DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Martes, 30 de marzo de 2004 Páx. 4.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de marzo de 2004 pola que se convocan proxectos de formación e asesoramento do profesorado en centros docentes non universitarios para o curso 2004-2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, que é competencia plena desta Comunidade Autónoma o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución española e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado

e fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecendo e estimulando o traballo en equipo dos profesores e profesoras, actuacións que tamén se inclúen na Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro) de calidade da educación.

Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prevé como modalidade fundamental de formación do profesorado a formación en centros. Esta modalidade está dirixida a propiciar e facilitar o cambio e a innovación educativa en e desde o propio centro educativo e responde ás ideas básicas de:

a) Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado, propiciando a construción do modelo de centro propio que desenvolva todas as dimensións da práctica educativa: a profesional, a pedagóxica, a institucional, a relacional, a social e a de valores.

b) Fomentar a colaboración entre o profesorado do centro e os asesores implicados nas diferentes fases da formación: planificación, desenvolvemento e avaliación.

c) Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora do funcionamento dos centros, nos seus distintos ámbitos.

d) Promover a formación dos equipos docentes a través do traballo colaborativo, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.

e) Facilitar o exercicio da autonomía dos centros educativos.

Isto supón a participación do profesorado no deseño da súa propia formación, desde unha perspectiva de equipo e en función dun proxecto conxunto. Coa finalidade de facilitar o desenvolvemento desta formación nos propios centros docentes cómpre proceder a facer pública a oportuna convocatoria que, coa implicación dos asesores de formación desde a propia fase planificadora, contribuirá a unha maior rendibilidade do esforzo formativo emprendido polo colectivo do profesorado.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Primeiro.-Convocar proxectos de formación e de asesoramento nos centros educativos de niveis non universitarios para impulsar os proxectos pedagóxicos, baseados nun traballo común do equipo docente, xa sexan dos equipos de ciclo, de departamento, interdepartamentos ou internivelares.

Segundo.-Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos que se impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación especial, educación de adultos, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, idiomas e centros de ensinanzas artísticas.

Os proxectos poderán ser solicitados conxuntamente para varios centros dunha zona educativa naqueles ámbitos de formación que pola súa especificidade impli

quen un número de docentes inferior ao mínimo estipulado no artigo quinto desta orde. Neste caso, cursará a solicitude o centro de referencia.

Terceiro.-A duración do proxecto de formación e asesoramento será de 50 horas, como máximo, durante o curso académico 2004-2005.

Capítulo II

Temas

Cuarto.-Os proxectos de formación e asesoramento deberán desenvolver unha temática que naza da análise de necesidades, mediante un proceso de identificación, clasificación, categorización e formulación. Deberán atender aspectos xerais dos ámbitos curricular, organizativo e de investigación educativa que definan o modelo de centro, polo que poderían tratar, prioritariamente, os seguintes aspectos:

a) Plan de orientación educativa e profesional.

b) Atención á diversidade: medidas organizativas e curriculares.

c) Introducción dos temas transversais nos currículos.

d) Innovación educativa relacionada co proxecto didáctico de área e coas programacións de aula.

e) Formación en centros de traballo.

f) Elaboración de materiais didácticos.

g) Mellora da calidade da educación.

h) Aplicación didáctica das tecnoloxías da comunicación e da información.

i) Convivencia e conflitividade nos centros educativos.

j) Atención educativa ao alumnado inmigrante.

Capítulo III

Solicitudes, prazos e documentación

Quinto.-A presente convocatoria desenvolverase en dúas fases:

-Fase de preinscrición, na que os centros educativos interesados comunicarán o seu propósito de participar na convocatoria.

-Fase de elaboración e presentación do proxecto, na que os centros deberán realizar, coa intervención do Centro de Formación e Recursos, unha diagnose de necesidades de formación do profesorado, a delimitación do tema e a formulación do proxecto.

As solicitudes e documentación complementaria serán presentadas no Centro de Formación e Recursos correspondente ao centro educativo. O xefe ou xefa de estudos deberá presentar:

a) Preinscrición, segundo o modelo que figura no anexo I, no prazo de 15 días a partir do seguinte á publicación desta orde de convocatoria.

b) Solicitude de participación, segundo o modelo do anexo II, no prazo de 30 días contados a partir do remate do prazo de preinscrición. Xuntarase a seguinte documentación:

c) Relación do profesorado comprometido no proxecto, que será, como mínimo, o 50% do profesorado implicado (equipo docente, equipo de ciclo, departamento, etc.), e nunca menos de dez persoas, agás no caso dos centros

de menos de 18 profesores/as, nos que a comisión de selección poderá reducir o número mínimo de participantes considerando a porcentaxe antes citada. Na relación farase constar a súa aceptación, segundo o modelo do anexo III.

Un mesmo docente non poderá participar en dous proxectos.

Dentro desta relación farase constar o nome do coordinador ou coordinadora, que será o encargado de organizar e dirixir o desenvolvemento do proxecto.

d) Proxecto, no que se desenvolvan os puntos recollidos no anexo IV, que será elaborado en colaboración cun asesor ou asesora do Centro de Formación e Recursos ao que está adscrito o centro.

e) Certificación de que o claustro e o consello escolar do centro foron informados de que se vai solicitar esta actividade de formación.

Capítulo IV

Proceso de selección

Sexto.-A selección será realizada en cada Centro de Formación e Recursos por unha comisión integrada por:

-Un inspector ou inspectora, nomeado polo delegado provincial correspondente, que actuará como presidente.

-O director ou directora do Centro de Formación e Recursos.

-Dous asesores ou asesoras de formación propostos polo director do Centro de Formación e Recursos.

-Un funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado polo delegado provincial por proposta do presidente da comisión, con destino no centro de formación e recursos, con voz e sen voto, que actuará como secretario.

Sétimo.-As comisións establecidas no punto anterior, no prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ao de finalización de presentación de solicitudes de participación, estudarán estas e efectuarán unha proposta de selección de acordo cos aspectos mencionados no punto cuarto desta orde e tendo en conta os obxectivos e prioridades establecidos. De consideralo necesario, poderán solicitar o asesoramento de persoas ou organismos relacionados coa formación permanente do profesorado.

Oitavo.-Do proceso de selección redactarase a acta correspondente, na que se recollerá:

-Título.

-Nome do coordinador ou coordinadora.

-Nome do centro de referencia.

-Asesor ou asesora responsable.

-Número de horas anuais previstas para a realización do proxecto.

-Orzamento asignado a cada proxecto, desagregado por conceptos.

-Copias dos anexos II e III de cada solicitude, incluídas as denegadas e excluídas.

Esta documentación será enviada á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Noveno.-A aprobación definitiva dos proxectos de formación e asesoramento será realizada pola directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e farase pública en cada Centro de Formación e Recursos e nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Poderanse admitir modificacións na relación de participantes ata o 15 de outubro de 2004. A partir desta data non se autorizará ningunha modificación.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, desde a súa publicación, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Capítulo V

Asesoramento e xestión

Décimo.-Os centros de formación e recursos, sen prexuízo da colaboración que poidan proporcionar outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento. Para tal efecto participarán conxuntamente no deseño do proxecto de formación, orientarán o seu desenvolvemento, organizarán e/ou impartirán módulos formativos e implicaranse no proceso de avaliación.

O inspector ou inspectora responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto de formación e asesoramento e colaborará co asesor ou asesora implicado nel.

Décimo primeiro.-A xestión económica destes proxectos de formación e asesoramento realizaraa o asesor ou asesora responsable de cada proxecto en cada Centro de Formación e Recursos, con cargo ao orzamento do plan de formación.

O proxecto poderá xerar os seguintes gastos:

-Docencia, no caso de expertos non destinados no centro de formación e recursos ou no propio centro educativo.

-Material funxible.

-Bibliografía.

-Desprazamentos (cando sexa necesario para o desenvolvemento dalgunha actividade proposta).

Capítulo VI

Seguimento

Décimo segundo.-Correspóndelles ás comisións de selección previstas no punto sexto o seguimento do desenvolvemento dos proxectos aprobados.

