DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Mércores, 31 de marzo de 2004 Páx. 4.514

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 66/2004, do 4 de marzo, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Galicia Calidade, S.A.

Galicia Calidade, S.A., é unha sociedade pública autonómica constituída o 17 de xullo de 1995 como entidade encargada da xestión e administración en xeral da primeira marca de garantía da Comunidade Autónoma Galicia Calidade, encomendándoselle en particular o outorgamento das licencias da marca e o exercicio de medidas de control eficaces sobre a natureza, calidade e características dos produtos e servizos elaborados ou distribuídos ao abeiro do devandito signo distintivo.

O artigo 22 dos estatutos sociais de Galicia Calidade, S.A. facultan o Consello de Administración da sociedade para outorgar as licencias de uso da marca de garantía que lle dá nome, exixindo informe preceptivo e vinculante das consellerías competentes en materia de agricultura e de pesca cando se tratase de produtos incluídos nos seus respectivos ámbitos de competencia.

Na actualidade, estando prevista a creación pola Xunta de Galicia doutra marca de garantía de utilización exclusiva para produtos agroalimentarios de excelencia, faise preciso adaptar o proceso de concesión de licenzas de uso da marca Galicia Calidade a esta nova situación; adecuando tamén a composición do Consello de Administración da sociedade á composición actual dos órganos de goberno da Xunta de Galicia.

Así mesmo, considérase axeitado e por razóns de sistemática suprimir as remisións que se fan a normas legais xa derrogadas así como cambiar a orde de determinados artigos dos estatutos sociais de Galicia Calidade, S.A., aprobados polo Decreto 382/1994, do 15 de decembro.

Polo que de conformidade co disposto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia,

na súa reunión do día catro de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os estatutos da sociedade Galicia Calidade, S.A., aprobados polo Decreto 382/1994, do 15 de decembro, do seguinte xeito:

I. Modifícase a redacción dos seguintes artigos:

Punto 2 do artigo 8º:

2. O alleamento dos títulos representativos do capital que sexan propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá o acordo do Consello da Xunta, por iniciativa da consellería competente en materia de comercio, por proposta da consellería competente en materia de facenda pública, e de conformidade co disposto nas disposicións que regulen o patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 10º:

O exercicio dos dereitos que correspondan á Comunidade Autónoma, como titular de accións da sociedade, será competencia da consellería competente en materia de facenda pública, de conformidade coa normativa que regule o seu patrimonio.

Artigo 17º:

1. O Consello de Administración estará integrado por seis membros.

O presidente do Consello de Administración será designado pola xunta xeral, por proposta da consellería competente en materia de comercio.

Formarán parte do Consello de Administración, ademais do presidente, un representante por cada unha das consellerías competentes en materia de comercio, de agricultura, de pesca e de turismo, designados polo respectivo conselleiro.

Tamén formará parte do Consello de Administración, un representante do Instituto Galego de Promoción Económica, designado polo seu presidente.

2. O secretario do Consello de Administración será elixido por este, por proposta do seu presidente, e na súa ausencia asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade. O cargo de secretario só poderá ser desempeñado por un licenciado en dereito.

3. Non poderán ocupar nin exercer cargos nesta sociedade as persoas incluídas nalgunha das prohibicións, incapacidades ou incompatibilidades establecidas polas disposicións que regulen o réxime de incompatibilidades de altos cargos da administración autonómica e do persoal ao servizo das administracións públicas, de conformidade co que as devanditas normas dispoñan.

Aínea C) do artigo 22º:

C) Outorgar licenzas de marca.

Artigo 29º:

A consellería competente en materia de facenda pública exercerá as funcións relativas á tutela financeira e ao control patrimonial da sociedade, de conformidade co disposto na normativa de réxime finan-

ceiro e orzamentario de Galicia e na reguladora do seu patrimonio.

Artigo 30º: (suprimido).

Punto 2 do artigo 31º:

As cuestións que poidan ser resoltas por arbitraxe de equidade serán sometidas a este e de conformidade coa regulación legal deste tipo de procedementos.

II. No título III cámbianse as seguintes denominacións:

Sección 1ª.-Da xunta xeral de accionistas.

Artigo 13º.

Sección 2ª.-Do consello de administración.

Artigo 17º.

Sección 3ª.-Do presidente.

Artigo 24º.

Sección 4ª.-Do director xerente.

Artigo 25º.

III. Engádese tralo artigo 29 un novo título.

Título VI.-Foro competente.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda