DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Xoves, 01 de abril de 2004 Páx. 4.586

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 68/2004, do 11 de marzo, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios.

Existe unha crecente sensibilidade na elección de produtos nos que os métodos de produción garanten e prioricen o respecto pola saúde e coidado do medio. Consecuentemente, demándanse sistemas de produción que permitan a trazabilidade dos produtos de xeito que posibiliten o coñecemento da súa orixe, a identificación das súas características así como os controis e os procesos seguidos en cada fase de obtención.

A alta incidencia de pragas e enfermidades controladas principalmente a través da loita química levou en ocasións a un mal uso e abuso dos pesticidas, motivando en determinados casos a aparición de residuos nos produtos agrícolas, resistencia en poboacións, problemas toxicolóxicos, eliminación da fauna auxiliar autóctona, danos ambientais.

A necesidade de obter unha produción na que se priorice aínda máis a calidade e a saúde humana, compatibilizándoa coa salvagarda do medio e a rendibilidade das explotacións impulsou a busca e a aplicación de novas técnicas de cultivo que foron derivando cara ao concepto e desenvolvemento da produción integrada, técnicas que se veñen fomentando a través da creación de asociacións ou agrupacións de agricultores que, cun técnico cualificado, vixían o cumprimento das prescricións técnicas dos cultivos, minimizando o uso de produtos químicos e os seus efectos secundarios.

A produción integrada é un sistema de produción agraria, que integra os recursos e os mecanismos de produción natural nas actividades das explotacións agrarias, introducindo tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes. A produción integrada de vexetais constitúe ademais a materia prima e punto de partida para os distintos produtos finais do sistema. O rigoroso seguimento e control das distintas fases produtivas garantirán un obxectivo prioritario como é a trazabilidade.

A produción gandeira integrada vincularase gradualmente á produción integrada dos cultivos que serven de fonte alimenticia en función das peculiaridades dos distintos produtos gandeiros e da súa vinculación á base territorial.

O Decreto 108/2001, do 3 de maio, polo que se regula a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios, estableceu o marco baixo o cal se desenvolverá o sistema de produción integrada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Posteriormente, o Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro (BOE nº 287, do 30 de novembro), polo que se establece a produción integrada de produtos agrícolas, crea as bases para regular a produción integrada e a diferenciación dos seus produtos no ámbito nacional. Neste sentido, establece sen prexuízo doutras disposicións que se é o caso regulen a produción, elaboración, comercialización, etiquetaxe e control de produtos vexetais, os requisitos xerais que deben cumprir os operadores que queiran acollerse ao sistema de produción integrada e facer uso do distintivo de garantía e as regras xerais válidas para as explotacións agrícolas correspondentes.

Respecto do uso da identificación de garantía o dito real decreto regula especificamente o emprego dunha identificación de garantía nacional, sen prexuízo das identificacións de garantía que poidan establecer as comunidades autónomas, e introduce a posibilidade de que as entidades ou organizacións privadas e as súas asociacións, poidan establecer as súas propias identificacións de garantía de produción integrada, determinando os requisitos necesarios para isto.

O Goberno galego mediante este decreto adecua a regulación de produción integrada á normativa básica e establece a normativa autonómica na materia e, para isto defínense unhas normas xerais de produción e requisitos que deben cumprir os operadores que se acollan ao sistema de produción integrada, así como o control que se deberá aplicar en todo o sistema produtivo. Así mesmo, establécese un sistema de diferenciación propio e créase o Rexistro Oficial de Produción Integrada da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se inscribirán os operadores e as entidades de certificación autorizadas.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificado pola Directiva 98/48/CE, do 20 de xuño, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e á vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia

na súa reunión do día once de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular o sistema de produción integrada na Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo:

-As normas de produción e requisitos xerais que deben cumprir os operadores que se acollan ao sistema de produción integrada.

-O contido dos regulamentos técnicos de produción.

-O sistema de control, seguimento e certificación dos produtos agrarios.

-O uso dunha identificación de garantía que diferencie estes produtos ante o consumidor.

-O Rexistro Oficial de Produción Integrada de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este decreto seralles aplicable aos produtos agrarios que mediante técnicas de produción integrada se produzan de conformidade co establecido neste decreto e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Produción integrada (P.I.): un sistema de produción agraria, que utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes.

b) Operador: toda persoa física ou xurídica que obteña, manipule, elabore, envase, etiquete, almacene ou comercialice produtos agrarios nas condicións establecidas neste decreto.

c) Actividades de produción: son todas aquelas operacións realizadas para a obtención, manipulación, envasado, transformación e etiquetaxe de produtos agrarios acollidos ao sistema de produción integrada.

d) Actividades de comercialización: son todas aquelas operacións consistentes na venda ou subministración por un operador a outro operador, incluíndo a posta á disposición, o almacenamento, a exposición para a venda ou a oferta de venda de produtos agrarios acollidos ao sistema de produción integrada.

e) Entidade de certificación: aquela entidade acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (Enac) para realizar as actividades de control e certificación, á que deberá estar sometida a produción para que os produtos obtidos poidan ser distinguidos cunha identificación de produción integrada.

f) Agrupacións de produción integrada: aquelas agrupacións de operadores constituídas baixo calquera fórmula xurídica ou integrada noutra agrupación previamente constituída e recoñecidas pola autoridade competente co obxecto de levar a cabo actividades de produción e/ou comercialización.

g) Autoridade competente: a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través da dirección xeral con competencias en materia de produción e sanidade agropecuaria.

h) Caderno de explotación: documento oficial para cada cultivo ou produto ou grupo de cultivos ou produtos e explotación ou empresa, no que os operadores anotarán todas as operacións e prácticas culturais ou pecuarias que veñan indicadas no respectivo regulamento técnico.

i) Servicios técnicos competentes en P.I: persoas físicas ou xurídicas que prestan servizos técnicos de asistencia en produción integrada e que contan, polo menos, cun titulado universitario de grao medio ou superior e que no plan de estudos da súa especialidade académica se inclúa a produción agraria ou que poida acreditar coñecementos desta por cursos específicos de posgrao recoñecidos pola autoridade competente. Compételle o control e seguimento das parcelas, aloxamentos, almacéns e locais de transformación e comercialización das producións acollidas a P.I. e das anotacións do caderno de explotación e dos libros de rexistro, a elaboración e notificación anual ao órgano ou entidade de certificación dos plans de actuación conforme as normas indicadas nos regulamentos técnicos específicos, o coñecemento e avaliación dos resultados das análises que se practiquen na explotación e a información á autoridade competente e órganos de control sobre os posibles incumprimentos das normas que

rexen a P.I. O técnico deberá superar os cursos que sobre P.I. organice ou homologue a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, así como comprometerse a seguir recibindo formación continuada nas técnicas de P.I.

Artigo 4º.-Normas de produción.

Os produtos agrarios que se produzan e comercialicen mediante técnicas de produción integrada deberán cumprir as normas xerais de produción integrada e, se é o caso, as normas xerais para industrias de transformación, reflectidas no Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro, así como as normas técnicas específicas contidas nos regulamentos técnicos para cada produto ou grupo de produtos e establecidas pola autoridade competente.

Artigo 5º.-Regulamentos técnicos.

1. Unha vez que as técnicas de P.I. dun determinado produto agrario se atopen suficientemente desenvolvidas, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, mediante orde, aprobará, por proposta da dirección xeral competente en materia de produción e sanidade agropecuaria, o regulamento técnico para o dito produto.

2. Os ditos regulamentos establecerán tanto os requisitos de produción como os de transformación ou comercialización, se é o caso, e contemplarán as prácticas prohibidas, obrigatorias e recomendadas, debendo conter polo menos, os seguintes puntos:

a) Tipo de material vexetal.

b) Técnicas culturais.

c) Fertilización.

d) Técnicas de protección fitosanitaria.

e) Normas específicas de recolección e pos colleita, se é o caso.

f) Normas de transformación.

g) Anotacións e rexistros para realizar.

3. En cada regulamento técnico específico de cultivo determinarase ademais, a superficie mínima necesaria para a consecución dos obxectivos previstos dentro do sistema de P.I. e requirida para poder inscribirse no rexistro oficial de P.I. de Galicia.

4. A regulamentación técnica da produción animal establecerá tanto os requisitos de produción como os de transformación ou comercialización, se é o caso, e contemplarán as prácticas prohibidas, obrigatorias e recomendadas, debendo conter entre outros aspectos os relacionados a continuación:

a) Alimentación.

b) Orixe.

c) Identificación dos animais.

d) Profilaxes.

e) Manexo

f) Instalacións.

No referente á alimentación, a base normativa e de control será a contida na correspondente regulamentación técnica e cadernos de explotación dos cultivos básicos para a dieta alimenticia, aplicándose de forma gradual en función das peculiaridades dos produtos gandeiros de que se trate.

5. Periodicamente, realizarase unha revisión das normas contidas nos regulamentos técnicos, co fin de adaptalas aos novos coñecementos e avances técnicos e científicos ou para incorporar a normativa correspondente que ao respecto se estableza.

Artigo 6º.-Obrigas dos operadores.

1. Os operadores que se queiran acoller ao sistema de P.I. deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cumprir as normas de produción integrada e concretamente aplicar as condicións previstas nos regulamentos técnicos específicos de P.I.

b) Dispor dos servicios técnicos competentes nas técnicas de produción integrada de acordo co previsto no artigo 3º deste decreto.

c) Fomentar a formación nesta materia do persoal ao seu cargo que desenvolva tarefas de produción integrada.

d) Dispor, no caso de operadores, dun caderno de explotación oficial onde se anoten todas as operacións de produción, ou no caso de almacenistas e comerciantes que teñan como única actividade a comercialización, un rexistro das partidas onde mediante anotacións e documentos se poida comprobar a orixe, natureza e cantidades de materias primas adquiridas así como o uso destas e así mesmo a natureza, cantidades e destino dos produtos agrarios vendidos.

e) Obter as producións tanto vexetais como animais en unidades de produción ou explotación claramente separadas doutras que non estean sometidas ás normas deste decreto.

f) Almacenar, manipular e, se é o caso, transformar e comercializar por separado, no espazo ou no tempo, as producións obtidas baixo as correspondentes normas de P.I. doutras obtidas por métodos diferentes.

g) Adoptar as medidas adecuadas para asegurar que durante todas as fases de produción e comercialización non poida haber substitución dos produtos elaborados de acordo coas normas de produción integrada por outros que se elaborasen de acordo con outros métodos.

h) Someterse ao mecanismo de control establecido polas entidades de certificación autorizadas.

i) Someterse ás instruccións e controis específicos de supervisión da autoridade competente que corresponda en cada caso.

j) Notificarlle anualmente á entidade de certificación e con anterioridade á data que se determine, o seu programa de produción, detallándoo por parcelas.

k) Adoptar as medidas correctoras que resolvan irregularidades detectadas polas entidades de certificación na produción e comercialización.

l) Facer bo uso do distintivo de P.I.

Artigo 7º.-Sistema de Control e Certificación

1. O control e certificación da produción integrada poderá ser realizado por entes ou organismos públicos ou ben a través de entidades de certificación.

2. O control aplicable aos operadores no exercicio da súa actividade para verificar o cumprimento das normas sobre produción integrada do artigo 4º deste decreto, deberá realizarse de maneira que se garanta que os ditos operadores cumpren, polo menos, as medidas establecidas no anexo III do Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro, e as deste decreto.

3. O sistema de control e certificación deberá polo menos:

a) Garantir a obxectividade e imparcialidade, así como a eficacia dos controis.

b) Gardar o debido sixilo respecto ás informacións e datos que obteñan no exercicio das súas actividades de control.

c) Velar pola correcta concesión de uso das identificacións de garantía aos operadores.

d) Exixirlles aos operadores a retirada das indicacións de garantía a todo lote cando se constaten irregularidades significativas e establecer as medidas correctoras necesarias.

e) Informar periodicamente a autoridade competente da relación de operadores sometidos ao seu control e dos volumes de produtos agrarios producidos e comercializados por cada un deles, sen prexuízo da actualización inmediata da dita relación se se producen variacións.

f) Informar, se é o caso, a autoridade competente das irregularidades comprobadas, para os efectos de facer uso da potestade sancionadora e das medidas correctoras propostas, así como das reclamacións que se tivesen producido.

g) Controlar o uso da identificación de garantía de produción integrada autonómica.

h) En xeral, cantas actuacións sexan precisas para o mellor funcionamento do sistema de control e certificación da P.I. e aquelas outras que co mesmo fin lle solicite a autoridade competente.

4. Os controis deberán efectuarse como mínimo unha vez ao ano e neles realizarase un control físico das explotacións e instalacións. Os ditos controis poderán realizarse sen previo aviso.

5. No exercicio deste control, os órganos ou entidades competentes para o efecto poderán:

a) Inspeccionar as parcelas, aloxamentos, locais, centros de manipulación, transformación e cadernos de explotación dos operadores dedicados ás actividades de produción.

b) Inspeccionar os locais de almacenamento e comercialización e sistema de rexistro dos operadores dedicados ás actividades de comercialización.

c) Certificación do cumprimento das normas xerais de P.I. e da aplicación das normas contidas nos regulamentos técnicos.

d) Tomar mostras para a análise, tanto dos residuos de produtos fitosanitarios como doutros que se estimen pertinentes e a súa remisión aos laboratorios.

e) Adoptar as medidas provisionais ou correctoras cando detecten irregularidades na produción ou comercialización dos produtos de produción integrada.

f) Cando as fases das actividades de produción sexan realizadas por operadores diferentes, os produtos agrarios a que se refire esta disposición só poderán transportarse previa comunicación do operador que expide a mercadoría aos órganos ou entidades que participen no control nas distintas fases do proceso de produción, realizándose en envases

ou recipientes diferenciados mediante sistema de transporte no que o seu peche impida a substitución do seu contido e irán xunto cun documento, que identifique o órgano ou a entidade de control á que está sometido o operador, no que figuren indicacións que lle permitan ao operador receptor e ao seu órgano ou entidade de control determinar de forma inequívoca a persoa responsable da produción e o produto agrario.

O disposto no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de que o órgano ou entidade de control sexa o mesmo en dúas fases consecutivas da actividade de produción.

6. As entidades de certificación deberán cumprir os requisitos exixidos no artigo 10 do Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro, estando acreditadas conforme o especificado no mesmo artigo e sendo autorizados pola autoridade competente.

7. As entidades que certifiquen estarán suxeitas a inspeccións e controis por parte da autoridade competente

8. Mediante orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural desenvolverase o procedemento para a autorización e rexistro das entidades de certificación, para o exercicio da súa actividade na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 8º.-Identificación de garantía dos produtos acollidos ó sistema de P.I. en Galicia.

1. Os produtos obtidos mediante técnicas de produción integrada poderán dispor dunha identificación de garantía de produción integrada cun logotipo ou distintivo desta comunidade autónoma, debendo ser incluído na etiquetaxe dos produtos obtidos de acordo coas disposicións establecidas neste decreto.

2. O emprego da identificación de garantía realizarase só cando:

a) O produto se obtivese conforme as normas xerais para a produción e no seu caso para a transformación en produción integrada, reflectidas no anexo I, anexo II no seu caso, e anexo III do Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro, así como as normas dos regulamentos técnicos específicos, previstos no artigo 5º deste decreto.

b) O cumprimento das ditas condicións fose controlado en todas as fases de produción polos organismos ou as entidades de certificación autorizadas.

c) O produto fose obtido por operadores inscritos no rexistro e que cumpran coas obrigas que se establecen neste decreto.

Artigo 9º.-Autorización do uso da identificación de garantía produción integrada na comunidade autónoma.

1. A autorización do uso da identificación de garantía produción integrada na comunidade autónoma require para cada produto o cumprimento dos requisitos sinalados no artigo anterior.

2. O uso da identificación de garantía será concedido pola autoridade competente previo informe das entidades de certificación que controlen a fase de etiquetaxe.

3. Na etiquetaxe dos ditos produtos constará ademais do distintivo, o nome ou código da entidade de certificación así como o número de rexistro do operador ou a súa denominación.

4. Queda prohibida a utilización do logotipo ou distintivo de produción integrada, aprobado pola autoridade competente, naqueles produtos agrarios non obtidos de acordo co establecido neste decreto. Así mesmo, tamén quedan prohibidos os signos, marcas, expresións, sinais, lendas ou logotipos que poidan dar lugar a confusión, aínda que vaian acompañados de expresións como tipo ou outras semellantes.

Artigo 10º.-Identificacións de garantía privadas.

As entidades ou organizacións privadas e as súas asociacións poderán establecer as súas propias identificacións de garantía de produción integrada, sempre que se cumpra o seguinte:

a) Que os requisitos, procedementos e protocolos exixibles para o uso e a identificación de garantía, así como os regulamentos técnicos dos produtos ou grupo de produtos propostos pola entidade privada, cumpran establecido no Real decreto 1201/2002, do 20 de novembro.

b) Que cando corresponda a esta comunidade autónoma, os ditos requisitos, procedementos e protocolos así como os regulamentos técnicos de cultivo ou grupo de cultivos ou produtos propostos pola entidade privada sexan aprobados pola autoridade competente.

c) Que o cumprimento dos ditos requisitos, procedementos, protocolos e regulamentos técnicos fose controlado en todas as fases de produción por organismos públicos ou unha ou varias entidades de certificación autorizadas.

Artigo 11º.-Rexistro de Produción Integrada de Galicia.

1. Créase na dirección xeral con competencias en materia de produción e sanidade agropecuaria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, o Rexistro Oficial de Produción Integrada de Galicia, no que se inscribirán os operadores e entidades de certificación autorizadas.

2. Poderán inscribirse no rexistro:

a) Agrupacións de operadores que revistan calquera fórmula asociativa das admitidas en dereito.

b) Agrupacións de operadores de produción integrada (Aprias), recoñecidas pola autoridade competente.

c) Entidades agrarias que van realizar actividades de produción ou comercialización conforme o especificado no artigo 3º deste decreto.

3. No caso das entidades de certificación, inscribiranse de oficio no Rexistro de Produción Integrada.

4. Por orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural regularase o funcionamento do rexistro así como o procedemento de inscrición, renovación da inscrición e modificación dos datos inscritos.

Artigo 12º.-Coordinación de actuacións.

A autoridade competente poderá convocar a representantes das organizacións agrarias, de cooperativas e dos diferentes departamentos interesados na materia, co fin de informar e debater sobre os procedementos de actuación e plans de traballo relativos ao sistema de P.I., a regulamentación propia de cada produto, a avaliación da incorporación de novos produtos ao sistema de P.I., e sobre cantos asuntos sexan de interese na materia e especialmente respecto de cantas medidas considere que poidan mellorar o sistema de P.I.

Artigo 13º.-Infraccións e sancións.

1. A autoridade competente poderá anular a inscrición no rexistro, cando se comprobe que o operador incumpriu as normas establecidas neste decreto en relación coa súa actividade, sen prexuízo das sancións a que houbese lugar. O procedemento de anulación da inscrición regularase por orde do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. O incumprimento do previsto neste decreto considérase infracción en materia de produción agropecuaria e será sancionado en virtude da normativa reguladora das infraccións e sancións en materia de defensa da calidade da produción agroalimentaria.

Artigo 14º.-Fomento da produción integrada.

1. Para o fomento da produción integrada poderán recoñecerse agrupacións de produción integrada.

2. O recoñecemento das agrupacións de produción integrada que teñan o seu domicilio social radicado nesta comunidade autónoma correspóndelle á autoridade competente a través da dirección xeral competente en materia de produción e sanidade agropecuaria. Por orde do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural regularase o procedemento de recoñecemento destas agrupacións.

3. Para o seu recoñecemento será requisito imprescindible que dispoñan dos servicios técnicos competentes e que nos seus estatutos figure a condición expresa de que os operadores deberán cumprir as instruccións técnicas que os ditos servicios poidan establecer de acordo coa normativa vixente.

4. Para os efectos desta disposición, cada agrupación de produción integrada terá a consideración dun único operador.

5. As agrupacións de produción integrada poderán recibir as axudas que se establezan regulamentariamente.

Disposición adicional

Poderán comercializarse baixo a denominación produción integrada os produtos agrarios e os seus transformados legalmente producidos e elaborados noutros estados membros da Unión Europea e dos países AELC, partes contratantes no Acordo sobre o Espacio Económico Europeo (EEE), de acordo coa normativa oficial específica de produción integrada.

Co fin de evitar confusión nos consumidores, a dita denominación deberá completarse coa mención expresa da norma legal reguladora do país de orixe do produto, de maneira que lle permita ao comprador coñecer a dita orixe e distinguilo doutros produtos.

Disposición transitoria

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, como autoridade competente, poderá recoñecer provisionalmente, sempre e cando se estime que responden ao establecido na norma EN 45.011, a entidades de certificación sen acreditación previa de ENAC, durante o prazo máximo de dous anos. Non obstante o anterior, excepcionalmente poderase establecer unha prórroga ao recoñecemento provisional, cando a entidade de acreditación xustifique que non puido finalizar o proceso acreditativo.

Disposición derradeiras

Queda derrogado o Decreto 108/2001, do 3 de maio, sobre a produción integrada e a súa indicación nos produtos agrarios.

Disposicións finais

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural