice as probas extraordinarias consignaranse no seu expediente académico tras a súa realización, independentemente do resultado da decisión adoptada respecto da promoción ou titulación.

3. No expediente recolleranse as cualificacións resultantes das avaliacións ordinaria e extraordinaria. Para tal fin, consignarase a data e os resultados da avaliación ordinaria ou extraordinaria, coa sinatura do secretario ou da secretaria e o selo do centro.

Segunda.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: libro de escolaridade.

1. Mentres non se modifique o modelo do libro de escolaridade, utilizarase o establecido no anexo da Orde do 15 de abril de 1998, coas adaptacións que se determinen.

2. Os centros educativos, de acordo coas instrucións que oportunamente se diten, poderán introducir nos libros de escolaridade dos alumnos as adaptacións que sexan pertinentes para a recollida e constancia dos datos que se deriven da aplicación desta orde.

Cando se incorporen estampiñas tomaranse as cautelas de selaxe e outras que cumpran para garantir a súa autenticidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-As referencias nesta orde a ámbitos de coñecemento entenderanse feitas aos ámbitos establecidos pola Orde do 26 de maio de 1997.

Segunda.-Tras a celebración da avaliación extraordinaria, os centros educativos remitiranlle ao Servizo Provincial de Inspección Educativa, xunto coa copia das actas que se establece no anexo da Orde do 15 de abril de 1998, un informe estatístico sobre os resultados da avaliación, que se axustará ao modelo que se estableza.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o punto 2º do artigo 18, sobre titulación de graduado en educación secundaria, da Orde do 26 de maio de 1997 e os anexos IX, X e XI da Orde do 15 de abril de 1998, e a súa corrección de erros (DOG do 4 de xuño), así como todo aquilo que se opoña ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para dictar as normas que cumpran para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será de aplicación desde o ano académico 2003-2004.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria