DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 29 de marzo de 2004 Páx. 4.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 63/2004, do 11 de marzo, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do Concello da Pobra do Brollón, dunha casa de legoeiros no p.k. 64 da estrada C-533.

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia Administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

O Concello da Pobra do Brollón solicitou a cesión en propiedade do inmoble situado no seu termo municipal, na estrada C-533 no punto quilométrico 64, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3317/1982 (BOE nº 291, do 4 de decembro), modificado polo Real decreto 2708/1983 (BOE nº 255, do 25 de outubro), sobre transferencias de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas.

Mediante o Decreto 291/2003, do 4 de xuño (DOG nº 124, do 27 de xuño), desafectouse do dominio público a casa de legoeiros no p.k. 64 da estrada C-533, pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de novembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro) declarouse a alienabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de marzo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor do Concello da Pobra do Brollón da propiedade dun inmoble situado no punto quilométrico 64 da estrada C-533 da Gudiña a Lalín, no termo municipal da Pobra do Brollón (Lugo), dunha superficie aproximada de 1.060 m. Sobre este predio construíuse unha casa de legoeiros dunha superficie aproximada de 127 m. Estrema: norte, con Isabel Rego Valcárcel; sur, con Gerardo Rego Álvarez; leste, coa estrada C-533 da Gudiña a Lalín; e oeste, con máis de José Rego de la Fuente.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Quiroga no tomo 222, libro 86, folio 214 predio nº 8098, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será o acondicionamento do ben para dedicalo a centro sociocultural de uso público.

b) Se o ben cedido non se aplicase para o fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) A cesión formalizarase mediante escritura pública, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA