DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Venres, 26 de marzo de 2004 Páx. 4.208

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de marzo de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente axudas á contratación por conta allea ao abeiro dos sucesivos plans de promoción do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados no Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta as recentes modificacións na estratexia europea para o emprego articúlase un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego co obxecto de incidir na inserción laboral dos colectivos con desvantaxes para acceder e permanecer no mercado de traballo e para impulsar a estabilidade no emprego na Comunidade Autónoma.

A pesar de que é prioritario o apoio á contratación indefinida, existen modalidades da contratación temporal que poden propiciar a inserción laboral, mellorando a empregabilidade. Nesta perspectiva e sen esquecer o horizonte da necesaria estabilidade, considerouse necesario reorientar os incentivos á contratación por conta allea, regulándose en dúas ordes diferentes os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa

situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, para evitar situacións de paro de longa duración e de ocupación inestable, afastando a potencialidade de que xurdan novas situacións de risco ou desvantaxe social, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dos programas de fomento da contratación por conta allea coa finalidade de mellorar a empregabilidade de determinados colectivos de traballadores. Non obstante, para conservar a identidade e especificidade de cada un deles recóllense en anexos independentes as características propias de cada un.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes incentivos e a súa convocatoria, para o presente exercicio, axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, en especial no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos vindeiros exercicios, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2004 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2004 dun programa de fomento da contratación temporal de colectivos desfavorecidos, coa finalidade de favorecer a inserción laboral dos traballadores que presentan desvantaxes e dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, a través dos seguintes programas:

I. Programa de fomento da contratación temporal dos traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social (anexo A).

II. Programas de fomento dos contratos en prácticas de mozos titulados e para a innovación tecnolóxica (anexo B):

-Programa de fomento dos contratos en prácticas.

-Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D.

III. Programa de fomento da contratación temporal dos desempregados incorporados ao programa Labora (anexo C).

2. As bases específicas de cada un dos programas regúlanse nos correspondentes anexos A, B, C, desta orde e forman parte integrante dela.

3. Para efectos das axudas recollidas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

4. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios dos incentivos para o fomento da contratación establecidos nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde para cada un dos programas e tipos de axuda.

Capítulo II

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 3º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles:

1. Aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais cando a contratación se realice para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia, agás nos supostos previstos no punto seguinte.

2. Ao director xeral de Promoción do Emprego nos seguintes supostos:

a) Solicitudes presentadas ao abeiro do programa de fomento da contratación temporal dos traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social (anexo A) para a contratación de 15 ou máis traballadores.

b) Solicitudes de axuda á contratación en prácticas con orixe en plans de desenvolvemento e investigación tecnolóxica para a contratación de 15 ou máis traballadores ou cando se trate da incorporación a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPYME (anexo B).

c) Solicitudes de axuda á contratación temporal dos desempregados incorporados ao programa Labora (anexo C) que recollan a contratación de 15 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas no distintos programas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral, sempre que a contratación sexa posterior á data de entrada en vigor desta orde.

Artigo 5º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ditándose resolución para o efecto.

Artigo 6º.-Resolución, recursos e criterios de valoración.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán dictadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora

da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Para a valoración da contía das subvencións terase en conta o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como a contratación de mulleres e de menores de 30 anos sen experiencia laboral anterior.

Artigo 7º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 8º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 9º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os incentivos establecidos para cada colectivo ou modalidade de contratación nos distintos programas de fomento da contratación recollidos nesta orde son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación puidese dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os que está prevista subvención, correspóndelle a opción ao solicitante.

2. As subvencións previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social.

3. Os incentivos á contratación en prácticas (anexo B) e á contratación temporal de desempregados incorporados ao programa Labora (anexo C) compleméntanse e serán compatibles cos incentivos á súa transformación en indefinidos nos termos que se prevexan nas ordes de convocatoria dos programas de fomento da contratación indefinida convocados

no eido de Promoción do Emprego e da estabilidade laboral pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

4. Os beneficios establecidos á contratación, nos anexos A, B, C desta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

5. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outros, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Ter acreditado, previamente ao cobramento, que se encontran ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

d) Manter os postos de traballo obxecto de subvención durante o período e nos termos establecidos para os distintos programas recollidos nos diferentes anexos desta orde.

Artigo 11º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais leva

rá a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do programa Labora: Xuventude con Experiencia será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2004, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2, código de proxecto 2002 14439 cun crédito de 11.144.231 euros, 16.04.241A.470.3, código de proxecto 2002 14823 cun crédito de 4.969.750 euros, 16.04.241B.475.0, código de proxecto 2002 14106 cun crédito de 4.395.599 euros, 16.04.241B.475.2, código de proxecto 2004 00340 cun crédito de 3.078.798 euros e, 16.04.241A.480.5, código de proxecto 2004 00337 cun crédito de 144.750 euros. As ditas contías están recollidas na Lei 8/2003, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2004 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de

axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (Iebts), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás

empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2004 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2004, e da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2004, e das demais ordes

que estableza nas bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídos nos programas orzamentarios 241A e 241B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciads polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes do programa de axudas á contratación temporal de traballadores pertencentes a colectivos en risco de exclusión social e a contratación en prácticas, realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que quedaran pendentes de resolución no momento de entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios do exercicio 2004 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As axudas polas contratacións realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitaranse respectando os prazos e demais requisitos establecidos nas ordes do 19 de maio de 2003 para as contratacións temporais realizadas con desempregados en risco de exclusión social, e do 7 de maio de 2003, para as contratacións en prácticas, e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

ANEXO A

Programa de fomento da contratación temporal

dos traballadores pertencentes a colectivos

en risco de exclusión social

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste programa é facilitar a incorporación ao mercado de traballo de desempregados pertencentes a colectivos desfavorecidos definidos na base cuarta deste anexo.

Segunda.-Réxime de axudas.

As axudas consideradas neste anexo están amparadas, na súa adecuación ao dereito comunitario, pola autorización da Comisión Europea C (2002) 1884 fin, de 22.05.2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado de CE das axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Terceira.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste anexo as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea pertencentes abonados na base cuarta para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nas bases deste anexo.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Cuarta.-Colectivos.

Para os efectos deste programa, entenderase por colectivos en risco de exclusión social os seguintes:

a) Os perceptores da renda de integración social de Galicia, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

c) Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción e reinserción laboral.

e) Mozos que estean ou estivesen, ata a súa maioría de idade, baixo tutela ou garda da Administración autonómica.

f) Inmigrantes e persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Quinta.-Requisitos.

1. Serán subvencionables as contratacións temporais, a tempo completo ou a tempo parcial, celebradas con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego pertencentes a algún dos colectivos relacionados na base cuarta. A duración inicial do contrato non poderá ser inferior a 6 meses.

2. Os contratos de traballo obxecto de subvención deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida, así como observar os requisitos e prescricións establecidas na normativa de aplicación.

Sexta.-Axudas.

As empresas que realicen contratacións temporais sempre que teñan unha duración mínima de 6 meses e se realicen con desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, pertencentes a colectivos relacionados na base cuarta deste anexo, poderán obter as seguintes axudas, de acordo coa seguinte escala:

Duración

do contrato

6 meses

7 meses

8 meses

9 meses

10 meses

11 meses

12 meses

Os incentivos anteriormente sinalados reduciranse proporcionalmente ao tempo efectivo de traballo cando o contrato se celebre a tempo parcial.

Sétima.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa regulado neste anexo:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración

das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

Solicitudes, documentación e xustificación

Oitava.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos ao presente anexo e deberán ir acompañadas por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Cando se solicite axuda pola contratación de máis dun traballador, relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita (anexo III-A).

3. DNI do traballador.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe de vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social.

5. Documentos acreditativos das características que determinen a súa pertenza aos correspondentes colectivos.

6. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

7. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo XI).

8. Se é o caso, autorización para obter a información tributaria nos termos que se establece na base novena (anexo XII).

Novena.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma,

agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XIII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

d) Declaración complementaria da establecida na base oitava número 8 deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

2. Malia o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Seguimento e obrigas dos beneficiarios

Décima.-Seguimento e obrigas.

1. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados ao abeiro deste programa, polo período mínimo da duración do contrato obxecto da subvención.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

ANEXO B

Programas de fomento dos contratos

en prácticas de mozos titulados e para

a innovación tecnolóxica

Primeira.-Programas.

Neste anexo establécense as bases específicas dos incentivos á contratación en prácticas, establecidos pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coa finalidade de favorecer a inserción laboral dos mozos titulados, a través dos seguintes programas:

a) Programa de fomento dos contratos en prácticas. Obxecto.

Este programa ten por obxecto impulsar a realización de contratos en prácticas, regulados no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, para favorecer a inserción laboral e a formación teórico-práctica dos mozos que estivesen en posesión do título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional.

b) Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D. Obxecto.

Este programa ten por obxecto facilitar a aproximación dos mozos titulados ás empresas e potenciar a presencia de persoal cualificado para o desenvolvemento tecnolóxico e técnico naquelas, dinamizando o intercambio de capacidades tecnolóxicas no mercado laboral.

Segunda.-Réxime de axudas.

Os incentivos establecidos neste anexo quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis. Polo tanto, non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de 3 anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 2 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13-1-2001).

Terceira.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste anexo as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nas bases deste anexo.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación derive de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Cuarta.-Requisitos.

1. Os contratos en prácticas deberán cumprir as esixencias e formalidades establecidas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores e nas normas regulamentarias de desenvolvemento.

2. Estes contratos deberán realizarse con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato da mesma modalidade.

3. Para que os ditos contratos poidan ser obxecto de subvención deberán concertarse a xornada completa e por unha duración inicial non inferior a doce meses, e non poderán supoñer a sucesión de traballadores en prácticas para ocupar o mesmo posto de traballo.

4. Os contratos deberán formalizarse por escrito e comunicárselle á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Quinta.-Axudas pola contratación en prácticas.

1. Os contratos en prácticas que se realicen con mozos titulados, segundo o establecido no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, e que reúnan os requisitos e condicións sinalados na base anterior, incentivaranse nunha contía de ata 1.500 euros, incrementándose ata 2.100 euros cando se realicen con mulleres tituladas.

2. Cando o traballador contratado posúa o título universitario de doutor, os incentivos previstos no punto anterior incrementaranse nunha contía de ata 600 euros.

Sexta.-Axudas aos contratos en prácticas relacionados con proxectos I + D.

1. Poderán solicitar as axudas previstas neste programa as empresas, a que se refire a base terceira deste anexo, que contraten en prácticas mozos titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior ou con títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional, desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Que participasen en programas de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico en universidades ou centros de investigación públicos ou privados e se lles asignen tarefas acordes coa súa preparación e titulación.

b) Que se incorporen a un departamento de actividades innovadoras ou, no caso de que este non exista, se lles asignen tarefas que favorezan a innovación tecnolóxica ou técnica da empresa.

c) Que se incorporen a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPEME.

d) Que se incorporen a empresas de menos de 50 traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa introdución das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

2. Os contratos en prácticas relacionados con proxectos I+D que reúnan os requisitos e condicións sinaladas nas bases anteriores incentivaranse nunha contía de ata 2.100 euros, incrementándose ata 2.700 euros cando se realicen con mulleres tituladas.

3. Cando o traballador contratado sexa doutor, os incentivos previstos no punto anterior incrementaranse en 600 euros adicionais.

Sétima.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nos programas deste anexo:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

c) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato en prácticas polo que se solicita a subvención, sempre que se formalicen coa mesma empresa.

Oitava.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos ó presente anexo e deberán ir acompañadas por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación dos supostos e tipo de incentivo que se solicita (anexo VI-B).

3. Título ou certificado acreditativo da data de terminación dos estudios e DNI de cada traballador contratado. Se é o caso, título universitario de doutor.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social. E, contrato de traballo e a alta na Seguridade Social de cada traballador contratado.

5. Cando se trate de contratos en prácticas vinculados a proxectos I+D, deberá xuntarse unha memoria na que se recolla unha definición precisa do posto de traballo que inclúa as tarefas que vai desenvolver o traballador, e unha breve descrición das actividades empresariais innovadoras máis relevantes que vai desenvolver o equipo ou departamento da empresa no que se integrará o traballador ou das tecnoloxías da información e as comunicacións introducidas nas empresas de menos de 50 traballadorese, se é o caso, documentación acreditativa da participación do traballador contratado en programas de investigación. No suposto de que se trate da incorporación a proxectos empresariais de investigación e innovación acollidos ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, ou a empresas que participen ou participasen no programa IDIPEME, deberá achegarse informe favorable da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

6. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

7. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo XI).

8. Se é o caso, autorización para obter a información tributaria nos termos que se establece na base novena deste anexo (anexo XII).

Novena.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XII, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

d) Declaración complementaria da establecida na base oitava número 6 deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

2. Malia o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude á opción do interesado. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Décima.-Obrigas dos beneficiarios.

1. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados ao abeiro deste programa, polo período mínimo de duración do contrato obxecto de subvención.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os mesmos requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que lle deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

ANEXO C

Programa de fomento da contratación

temporal dos desempregados incorporados

ao programa Labora

Primeira.-Obxecto.

Ofertar aos mozos beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia posibilidades de

mellorar a súa empregabilidade, facilitándolles o acceso ao mercado laboral, co fin de adquirir a necesaria experiencia profesional co horizonte da súa permanencia nel.

Segunda.-Réxime de axudas.

As axudas recollidas neste anexo están amparadas na súa adecuación ao dereito comunitario polo seu sometemento ao Regulamento (CE) nº 2204/2002 da Comisión do 11 de decembro de 2002 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais para o emprego (DOCE L337/3; 13-12-2002).

Terceira.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos neste anexo as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores desempregados e inscritos no Servizo Público de Emprego que teñan a condición de beneficiarios do programa Labora, para prestaren servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nas bases reguladoras deste anexo.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Cuarta.-Colectivos.

Para os efectos deste programa, entenderase por colectivos beneficiarios os desempregados que, no momento da súa alta no correspondente réxime por conta allea na Seguridade Social, estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), e se atopen dentro dos colectivos do artigo 2.f do Regulamento (CE) nº 2204/2002 da Comisión de 11 de decembro de 2002 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para o emprego (DOCE L337/3; 13-12-2002).

Quinta.-Requisitos.

1. Serán subvencionables os contratos temporais, a xornada completa, cunha duración inicial mínima de 12 meses.

2. Os contratos deberán formalizarse por escrito e comunicárselle á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

3. Serán incentivables ao abeiro deste programa tódas as modalidades contractuais de carácter temporal e de duración determinada, agás o contrato para a formación.

Sexta.-Axudas.

1. Os ditos contratos incentivaranse cunha contía de ata 1.800 euros, que se pode incrementar ata 2.400 euros cando a contratación se realice con mulleres.

2. Cando se trate de contratos en prácticas, os incentivos previstos no número 1 incrementaranse nunha contía de ata 300 euros.

3. Cando o traballador contratado en prácticas posúa o título universitario de doutor, os incentivos previstos no número 2, incrementaranse nunha contía de ata 600 euros.

Sétima.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos no programa deste anexo:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) Os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

Oitava.-Solicitudes, documentación e xustificación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos ao presente anexo e deberán ir acompañadas, por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Cando se solicite axuda pola contratación de máis dun traballador, relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que se solicita (anexo IX-C).

3. DNI do traballador, título ou certificado acreditativo da data de terminación de estudios e, se é o caso, título universitario de doutor.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe de vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social, copias dos contratos de traballo e altas na Seguridade Social de cada traballador contratado.

No suposto de contratos temporais de obra ou servizo determinado regulados no artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, certificación da empresa acreditativa do tempo estimado de duración del.

5. Declaración comprensiva do conxunto de tódas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

6. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo XI).

7. Se é o caso, autorización para obter a información tributaria nos termos que se establece na base novena (anexo XII).

Novena.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, por exemplar duplicado, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XII, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

d) Declaración complementaria da establecida na base oitava número 5 deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo X).

2. Malia o sinalado no punto anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude á opción do interesado. Neste suposto, poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

Seguimento e obrigas dos beneficiarios

Décima.-Seguimento e obrigas.

1. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal os traballadores contratados ao abeiro deste programa, polo período mínimo de duración do contrato obxecto da subvención.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os mesmos requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa. Non obstante, o contrato do novo traballador deberá ter unha duración mínima de 12 meses, no caso contrario, a empresa deberá proceder a reintegrar a parte proporcional correspondente da subvención concedida nos termos sinalados no artigo 8º desta orde.