DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre a nova Lei xeral tributaria e os procedementos.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2004 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre a nova Lei xeral tributaria e os procedementos, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar o texto da nova Lei xeral tributaria 58/2003, do 17 de decembro, que vén substituír a Lei 230/1963, do 28 de decembro. A norma substituída era preconstitucional -xa tivera numerosas reformas parciais- e, polo tanto, estaba necesitada dunha modificación completa que convertera a LXT nunha verdadeira norma codificadora, dotada dunha sistemática e dun contido axeitado á actual realidade de cambios tecnolóxicos nos procedementos administrativos de aplicación dos tributos:

Resáltase a oportunidade da realización destas xornadas, por canto a Lei 52/2003 terá a súa entrada en vigor o 1 de xullo de 2004, e os distintos profesionais vinculados á materia tributaria, tanto da Administración coma os asesores fiscais terán o máximo interese no estudo da reforma integral levada a cabo.

Cómpre destacar tamén que a maioría dos relatores que intervirán nestas xornadas son especialistas de dereito tributario, que no seu momento formaron parte das distintas comisións de estudo, nomeadas polo Ministerio de Facenda para emitir informe sobre o anteproxecto da mencionada lei.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Infraccións e sancións tributarias.

-Recadación tributaria.

-Inspección tributaria.

-Procedemento de comprobación tributaria.

-Recursos e reclamacións.

-Categorías tributarias.

-Técnicas de colaboración entre Administración e contribuínte.

-Conflito na aplicación da norma tributaria e elusión fiscal.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela), os días 19 e 20 de abril de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 15 de abril de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 16 de abril, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en seguir o desenvolvemento destas xornadas pola Internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública