DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Martes, 30 de marzo de 2004 Páx. 4.455

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de marzo de 2004 pola que se convocan, para o ano 2004, as axudas aos plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia.

O Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a organización común do mercado vitivinícola; as disposicións de aplicación no relativo ao potencial de producción veñen previstas no Regulamento (CE) 1227/2000, da Comisión, do 31 de maio. No ámbito estatal, as medidas de desenvolvemento da normativa comunitaria están establecidas no Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, que regula o potencial de producción vitícola.

Pola súa banda, a Orde do 5 de setembro de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, regula os plans de reestructuración e reconversión do viñedo nesta comunidade autónoma, establecendo un réxime de axudas para a realización dos ditos plans, que poden abranguer a reconversión varietal, a reimplantación de viñedos e as melloras das técnicas de xestión.

A dita orde cumpre os requisitos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas aos plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, con vixencia indefinida, na Orde do 5 de setembro de 2000, cómpre establecer a convocatoria correspondente a este ano 2004, mediante esta orde que, á súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria, para o ano 2004, das axudas aos plans de reestructuración e reconversión de viñedo en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 5 de setembro de 2000, publicadas no DOG nº 175, do 8 de setembro, modificada no seu artigo 7 pola Orde do 27 de marzo de 2003, DOG nº 63, do 31 de marzo.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 5 de setembro

de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se determinan as condicións de concesión de axudas para os plans de reestructuración e reconversión de viñedo en Galicia.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os plans de reestructuración e reconversión de viñedo, no marco do obxectivo xeral, establecido no artigo 11 do Regulamento (CE) 1493/1999, do 17 de maio, do Consello, de adaptar a producción á demanda incluíndo algunha das accións seguintes:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñedos.

c) Melloras das técnicas de xestión de viñedos.

Artigo 3º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. As solicitudes de axuda presentaranse entre o 1 de abril e o 31 de maio de 2004, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes, documentación e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión de viñedo en Galicia, salvo o modelo de solicitude (anexo I) que será o establecido na Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo).

3. Para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos, ou ben poderá autorizar á Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática. Neste último caso, deberá cubrir a autorización que figura como anexo II na Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo), e entregala co resto da documentación no momento de facer a solicitude de axuda.

Non obstante quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia as axudas especificadas no artigo 42 da Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para o 2004.

Artigo 4º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicitar o pagamento anticipado das axudas, rexerá o disposto no artigo 9, puntos 2 da Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) que establece que se poderán conceder anticipos das axudas cando se cumpran as seguintes condicións:

a) Se comezase a execución da medida específica. Para estes efectos, considérase que se ten comezada

a dita medida cando se teña realizado o arrinque da plantación ou se achegue factura de compra de planta, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Se constituíse unha garantía por un importe igual ao 120%

Artigo 5º.-Prazo e xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade e segundo os prazos previstos na Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia.

Artigo 6º.-Financiamento.

As axudas aos plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia para o exercicio de 2004 estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. A súa dotación será de 4.500.000 euros, que se verá incrementada con outros remanentes orzamentarios e en función das asignacións financeiras fixadas en consonancia co artigo 25 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dictar as instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural