DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 31 de marzo de 2004 Páx. 4.545

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 67/2004, do 11 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 0106 de Ameás a Oza dos Ríos do punto quilométrico 4,00 ao 8,60 (concello de Abegondo).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día trece de setembro de dous mil dous,

aprobou o proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 0106 de Ameás a Oza dos Ríos do punto quilométrico 4,00 ao 8,60 e, na sesión do trinta e un de xaneiro de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial da Coruña foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día tres de marzo de dous mil catro.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día oito de abril de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación a actuación é necesaria co fin de evitar o altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia, entre outros extremos, de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do piso, o largo da calzada, de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, e a intensidade media do tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 0106 de Ameás a Oza dos Ríos do punto quilométrico 4,00 ao 8,60, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que

foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local