DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Martes, 30 de marzo de 2004 Páx. 4.456

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 16 de marzo de 2004 pola que se anuncian axudas económicas destinadas ao fomento do asociacionismo municipal, así como para a fusión ou incorporación voluntaria de municipios.

Á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, que en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas, para fomentar a constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas, co fin de favorecer o asociacionismo municipal. Co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, nesta convocatoria inclúese, ao abeiro do artigo 152 desta lei, a posibilidade de subvencionar tamén estudos e proxectos para a constitución de consorcios locais; ademais, e neste contexto, considérase tamén necesario por mandato do artigo 13 da Lei de Administración local de Galicia, fomentar proxectos de fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros. Todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que lles permitan facer fronte ás

novas exixencias de servizos públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das entidades locais de Galicia, destinadas á realización de estudos e proxectos que sexan necesarios para a constitución de mancomunidades, áreas metropolitanas e consorcios a que se refiren os artigos 120, 136 e 152 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como para a fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros prevista no artigo 13 desta lei.

Así mesmo, poderán subvencionarse entidades xa constituídas, no que se refira aos gastos de establecemento ou a aqueles referidos á prestación de servizos de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.461.0, programa 123.A, ata unha contía máxima de setenta e cinco mil novecentos cincuenta e nove euros con cincuenta e dous céntimos (75.959,52 A) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2004.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no das delegacións provinciais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, mediante a cubrición dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo ca o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://xunta.es/servicios, de xeito que todos os interesados poderán pre

sentar, igualmente, as súas solicitudes vía Internet a través desta web, se ben o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

2.1. Respecto das entidades de nova creación:

a) Certificación do acordo da entidade local ou entidades locais interesadas polo que se aproba/n o/s proxecto/s ou estudo/s, así como as súas condicións e a aceptación de todos os requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa do proxecto ou estudo incluíndo as determinacións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, para a iniciativa de que se trate.

c) Orzamento detallado do estudo ou proxecto.

d) Relación dos núcleos de poboación que abarque a entidade que se pretende crear.

e) Memoria detallada na que se recollan as previsións de actuacións que se van realizar, cunha valoración estimativa do que as ditas actividades van xerar.

f) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

2.2. Respecto das entidades xa constituídas:

a) Certificación do acordo asembleario no que se aproba acollerse aos beneficios desta orde.

b) Relación da previsión dos servizos que se pretenden realizar, para os que se solicita subvención.

c) Orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os que se solicita subvención.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, estime oportuna.

3. A licitación, se é o caso, e adxudicación dos proxectos ou estudos será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación, que se poderá remitir por vía ordinaria ou de xeito telemático a través da caixa de mensaxes do Portal dos Concellos Eido Local, segundo procedemento recollido nas instruccións dispoñibles nesta web.

4. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os

erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A notificación aos interesados poderá practicarse, así mesmo, por medios telemáticos, a través do Portal dos Concellos Eido Local, cando aqueles así o manifestasen expresamente, indicando o medio telemático como preferente para a recepción de notificacións na súa solicitude.

Cando, existindo constancia da recepción da notificación por vía telemática, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unicamente cando concorran causas técnicas xustificadas, o interesado poderá requirir a Dirección Xeral de Administración Local para que as notificacións sucesivas non se practiquen por medios telemáticos, segundo o artigo 12.4º do Real decreto 263/1999, do 16 de febreiro, polo que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas pola Administración xeral do Estado.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, valorándose de acordo coas seguintes porcentaxes:

1. Respecto ás entidades de nova creación:

a) O número de núcleos de poboación que abarque (35%).

b) Número e calidade dos servicios que terá que desenvolver o novo ente, especialmente aqueles que a normativa local cualifique como de obrigatoria prestación, ou que supoñan unha economía nos custos de prestación así como unha mellora na calidade desta, en comparación á que se produciría se os servizos fosen prestados por cada concello individualmente (35%).

c) Proxectos que se refiran á fusión de municipios ou á incorporación voluntaria a outros (30%).

2. Respecto das entidades xa constituídas:

a) Servizos, que cumprindo o exixido no artigo 1º desta orde, supoñan un aforro nos custos de prestación e un aumento na calidade, en comparación coa prestación individual por cada concello (35%).

b) Actividades das que derive unha dinamización xeral do conxunto dos servizos que prestan os concellos asociados (30%).

c) Incremento dos servizos prestados pola entidade (35%).

Artigo 5º.-Resolución e notificación.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración, presidida polo director xeral de Administración Local, e da que formarán parte o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico e os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local. Actuará como secre

tario un funcionario da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefe de servizo. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase proposta de resolución ao onselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

2. O director xeral de Administración Local elevaralle a correspondente proposta ao conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

Así mesmo, a notificación da resolución da consellería poderá realizarse telematicamente a través do Portal dos Concellos Eido Local, sempre que os concellos interesados teñan sinalado na súa solicitude a opción telemática como medio de notificación.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Aceptación.

1. O representante da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

A aceptación poderá realizarse por vía telemática, cando os interesados así o manifestasen expresamente, a través do Portal dos Concellos Eido Local, segundo procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anular a resolución.

Artigo 7º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. A xustificación poderá levarse a cabo de dous modos, segundo o tipo de tramitación polo que se opte, ordinario ou telemático:

2.1. Procedemento ordinario:

Os beneficiarios da subvención presentarán copia do proxecto ou estudio redactado, así como facturas orixinais do gasto, ou copias compulsadas delas, por triplicado antes do 15 de outubro de 2004, inescusablemente.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

No caso de que a subvención se solicite para a realización de gastos correntes, será necesaria a presentación dunha certificación acreditativa da súa realización, así como as súas facturas xustificativas. Así mesmo, presentarase unha memoria na que se detallen as actuacións e realizacións nas que estes se produciron.

2.2. Procedemento telemático:

As xustificacións poderán ser remitidas, no mesmo prazo ca o estipulado para a tramitación ordinaria, por vía telemática a través do Portal dos Concellos Eido Local, para o caso de estudos e proxectos, mediante envío telemático do proxecto ou estudo elaborado, así como certificación do secretario-interventor ou do secretario e interventor na que se acrediten as facturas do gasto e os datos referidos a elas, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura, obxecto e importe; e para o caso de gastos correntes, por unha banda, certificación do secretario-interventor ou do secretario e interventor na que se acredite a realización do gasto, así como as facturas xustificativas e os datos referidos a elas, indicando entidade emisora, data de emisión, número de factura, obxecto e importe, e, por outra, unha memoria na que se detallen as actuacións e realizacións nas que se produciron os gastos.

Así mesmo, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo modelo normalizado dispoñible no Portal dos Concellos Eido Local.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. En todo caso, o libramento de fondos por parte da Comunidade Autónoma non superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias, poderán dedicarse a subvencionar outras entidades locais que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no punto 2 sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase anular a concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 8º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, haberá que se ater ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2004.

Jesús Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local