Para tal fin, as ditas comisións reuniranse, polo menos, tres veces durante o curso académico para o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) Velar porque se cumpran as condicións establecidas na aprobación definitiva.

b) Propoñerlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a suspensión da continuidade daqueles proxectos dos que durante o seguimento se deduza que non se axustan ao aprobado.

c) Informar a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da marcha dos diferentes proxectos de formación e asesoramento mediante: informes de seguimento, se é o caso, informes finais, así como toda aquela información que se considere necesaria ou sexa requirida pola consellería.

d) Propoñer a certificación da formación dos participantes unha vez concluído o proxecto, entregada a memoria final e valorada positivamente. Adxudicar o número de horas que hai que certificar, tendo en conta o seguimento, traballo realizado, informes e memorias. Non se lle poderá expedir certificación ao profesorado que non asista ao 85% da duración do proxecto, segundo o disposto no capítulo XVII.2º da Orde do 3 de setembro de 2001 (DOG do 10 de setembro), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.

Os traballos elaborados nos diferentes proxectos serán difundidos pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a través da rede de centros de Formación e Recursos.

Capítulo VII

Avaliación

Décimo terceiro.-A avaliación de cada proxecto de formación e asesoramento en centros será competencia das comisións previstas no artigo 6, conforme as orientacións establecidas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Os centros con proxectos aprobados presentaranlle á comisión de selección unha memoria final ao remate do proceso axustándose ao modelo do anexo V desta orde e que será entregada impresa en papel e en soporte informático.

A data límite de entrega das memorias no centro de formación e recursos correspondente será o 1 de xuño do ano 2005.

Capítulo VIII

Certificación

Décimo cuarto.-O director ou directora do Centro de Formación correspondente expediralle ao profesorado o certificado acreditativo da súa participación na actividade realizada.

No dito certificado constará o número de horas realizadas, que non poderá superar o máximo de cincuenta, fixado no artigo terceiro.

Décimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dictar as instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-A presente orde entrará en vigor día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO IV

Guión para a elaboración do proxecto

Título do proxecto:

1. Tema ou aspecto que se pretende traballar, segundo o punto cuarto da orde de convocatoria.

2. Xustificación.

3. Obxectivos.

4. Programa de contidos, actividades e metodoloxía que se pretende seguir.

5. Organización de recursos humanos e materiais.

-Número de horas de asesoramento presencial do asesor ou asesora (en ningún caso poderá ser inferior ao 20% do total de horas estimadas).

-Número de horas de docencia con outros expertos (en ningún caso poderá ser superior ao 30% do total de horas estimadas).

6. Temporalización. Calendario previsto e horario para a realización do proxecto.

7. Necesidades orzamentarias (tendo en conta o establecido no artigo décimo primeiro desta orde).

8. Proceso e criterios para a avaliación.

ANEXO V

Guión para a memoria final

1. Características xerais e particulares do contexto en que se desenvolveu o proxecto de formación e asesoramento.

2. Consecución dos obxectivos:

-Obxectivos propostos inicialmente.

-Obxectivos acadados ao finalizar o proceso.

3. Actividades realizadas. Axuste coa temporalización inicial.

4. Número de horas realizadas.

5. Modificacións, se é o caso, da proposta inicial durante a súa posta en marcha en canto a:

-Obxectivos.

-Contidos.

-Actividades.

-Metodoloxía.

-Recursos.

-Temporalización.

6. Síntese do proceso de avaliación empregado.

7. Conclusións: logros e incidencia no centro docente.

8. Materiais elaborados.

9. Actas das reunións de traballo e das actividades de formación para efectos de certificación e rexistro. Nas actas deben aparecer todos os docentes que participaron, especificando nomes, apelidos, documento nacional de identidade e número de rexistro persoal, así como as incidencias máis relevantes.

10. Acta final, asinada polo coordinador ou coordinadora e co visto e prace do xefe de estudos, na que se inclúa a relación de profesores con dereito a certificación e sen dereito a ela, especificando a causa.