DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Luns, 29 de marzo de 2004 Páx. 4.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 62/2004, do 11 de marzo, polo que se lle cede, a título gratuíto, ao Concello de Ortigueira, o inmoble coñecido como casa de legoeiro de Loiba, situado no p.k. 53,346 da estrada C-642, lugar de Loiba, termo municipal de Ortigueira (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade do inmoble coñecido como casa de legoeiro de Loiba, situado no p.k. 53,346 da estrada C-642, lugar de Loiba, termo municipal de Ortigueira (A Coruña).

O dito ben figura no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma co código de centro C0530, como ben patrimonial.

A orde do conselleiro de Economía e Facenda do 8 de xullo de 1994 (DOG nº 173, do 7 de setembro), declarou a alienabilidade do inmoble.

O Concello de Ortigueira solicitou a cesión do citado inmoble para acondicionalo como aparcadoiro público co fin de poder acadar unha mellora da circulación rodada nesa zona.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da Consellería de Economía e Facenda tramitou o expediente de cesión, a título gratuíto, do inmoble, de conformidade co establecido nos artigos 24 e 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 60 e 83 e seguintes do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da antedita Lei 3/1985.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de marzo de dous mil catro

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Ortigueira, do inmoble coñecido como casa de legoeiro de Loiba, situado no p.k. 53,346 da estrada C-642 de Ribadeo a Ferrol por Ortigueira, parroquia de Loiba, termo municipal de Ortigueira, e inscrita no Rexistro da Propiedade no tomo 372, libro 197, folio 203, predio nº 27.217. Referencia catastral 0922603PJ0402S0001FI.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a construción dun aparcadoiro público na parroquia de Loiba.

b) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outor

gamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, once de marzo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda