DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 01 de abril de 2004 Páx. 4.591

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 24 de marzo de 2004 pola que se crea a Rede de Comisións de Docencia e Comisións Asesoras de Galicia.

Os reais decretos 127/1984, do 11 de xaneiro, e 2708/1982, do 15 de outubro, que regulan, respectivamente, a formación para a obtención dos títulos de médico e de farmacéutico especialista, encoméndanlles ás comisións de docencia funcións de organización, desenvolvemento, supervisión e aplicación práctica dos programas de formación de especialistas.

Posteriormente mediante a orde do Ministerio da Presidencia, do 22 de xuño de 1995, que regula as comisións de docencia e os sistemas de avaliación e formación de médicos e farmacéuticos especialistas, establécese a composición e funcións das comisións de docencia dos centros hospitalarios acreditados para a formación nas especialidades médicas e farmacéuticas e das comisións asesoras das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria.

A orde da Consellería de Sanidade, do 23 de decembro de 1999, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2000, regula a constitución e funcionamento de unidades docentes para especialistas en medicina familiar e comunitaria no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nas comisións de docencia e asesoras están representados, tanto os profesionais docentes como os especialistas en formación, colectivos que, pola súa experiencia e coñecemento directo do proceso de formación, poden achegar ideas e liñas de mellora deste proceso.

O Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, establece unha estructura básica dos complexos hospitalarios do Sergas en consideración a diversos aspectos, entre os que cómpre destacar, en relación á materia regulada no presente decreto, a complexidade dos sistemas de información sanitaria así como a crecente preocupación no sector sanitario polos aspectos de calidade e o enorme desenvolvemento desta área. O asesoramento materialízase na previsión do establecemento duns órganos técnicos de asesoramento da comisión de dirección de cada hospital. Polo que respecta ao ámbito docente, o artigo 22, regulador dos comités técnico-sanitarios, dispón que nos hospitais de maior complexidade en que así se considere, deberá constituírse, entre outros, unha comisión de docencia, que será obrigatoria en todos os hospitais que conten cun programa de formación de

residentes.

Recentemente, a Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, seguindo esta tendencia, recolle no seu artigo 12, entre as funcións

da rede galega de atención sanitaria de utilización pública a docencia e a formación no eido das ciencias da saúde. Consecuentemente inclúe, no seu artigo 35, entre outras funcións do Sergas, a execución e o desenvolvemento de programas de docencia e investigación, concretándose isto no seu artigo 101, na participación na docencia e formación que debe levarse a cabo na atención especializada. Polo que respecta á estrutura directiva dos centros hospitalarios, no seu artigo 68, como xa fixera o antedito Decreto 97/2001, do 22 de marzo, establécense órganos de asesoramento entre os que se atopan os comités técnico-sanitarios. Finalmente, a devandita lei dedica o seu título X á docencia, formación e investigación sanitarias.

A evolución das normas é reflexo da realidade. Hai que destacar ao respecto que as comisións de docencia e as comisións asesoras existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, co apoio da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento do Sergas, levaron a cabo tarefas puntuais de coordinación dos órganos con responsabilidades docentes nos centros sanitarios acreditados para a formación de especialistas, así como accións dirixidas á mellora da calidade da formación de especialistas en Galicia.

Despois desta frutífera experiencia, cómpre dar continuidade e dinamizar este labor, consolidándoo mediante a creación da Rede de Comisións de Docencia e Comisións Asesoras de Galicia (Redega), dos centros sanitarios acreditados para a formación dos especialistas en ciencias da saúde en Galicia, que funcionará por medio da comisión central de docencia, órgano asesor coa finalidade de coordinar os órganos colexiados con responsabilidades docentes nestes centros e de propor medidas de mellora da formación dos especialistas.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Rede de Comisións de Docencia e Comisións Asesoras de Galicia (Redega), que estará constituída por todas as comisións de docencia e asesoras nesta materia existentes na Comunidade Autónoma de Galicia e adscrita á Consellería de Sanidade.

A devandita rede actuará mediante a Comisión Central de Docencia, que se crea, así mesmo dentro dela, como órgano asesor e coordinador.

Artigo 2º.-Finalidade.

A Comisión Central de Docencia ten como finalidade a de propoñer criterios de actuación sobre medidas para coordinar a rede e os órganos con responsabilidade docente nos centros sanitarios acreditados para a formación dos especialistas en cien

cias da saúde, así como propoñer medidas de mellora da formación especializada.

Artigo 3º.-Funcións.

Correspóndenlle á Comisión Central de Docencia as funcións seguintes:

a) Coordinar as actuacións das comisións de docencia hospitalarias e as comisións asesoras dos centros sanitarios acreditados para a formación dos especialistas en ciencias da saúde en Galicia.

b) Facilitar o intercambio de información entre a Consellería de Sanidade e as comisións de docencia e as comisións asesoras dos centros sanitarios docentes.

c) Formularlle á Consellería de Sanidade, a través do órgano administrativo competente, as propostas de mellora no proceso de formación dos especialistas en ciencias da saúde en Galicia e no desenvolvemento dos programas de formación especializada.

d) Propoñer medidas para incentivar o traballo profesional dos titores e presidentes de comisións de docencia e asesoras, así como propoñer actuacións en relación co recoñecemento da acción de titoría.

e) Elaborar estudos e informes sobre a situación actual e perspectivas de futuro dos programas de formación dos especialistas en ciencias da saúde en Galicia.

Artigo 4º.-Funcionamento.

Para facilitar o logro das funcións encomendadas, a Comisión Central de Docencia pode funcionar en Pleno e en Comisión Permanente.

Artigo 5º.-Pleno.

1. O Pleno estará integrado por todos os membros das comisións de docencia e das comisións asesoras de Galicia.

2. Son funcións do Pleno:

a) Aprobar o informe de xestión anual da rede.

b) Aprobar a proposta anual de obxectivos que vaia executar a Comisión Permanente.

3. O Pleno fixará as súas normas de funcionamento interno, que, en todo caso, se axustarán ás disposicións xerais reguladoras dos órganos colexiados.

En calquera caso, o Pleno ten que reunirse en sesión ordinaria polo menos unha vez ó ano.

Artigo 6º.-Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente componse dos membros seguintes, todos eles nomeados polo conselleiro de Sanidade:

a) Tres membros en representación da Consellería de Sanidade: un a proposta do secretario xeral; outro a proposta da unidade con competencias en materia de asistencia sanitaria e outro a proposta da unidade responsable do desenvolvemento do programa de formación especializada (MIR).

b) Cinco membros, en representación das comisións de docencia dos centros hospitalarios, elixidos entre os que forman parte delas, e propostos por maioría dos presidentes das devanditas comisións.

c) Tres membros, en representación das comisións asesoras das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria, elixidos entre os que forman parte delas e propostos pola maioría dos coordinadores/presidentes das devanditas comisións.

d) Un membro en representación dos especialistas en formación que forman parte das comisións de docencia e asesoras dos centros docentes acreditados, elixido entre os que forman parte delas e proposto por maioría dos seus presidentes.

2. O Pleno poderá proporlle á Consellería de Sanidade a modificación do número das persoas representantes das comisións de docencia, das comisións asesoras e dos especialistas en formación.

3. A Comisión Permanente escollerá, de entre os seus membros, un presidente e un vicepresidente. Os membros en representación da Consellería de Sanidade non poderán exercer estes cargos.

A duración no desempeño destes cargos é de dous anos, non renovable. Ao rematar este período, e co fin de garantir a continuidade na tarefa, o vicepresidente asumirá automaticamente a presidencia e deixará vacante o seu cargo.

4. Asumirá a secretaría administrativa da comisión central de docencia, con voz pero sen voto, unha persoa designada para tal efecto pola Consellería de Sanidade.

5. Os membros da Comisión Permanente renovaranse cada dous anos por metades, coa excepción do vicepresidente.

Artigo 7º.-Funcións da Comisión Permanente.

Correspóndelle á comisión permanente executar as funcións mencionadas no artigo 3 e calquera outra que, dentro do ámbito da competencia da rede, non se lle atribúa ao Pleno expresamente.

Artigo 8º.-Normas de funcionamento da Comisión Permanente.

A Comisión Permanente establecerá as súas normas de funcionamento interno e, en todo o que non dispón esta orde, axustarase ás disposicións reguladoras dos órganos colexiados.

Artigo 9º.-Axudas de custo e indemnizacións dos membros da Comisión Permanente.

Os membros da Comisión Permanente poderán recibir as axudas de custo e as indemnizacións que lles correspondan, de acordo coa normativa vixente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2004.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade