DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 29 de marzo de 2004 Páx. 4.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 65/2004, do 25 de marzo, polo que se declara zona de grande afluencia turística, durante o ano 2004, para os efectos do artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma galega, conforme o artigo 30.1º.4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de comercio interior, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado nos termos do disposto nos artigos 38 e 131 e nos números 11 e 13 do punto 1º do artigo 149 da Constitución española.

A Lei orgánica 2/1996, do 15 de xaneiro, complementaria da de ordenación do comercio retallista, sinala no seu artigo 3.3º que os establecementos instalados en zonas de grande afluencia turística terán plena liberdade para determinar os días e horas nos que permanecerán abertos ao público; recóllese este precepto, para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 4 do Decreto 365/1996, do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo competencia do Consello da Xunta de Galicia a fixación por decreto das zonas e os períodos aos cales se lles aplicará a liberdade de apertura nos termos establecidos no citado artigo 3.3º da Lei orgánica 2/1996, segundo se determina na disposición adicional do devandito Decreto 365/1996.

A celebración do Ano Xubilar 2004 fai prever unha grande afluencia de visitantes a Galicia, que será especialmente intensa na Semana Santa e nos meses de verán. Co obxecto de que estas visitas poidan ser atendidas axeitadamente desde o punto de vista das necesidades de adquisición de bens e servizos subministrados polo comercio e, ao mesmo tempo, beneficiar a actividade comercial galega, considérase conveniente a declaración de zona de grande influencia turística a todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, para os efectos da apertura comercial en días festivos, naqueles días estimados como de especial afluencia de visitantes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase zona de grande afluencia turística toda a Comunidade Autónoma galega para os únicos efectos do artigo 4 do Decreto 365/1996,

do 26 de setembro, polo que se regulan os horarios comerciais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, durante os días 4 de abril, 18 de xullo e 1 e 15 de agosto de 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio para dictar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE

E VOLUNTARIADO