DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.262

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de marzo de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2004.

As diversas medidas de promoción do emprego postas en práctica pola Comunidade Autónoma complétanse con medidas específicas de fomento da cultura emprendedora e de apoio a actividades e iniciativas de autoemprego.

As iniciativas de autoemprego promovidas polos traballadores reveláronse tradicionalmente como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra productiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ó Traballo.

A través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das anteditas competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Nesta orde regúlase o programa de promoción do emprego autónomo, na súa adaptación ás actuais circunstancias e á estratexia europea para o emprego, establecendo o marco da actuación para o desenvolvemento do autoemprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

Introdúcese como innovación máis salientable a ampliación como beneficiarios do programa de promoción do emprego autónomo a aqueles traballadores desempregados que creen o seu propio posto de traballo mediante a constitución dunha sociedade limitada cun capital social fundacional inferior a 120.200 euros, axustando esta cifra ao capital social máximo dunha sociedade limitada nova empresa. Tamén é de destacar a posibilidade que teñen estas sociedades de solicitar a subvención financeira de xeito que se lle facilite o acceso ao financiamento externo en condicións económicas máis favorables.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes programas axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine

anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo, coa finalidade de promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores autónomos ou por conta propia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das axudas do programa de promoción do emprego autónomo axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa os desempregados inscritos como demandantes de emprego no servizo público de emprego que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos ou por conta propia, sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación ou ben constitúan unha sociedade limitada que cumpra os requisitos establecidos no número 3 deste artigo.

-Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou no réxime especial do mar da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

-Non percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolvesen como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores.

Para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de beneficiarios os traballadores que figuren inscritos como demandantes de emprego no servizo público de emprego e realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, e sempre que cumpran as condicións establecidas neste punto.

2. Para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

3. Poderán ser beneficiarias da axuda prevista no artigo 4º desta orde as sociedades limitadas, sempre que:

-Sexan sociedades de nova creación cun capital social fundacional inferior a 120.200 euros.

-Todos os seus socios sexan persoas físicas e o número inicial de socios non sexa superior a tres, agás que todos os socios reúnan os requisitos e condicións establecidos no número 1 deste artigo e pertenzan a algún dos seguintes colectivos:

a) Mozos menores de 25 anos.

b) Mozos maiores de 25 anos e menores de 30 que non teñan unha experiencia laboral acumulada, excluídos os contratos para a formación, superior a 180 días.

c) Mozos menores de 30 anos que estean incorporados e teñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro).

d) Desempregados maiores de 45 anos.

e) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses.

f) Mulleres desempregadas cando se incorporen para prestar servizos en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do 16 de setembro de 1998.

g) Desempregados que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados co posto de traballo a que se incorporan.

h) Desempregados que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnos, en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo a que se incorporan; ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior en obras ou servizos de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

i) Desempregados de longa duración, maiores de 25 anos, que estivesen sen traballo e inscritos na oficina de emprego durante 12 meses dos anteriores 16 meses.

j) Desempregados minusválidos cun grao de minusvalidez non inferior ó 33%.

k) Desempregados en risco de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

-Perceptores da renda de integración social de Galicia ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

-Persoas que participen ou participaron en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou exreclusos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de víctima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Mozos que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Inmigrantes ou persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías as características dos cales poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Artigo 3º.-Concepto de desempregado.

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no servizo público de emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.

Artigo 4º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar a creación do seu propio posto de traballo mediante a reducción de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo, podendo destinarse ata un 25% a financiar o activo circulante. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O importe máximo desta subvención non poderá superar a contía de 3.000 euros.

A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

2. Poderá concederse esta subvención a aquelas sociedades limitadas de nova creación que reúnan os requisitos do artigo 2º parágrafo 3 desta orde, polos traballadores desempregados que, constituíndose como autónomos, teñan a condición de socios da devandita sociedade.

O importe máximo desta subvención non poderá superar a contía de 3.000 euros por cada socio que cumpra os requisitos e condicións previstos no artigo 2º.1 desta orde.

A sociedade limitada deberá presentar a solicitude da subvención financeira con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento, sen que, en ningún caso, poida solicitarse transcorrido 2 meses desde a data de alta no IAE ou, se é o caso, no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Artigo 5º.-Rendas para o inicio da actividade.

1. Poderán concederse subvencións de ata 3.600 euros, en concepto de renda para o inicio da actividade, por unha soa vez, para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que non medien máis de dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional ata a data da solicitude desta subvención.

Con carácter xeral, a contía da renda para o inicio da actividade non poderá superar o 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado ou, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, o 50% da achega inicial ao capital social do socio.

No caso de que o beneficiario desta renda sexa unha muller, a dita porcentaxe será do 60% e o límite máximo da subvención incrementarase ata 4.800 euros.

Con carácter excepcional, cando concorran razóns de interese social e circunstancias especiais para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderanse conceder axudas en concepto de renda para o inicio da actividade por unha contía máxima de 1.200 euros, sen necesidade de acreditar investimento en activo fixo.

Artigo 6º.-Beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia.

As contías no caso de axudas reguladas nos artigos 4º e 5º da presente orde incrementaranse nun dez por cento no caso de desempregados que, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, se é o caso, na mutualidade de colexio profesional, estean incorporados e manteñan a condición de beneficario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), con independencia de que, como consecuencia da aplicación deste incremento, se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais, corresponderalles aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no respectivo ámbito provincial.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axudas polas actuacións subvencionables realizadas desde a data de entrada en vigor desta orde presentaranse respectando os prazos específicos establecidos nos artigos 4º e 5º dela.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a este programa, e deberán ir acompañadas por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI e acreditación do NIF do solicitante e, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, DNI e poder suficiente do representante da sociedade e CIF da empresa.

b) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social.

De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) De ser o caso, documentos acreditativos das circunstancias sinaladas no artigo 2º parágrafo 3.

d) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda. Alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda. No suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura pública de constitución.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

e) Memoria económica do proxecto empresarial asinada polo solicitante que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, xunto con facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamento dos activos que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes.

f) Nos casos en que se solicite subvención financeira xuntarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo en que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VI) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo.

g) No caso de que se solicite a renda para o inicio de actividade e se constitúa unha sociedade limitada, documento acreditativo do desembolso total da achega inicial ó capital social da sociedade.

h) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo III).

i) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo V).

j) Se é o caso, autorización para obter a información tributaria nos termos que se establecen no artigo 12º, número 1, punto A, letra c) desta orde (segundo o modelo do anexo IV).

Artigo 10º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán dictadas polo órgano competente, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións concesorias ou denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con

carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para a valoración da contía das subvencións teranse en conta, especialmente, as solicitudes formuladas ou que afecten a desempregados membros de colectivos con especial dificultade para acceder ao traballo: menores de 30 anos sen experiencia laboral anterior, maiores de 45 anos, mulleres, parados de longa duración ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación no prazo que sinale a resolución de concesión da documentación común e específica que se relaciona nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Documentación acreditativa de que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo IV para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

d) Declaración complementaria do establecido no artigo 9º alínea h) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo III).

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira de reducción de xuros, xuntarase copia do contrato de préstamo. Con posterioridade, o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

De non achegarse xunto á solicitude a alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda; alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda; e no suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura pública de constitución.

DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social do solicitante ou das persoas incorporadas á sociedade limitada polas que se solicite subvención, de non telo presentado con anterioridade.

b) Cando se trate da renda para o inicio da actividade, documentación acreditativa, se é o caso, do investimento en activo fixo.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento común ou específica poderá presentarse xunto coa solicitude, á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 13º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas e subvencións establecidas neste programa son incompatibles coas establecidas nos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa, agás nos supostos de rendas para o inicio da actividade, en que só se utilizarán como parámetro para o cálculo da contía da subvención.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Acreditaren, previamente ao cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

c) Comunicárenlle ao organo concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axu

das para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

e) No caso de constitución dunha sociedade limitada os socios por que se conceda a subvención quedan obrigados a manter a súa achega ao capital social e a súa porcentaxe de participación no capital social durante un período mínimo de tres anos. Para estes efectos no primeiro trimestre de cada ano natural e durante o período de tempo sinalado, o beneficiario deberá presentar certificación do rexistro mercantil acreditativa desta circunstancia.

Artigo 15º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 16º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de

Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia será realizado directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

Sexta.-No exercicio económico 2004, as axudas recollidas nos anexos desta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.04.241A 470.1, código de proxecto 2003 00450, cun crédito de 6.210.000 euros; 16.04.241A.470.2, código de proxecto 2002 14439, cun crédito de 11.144.231 euros e 16.04.241A.470.3, código de proxecto 2002 14823, cun crédito 4.969.750 euros. Estas contías están recollidas na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa

convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da

orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2004 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede a súa convocatoria para o ano 2004 e das demais ordes que establezan as bases das medidas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes aos exercicios anteriores que quedasen pendentes no momento da entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen e observasen os prazos e condicións establecidos nelas, e/ou se é o caso, realizasen o investimento obxecto da axuda, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2004, en función da normativa que lles era de aplicación no momento de presentación da solicitude.

Segunda.-As axudas e subvencións recollidas no anexo A da Orde do 16 de maio de 2003, polas altas realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor da presente orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e condicións establecidos na Orde do 16 de maio de 2003, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo, e poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian a presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais